Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por que non arde o deserto?

miércoles, 12 de agosto de 2015
O lugar no que me predispoño a escribir non é o deserto, pero fai moita calor. Fai tanta calor que a xente non camiña a media tarde polas rúas e algunhas cafeterías teñen entre os toldos uns sistemas de vaporización que de cando en vez deixan caer sobre os sudorosos clientes uns bafos refrescantes que deben saber a granizada de frambuesa, pola cara de satisfacción que se lles ve á concurrencia cando o pitorriño salfire o elixir refrescador.

Neste lugar no que escribo non hai deserto, pero case, porque está todo tan seco que as verdes veigas doutrora semellan páramos nos que nunca se pon o sol.

Será por iso polo que, despois de escoitar na radio unhas declaracións da Conselleira de Medio Rural, se me foi a min a idea cara o deserto para facerme a min mesmo unha pregunta retórica -ou obvia- que leva implícita no enunciado a súa propia contestación.

¿Por qué non arde o deserto?, deberiamos preguntármonos cada verán os galegos e cada inverno os xestores institucionais, para explicarnos dunha santa vez onde está a solución para ese cancro que nos asa inexorablemente cada ano, coma se fose unha praga divina que non ten outra solución cá de rezarmos e esperar a que as pregarias cheguen a nós en forma de nubes cargadas de auga, día si e día non.

¿Por qué non arde o deserto? Pregunto. Pois, moi fácil. Porque, por máis que alí se acheguen diariamente exércitos de incendiarios cargados con chisqueiros de mecha, trebellos caseiros incendiarios ou sofisticados sistemas con paracaídas e bombas de retardo, non hai maneira de xerar unha ignición. Velaí qué fácil lle sería a un goberno calquera xestionar o problemas dos incendios se o monte galego fose un remedo setentrional do Gran Atlas africano. Ademais de aforrar moitos cartos, non tería que estar rezándolle diariamente ó patrón para que mande chover, como escribín denantes, día si e día non.

E ven isto a conto porque a conselleira botou unhas contas da leiteira sen ir -gravísimo error- unha vez máis ó fondo da cuestión. Dixo que é moita casualidade que nunha fin de semana se inicien a media tarde 70 ou 80 incendios por eles sos. E, polo tanto, iso quere dicir que hai 70 ou 80 persoas que lle queren facer moito dano á sociedade galega, pero por máis que lle quixeran facer dano a Marruecos xamais serían quen de logralo tratando de poñerlle lume ó país.

Por qué arden os montes, habería que preguntarse, logo entón. Porque lle plantan, si. Pero, repito, se plantaran no deserto non teriamos por qué ter a máis mínima preocupación.

Arden, entón, porque levamos corenta anos cunha desastrosa xestión forestal e do medio rural, que só terá solución cando Galicia sexa precisamente un deserto. Para tranquilidade e descanso da conselleira, que así tamén poderá coller no verán as vacacións.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES