Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eternidade

lunes, 10 de agosto de 2015
En termos puramente filosóficos ou relixiosos, o concepto eternidade é, literalmente, aquel tempo que non ten nin principio nin fin. Se nos movemos no ámbito das crenzas, eternidade é aquel tempo que queda cando un deixa de existir.

Ora ben, se do que falamos é de cousas máis terreas, é dicir, de obras públicas, o concepto eternidade é o tempo que tarda calquera obra pública -por moi mínima que sexa- en ser rematada dende que o político de turno coloca -ou colocaba- a primeira pedra.

Poñamos por caso a que estes días volveu de novo á actualidade, como é a da rehabilitación, reconstrucción ou restauración do vello pazo episcopal agora transformado en Museo Arqueolóxico Provincial en permanente construcción, igualiño ca esas páxinas webs de moitas empresas de medio pelo e institucións de media cana que queren estar na rede por iso de que hoxe se non estás na rede non existes, pero non teñen vagar nin recursos para actualizalas e entón colocan un reloxo de area, un figurín con casco e unha carretilla que se move de aquí para alá ou trebello virtual semellante, cunha lenda en flash que di moi seriamente "En construcción".

Vai xa para catorce anos -tres lustros, case- que o Museo pechou as portas "temporalmente" e trasladou a súa colección e as oficinas a un almacén escolar da Carballeira, onde, entre outras cousas, o propio director do Museo acabou xubilándose (neste caso, case cabería dicir "reformándose", como din en Portugal) e probablemente acabe xubilándose o seu director actual denantes de que as portas da Praza Maior volvan abrir nas debidas condicións.

"Eternidade", esa é a mellor definición para saber o que dura unha obra pública, aquí e en Algeciras. Pero moito máis, aquí, por iso de que as obras públicas e privadas, en Galicia sempre quedan sen rematar. Senón repare, benquerido lector, cara o Monte Gaiás, en Santiago de Compostela, onde se agacha o paradigma mundial das obras sen acabar de facer.

"Eternidade", é o concepto que teñen gravado carne viva os traballadores do Museo, porque estou seguro de que han ser máis cós dous últimos directores, os que acabaran "reformados" denantes de que o edificio se reforme definitivamente tamén.

Dito isto, indo xa ó fondo da cuestión e dirixíndome ós que deciden as cifras que van na columna da dereita duns orzamentos estatais, diríalles que non enganen a Ourense, pois se unha obra leva 13 anos parada porque non se lle fornecen fondos é por unha soa razón: Porque o que ten poder de decisión considera que non é necesaria. E se considera que non é necesaria, entón o que debe facer é ser valente e vir a Ourense a dicilo claramente.

A poder ser, a peito descuberto e dende a porta do propio edificio, en plena Praza Maior.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES