Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por qué nos gusta a Panorama

lunes, 17 de agosto de 2015
Vaia por diante -para non enganar- que a min non me gusta a Panorama. Pero non me gusta, igual que non me gustan os Chichos ou o finado Manolo Escobar. E non pasa nada. Outros gustan deles e é posible que durman con Leonard Cohen, que lles pareza remilgado Davide Salvado ou engrolado o cantar de Pasión Vega. E -repito- non pasa nada. Para gustos fixeron os colores e a nosa capacidade de distinguilos e ó mesmo tempo detestalos ou podelos admirar.

Por iso podo dicir abertamente que a min non me gusta a Panorama. Porque non me transmite nada, como tampouco me transmite nada unha pedra nun camiño ou un gran de area nun areal.

Ora ben, que non me guste non quere dicir que non considere e mesmo valore que ó seu redor, máis ca un ronsel de fans xira un fenómeno social que alguén acabará estudando algún día -se é que non o están estudando xa- no ámbito de coñecemento das redes sociais.

E se alguén se dedica a estudar con rango de postgrao esta curiosa eclosión social que procesiona polas estradas galegas en catro camións cada verán promovendo unha marea -fundamentalmente nova- detrás dos seus estrondosos acordes, seguro que o acabará facendo ó fío da pregunta que agora repito e que inserín no titular: Por que nos gusta a Panorama?

Loxicamente non o vou razoar neste breve espazo, o cal non quita que non sosteña algunha teoría, que paso de contado a esbozar.

O país social no que vivimos -é dicir, Galicia- ten moitas razóns históricas polas que se configurou colectivamente coma un país con capacidade para envexar culturas alleas e desprezar ou afastarse conscientemente -ou sexa, desleigarse- da cultura propia.

Fomos un país pobre que malviviu en casas pobres quentadas por unhas cantas rachelas e pola calor animal do bafo de vacas pobres, e que andou por camiños fondos e noitébregos, axexados polo lobo, para poder gañar o pan. Fomos un país pobre que, para superar a nosa pobreza, tivo que emigrar. E ó emigrar e ver mundo, reparou por aquí e por acolá. E ó reparar, tanto copiou casas da montaña suíza como mansións das beiras do Paraná ou das "haciendas" cubanas; e tan ben importou costumes, como deseñou acolá símbolos para nos identificar.

Realmente, máis que un país, somos un pais sucedáneo afeito a admirar o alleo e a rexeitar o propio, porque fai aflorar en nós lembranzas doutros tempos que por hixiene histórica desexamos olvidar.

Por iso, ó non sermos quen de gozar de iconas culturais nosas con capacidade para nos asombrar, acabamos por admirar sucedáneos. Sucedáneos coma a Panorama, que leva catro camións que non collen nunha Praza e un escenario máis grande ca unha catedral, aínda que logo todo semelle precisamente un sucedáneo. É dicir, un monumental playback.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES