Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Porque lle pitan ao himno e á monarquía?

lunes, 10 de agosto de 2015
Esta é a pregunta que se debían facer na vez de ameazar e intentar recortar liberdades para caer aínda mais baixo, pois como dicía don Andrés Pérez Carballeira, o mestre que me ensinou as primeiras letras na escola habanera dos Vilares de Parga: O respeto e o cariño dos demais temos que gañalo polos nosos actos coa empatía que amosemos aos nosos semellantes. Ese respeto non se pode impoñer, pois xa non sería respeto e aínda que nos adularan sería por medo, pero ese medo ten un certo límite e, debido ao valor que da a razón ao oprimido, tamén se pode tornar en rebeldía contra a opresión e a tiranía.

Don Andrés tamén nos ensinou moitas mais cousas como o amor a nosa terra, a nosa bandeira azul e branca, aos nosos escritores patrios e as nosas equipas de fútbol, aínda que algúns alumnos nunca o chegaran a entender e hoxe apoien a equipas foráneas e outros intereses alleos a eles e aos da Galiza na que viven.

Os españois miran para o dedo que sinala a lúa e esixen respeto para o seu himno violentando as leis naturais e as súas propias, pois a pesar de que son eles os que as fan e os que elixen os tribunais aínda insisten no seu desatino; tropezan outra vez na mesma pedra porque non queren darse conta de que xa houbo outras dúas pitadas ao himno e ao cazador de elefantes (unha en Madrid e outra en Valencia) que foron levadas a eses tribunais e foron rexeitadas polos seus maxistrados ao non atopar indicios de delito algún.

Agora seica lle queren poñer portas ao campo creando leis especiais para que non volva ocorrer. Éncheselles a boca falando de respecto ás institucións e aos que se senten españois pero non amosan ningún cos que non nos sentimos tal nin coas nacións oprimidas; cando aínda no seu dicionario aparecen adxectivos ofensivos que pretenden denigrarnos, cando non respectan nin as súas propias leis para co noso idioma e cada vez centralizan mais a nosa economía deixándonos sen industria, sen pesca e sen o sector primario, que era o sustento da nosa nación. Despois de todo isto aínda queren que os amemos.

Non pensan eles que tanto o Himno español como esa arcaica institución real e a do militar que se agochaba ao seu lado non son democráticas nin foron elixidas por ninguén, senón impostas polo franquismo vixente nesas institucións e nas organizacións políticas que abrazaron a famosa e venerada “transición democrática” de 1977. Penso que estes imperialistas fracasados, que dicía Castelao, xa chegaron inconscientemente a súa deriva total. Nunca entenderán que os que pertencemos a outras nacións sen estado non estamos identificados co imperio, nin co seu himno, nin coa dinastía reinante que foi imposta por Franco, pero que nunca foi elixida polo pobo.

É curioso que por expresar pacificamente o desacordo coa imposición de himnos e institucións obsoletas se mobilice urxentemente o Goberno e se reúna a Comisión contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia cando non houbo nada diso, pero sen embargo non actuaron con esa celeridade contra os ultras da dereita do club madrileño que xa levan asasinado ao seareiro da Real Sociedade, Aitor Zabaleta, e ao membro dos Riazor Blues, Francisco Xabier Romero (Jimmy). Daquela non fixeron nada mais que ilegalizar a peña do Deportivo da Coruña, a das vítimas, claro, mentres Enrique Cerezo (Presidente do Atlético de Madrid) sacou a cara polos seus fascistas e algún locutor de televisión dixo que o Manzanares non tería a mesma alegría sen eles. Será porque “son buenos españoles”, pero daquela eses Comités calaron e agora queren buscar un chibo expiatorio no que descargar toda a súa ira, cando no Camp Nou o único que houbo foi unha camaradería entre as dúas afeccións e unha festa deportiva sen igual, como non se pode dar en calquera dos dous grandes aforos madrileños por culpa deses energúmenos que eu coñecín e sufrín no outono de 1992, no penúltimo día da “Marcha de Ferro”, e puiden comprobar que nos días de partido solo se pode andar polas rúas madrileñas cando esas feras están dentro do estadio, pois aquel día saíron antes que nós e cando rematou o partido entre o Real Madrid e o Athletic de Bilbao xa nos estaban agardando, e, a pesar da policía cos seus grandes cabalos e de perder por dous a cero, fomos atacados con pedras polas bandas fascistas dos Ultra Sur.

Que bonito é cando che amosan cariño sen ti pedilo, porque o mereces; que te respecten sen imposición algunha aínda que te sintan diferente, pero despois de analizar estes feitos cada vez teño mais claro que ningún destes imperialistas foi a escola habanera dos Vilares a escoitar as aulas que maxistralmente impartía entre mais de cento e pico nenos de distintas idades o meu querido mestre, a quen lembrarei sempre polas súas ensinanzas.

Publicado na revista "Terra e Tempo" dixital o 11 de xuño de 2015.
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES