Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A violencia..., constante histórica?

viernes, 31 de julio de 2015
Seguramente non sería un desacerto afirmar que na Historia da Humanidade sempre nos encontramos co mesmo denominador común: As guerras, o terrorismo camuflado en múltiples facianas, as vinganzas, a VIOLENCIA, e, sen embargo, alardeamos, desde os máis diversos ámbitos políticos, culturais, morais e relixiosos, de acadar a PAZ. É un vergonzoso paradoxo facer a guerra, e sobre todo, ter que facela, para alcanzar a paz (si velis pacem, para bellum = se queres a paz, prepara a guerra, reza o adaxio); parece unha esixencia que só emerxe, desgraciadamente, na sociedade humana como un integrante inevitable.

A nosa existencia, por moito que o disimulemos, ten un indiscutible compoñente tráxico: nin os mitos, nin as relixións, nin a mesma ciencia, e non digamos a tecno–ciencia, foron capaces de librarnos das actitudes e comportamentos violentos, incluso a fe no PROGRESO élles unha maneira de engaiolar, porque tampouco somos capaces de poñernos de acordo en que entendemos por tal.

O sociólogo e escritor alemán, Wolfgang Sofsky, escribe que a violencia e a crueldade non son consecuencia de miseria, do sufrimento, da fame, da opresión, da falta de cultura, senón que FORMAN PARTE DAS INVARIANTES DA HISTORIA CULTURAL; nin sequera forman parte da regresión á animalidade: Son consecuencia, segundo afirman outros estudosos, de que somos ANIMAIS INNATURAIS POR NATURALEZA.

Pero... acaso non é isto unha contradición?. Pois non, amigos lectores, queren dicir, os que así o afirman, que como non nos rexemos polos instintos, senón polo intelecto, soemos comportarnos con moita máis crueldade que as bestas, que non empregan esas armas letais tan sofisticadas. E a proba diso achámola en que todo optimismo ilusorio respecto a paz, foi un fracaso a través da historia, como moi ben nos evidenciaron as fracasadas esperanzas, nesta liña, xeradas pola Modernidade. Reflexionemos sobre algunhas.

Debemos de gabar, sen dúbida, a actitude crítica e científica dos intelectuais da Modernidade; pero, tamén, xulgar os resultados. Porque libres de ataduras eclesiásticas e inmersos nun contexto democrático, nos estados vai a desempeñar o papel de imposición xerárquica a economía, que desencadea unha serie de conflitos e guerras, incluso de exterminios descoñecidos antes, ata o estremo de que, entregados ós avances científico–tecnolóxicos, no é nada absurdo pensar nun posible exterminio da vida no planeta. Como di o doutor Garazalga, profesor na Universidade do País Vasco, nun excelente artigo, a Modernidade, en vez de acabar coa violencia, como auguraba un certo optimismo intelectual, introduciu unhas formas da mesma que permiten afirmar que esta época foi a peor de todos os tempos.

Cita este profesor a René Girard, crítico, historiador e filósofo francés, que comparte con W. Sofsky o pesimismo radical sobre as posibilidades que ten o ser humano de escapar da violencia, aínda que recoñece unha posible saída no que chama “supercultura”, representada polo cristianismo, que, cos seus máis e menos, pretende introducir o amor na sociedade, para, cando menos, atenuar os compoñentes violentos na vida social. E isto debe chamar a atención, porque na Modernidade celébrase a superación das vinculacións institucionais da mesma Igrexa.

Pero traiamos á palestra a Eugen Drewermann, teólogo ex–católico alemán, quen, segundo escribe o mesmo Dr. Garagalza, está de acordo tanto con Girard como con Sofsky en que a solución ao problema da violencia non pode vir, nin da razón política, nin da razón ética, e desmarcándose deste último pensa que só a sabedoría relixiosa pode ofrecer unha resposta a espiral do medo, mediante descargas “ritualizadas” para que a psique restableza o equilibrio interno.

Sen embargo, penso que isto non da solución ao problema da violencia, nin remedia o pesimismo que deixa como unha singradura o optimismo que xerou a Modernidade. Por suposto, aquí penso que sempre hai que distinguir entre a relixión como sentimento de “religación”, como dimensión teologal da realidade persoal humana, da institucionalización relixiosa, que non sempre afogou o mal co ben, como di San Paulo, e hai que recoñecer que tivo etapas verdadeiramente mellorables.

Ós paradoxos cos que nos encontramos na vida non lles podemos negar esforzos explicativos; pero a decepción de non acertar coas solucións para os mesmos, nin nas prácticas científicas, nin nos instrumentos propiciados por outros saberes, seguramente levaron a algúns estudosos, e a Sofsky, en particular, a afirmar que tampouco a cultura, en xeral, resulta eficaz para compensar os sufrimentos, pois os mesmos sistemas de valores só proporcionan un sentido imposto.

Lean, lean, a este sociólogo alemán, cando afirma, referíndose a cultura, incluído o sistema de valores, que “a cultura obxectiva aprópiase dos homes e mantenos baixo o seu poder. Cerca o corpo, comprime o espírito nos seus moldes. O prezo que se paga por ser descargado dalgúns pesos é a perda da liberdade, o sometemento da vida a normas”.

Aquí cabe darlle entrada ao pensamento de Friedrich Durrenmat, cando afirma que “toda cultura se funda máis sobre prexuízos que sobre verdades”. Comprendo que nos cause dor, a min o primeiro, pensar que aquilo que tanto “adoramos”, a cultura, nos resulte algo así como traidora; pero non se pode renunciar a adquirila, outra cousa é darlle SENTIDO, darlle “sentidiño”.

Na Modernidade, o home ilusionouse co PROGRESO, embargouno unha desmedida confianza no progreso científico–técnico e o desenvolvemento económico–industrial, pensando que levarían consigo un progreso ético–político e a esperanza de que a paz se consolidaría dunha maneira irreversible; pero, amigos lectores, do “progreso político” (se salvamos a Mas, ese xenio dos despropósitos) está resultando un chusco con chocolate amargo, o asunto da “paz” remítenos a unha idea reguladora nun horizonte evanescente.

Así que, como di Garazalga, “a conclusión, de estrita observancia pesimista, que extrae Sofsky das súas observacións é que A VIOLENCIA É O DESTINO DA ESPECIE. Pese ás boas intencións, a cultura, lonxe de ser un lenitivo e un antídoto, é máis ben un factor coadxuvante á barbarie, pois a súa (entidade) paradoxal consiste en que CULTIVA E ALIMENTA AQUELAS FORZAS QUE INTENTA CONTER”.

Moito me temo que a todo isto, dende o sentido común, lle chamemos “pesimismo existencial”, semellando ó can (fora a alma, claro!!!) que non ladra por valente, senón por medroso, mentres nosoutros nos valemos de placebos literarios para desbotar da conversa o que non nos gusta. Por isto se explica que busquemos a inmortalidade, para fuxir do nihilismo sepulcral, no que xa non hai violencia; pero tampouco paz.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES