Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Romeiros do centro penitenciario de Teixeiro

lunes, 27 de julio de 2015
Amig@s de PASTORAL PENITENCIARIA: Recibín unha invitación para facer presente a Pastoral Penitenciaria neste grupo de cristiáns galegos: A ROMAXE. Foi na Revista Irimia onde saíu a entrevista que Nieves Espiñeira Medín lle fixo a Andrea Lago e Ricardo Pesa, xestores da casa de acollida para os permisos a estranxeiros e xentes que non teñen familia ou con outros problemas. Lembrades? Tivo moi boa aceptación e incluso foi publicada en Madrid, creo que en Ágape. Esta casa está n’A Coruña patrocinada por Cáritas de Compostela e está a facer un marabilloso labor. Parabéns para todos eles!. Hai outra en Lugo. Necesítanse algunhas máis. Por exemplo en Ferrolterra, onde hai unha grande poboación reclusa. Os evanxélicos e os de RETO tamén está a facer un bo traballo.

O Papa Francisco estanos a falar insistentemente da misericordia. E medra esta sensibilización. E, daquela, pensei eu: E logo por que perder esta oportunidade e non preparar unha saída cun grupo deles á Romaxe que é unha grande oportunidade de concienciación? Por que non pór en contacto vivo e directo estes dous mundos?, que son o mesmo. As comunidades de fe e os crentes da Galiza temos necesidade de coñecer e contactar cos irmáns residentes na nosa Comunidade e das nosas comunidades cristiás e humanas, de onde queira que veñan. Sexan os que foren os motivos de privación de liberdade. Son presos. Pobres e empobrecidos. Sen nome. Con identidades rompidas e sen estima. E iso para Xesús, o Cristo, xa é razón suficiente. Temos de sermos acolledores. E que lonxe fican os cárceres!, incluso fisicamente.

Algúns son inocentes. E todos os outros merecen oportunidades de rehabilitación reeducación e reinserción social, como di o art, 25,§ 2 da Constitución española na súa versión oficial en Lingua Galega:

“As penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán encamiñadas á reeducación e reinserción social e non poderán consistir en traballos forzados. O condenado á pena de prisión que estea cumprindo esta gozará dos dereitos fundamentais deste capítulo, fóra dos que se vexan expresamente limitados polo contido da sentencia condenatoria, o sentido da pena e a lei penitenciaria. En todo caso, terá dereito a un traballo remunerado e mais ós beneficios correspondentes da Seguridade Social, así como ó acceso á cultura e ó desenvolvemento integral da súa personalidade”.

Para os cristiáns hai máis motivacións. É unha chamada forte e grande á conversión. “Os presos evanxelízannos”. Son eles os que nos fan favor a nós. “Acordádevos dos presos, como se vós estivésedes presos con eles, e dos maltratados, xa que tamén vós estades no corpo”. (Heb. 13,3).
A nosa Igrexa naceu nas prisións: Xesús, preso. Pedro, preso. Paulo, preso. Santiago, perseguido e decapitado, etc. E as comunidades axudáronlles. “Pois agora, ide e facede vós o mesmo”.

Imos empezar un Ano Xubilar da Misericordia. “Do mesmo xeito que a misericordia de Deus, sempre nova nas súas formas, abre novas posibilidades de crecemento no ben, celebrar o Xubileu significa tamén esforzarse en crear novas ocasións de recuperación para cada situación persoal e social, por máis que aparentemente pareza irremediabelmente comprometida. Todo isto aínda é máis evidente para a realidade carceraria: absterse de accións promocionais en favor do recluso significaría reducir a prisión a mera retorsión social, facéndoa somentes odiosa”. Unha ocasión que non se pode desperdiciar. É preciso aproveitar o Ano Santo para remediar eventuais inxustizas, para sandar calquera exceso, para recuperar o que de ouro modo se perdería. E, se isto vale para calquera experiencia humana que se pode mellorar, con tanta maior razón se aplica á experiencia do cárcere, onde as situacións que se crean son particularmente delicadas”. (Mensaxe de San Xoán Paulo II, para o Xubileu do ano 2000 aos presos, 4).

Isto vale perfectamente e é ben acaído para a Romaxe. Deixémonos evanxelizar tamén por esta realidade. Xa sabemos que non é a única. Pero detrás desta, hai moitas pobrezas ensarilladas con moitísimas persoas e familias enteiras de varias xeracións. Hai realidades moi duras que desde o nacemento van encamiñando a quen naceu nelas á prisión por falta de oportunidades. O cárcere é para os pobres. “Se eu estivese nesas condicións o meu destino sería o cárcere”. Así de cru e claro.

Os estatísticos dinnos que máis do setenta por cento dos presos son enfermos psiquiátricos. O cárcere é o lugar axeitado de tratalos? Esta responsabilidade é de toda a sociedade. Nosa tamén. Pero cómpre saber dela e coñecela. Por iso falamos dela os que nela nos movemos, aínda que non lle agrade a alguén. Por iso a Igrexa creou para todos e cada un dos crentes esta pastoral específica: a pastoral penitenciaria.

Hai vítimas e moitos medos e rabias nas que cómpre axudar a sandar. Falamos delas. Pero, sabemos ti, eu, etc., de moitos que de verdade lles axuden e axudemos ás vítimas? O delas é a invisibilización e a soidade.

Aí estamos incluídos os da Pastoral Penitenciaria, as nosas parroquias e grupos humanitarios que moitos non saben nin que existen os cárceres ou onde se ubican. Tamén é un chamado ás xentes do dereito e da xustiza. Detrás de cada papel ou expediente sempre hai persoas: delincuentes, vítimas, familias, nenos e anciáns, enfermos e estranxeiros. E tamén bastantes inocentes. E mulleres. Sabemos cantas persoas pasan cada ano polo cárcere, dun xeito ou doutro?

A prisión da muller, por ser muller, é moito peor. Ao seren menos e poucas as condicións e oportunidades son moitas menos. E isto non se sabe. Porque se fala pouco ou se despacha dicindo: As mulleres, xa sabes, son imposíbeis! E todos repetimos mecanicamente o mantra. Vivimos de formulacións estereotipadas e así xulgamos e condenamos. Que Deus nos pille confesados! Eu teño lido dunha muller á que un Señor tivo que defender: “O que estea sen pecado que tire a primeira pedra!”. Tal lle valeu. Se Xesús tivese mente de refráns, daquela muller, nin o nome. Algún día falaremos polo miúdo deste problema.

O Papa está moi preocupado e fala disto con frecuencia. Dixo falando ás mulleres presas de Bolivia e Paraguai que hai un problema grande na invisibilización dos pobres e dos presos, sobre todo das mulleres pobres, por parte da sociedade dos satisfeitos na que estamos moitos. Incluso os mesmos pobres, para estaren a ben co poder, coa fama, coa adoración do espírito do mal, como cita o evanxeo das tres tentacións de Xesús no deserto. Tamén ti e eu.

Os mesmos funcionarios ven isto con dor e desexan mudar as condicións estruturais. Tamén eles están a sufrir. De quen depende? A cousa é máis dos políticos. Pero estes, en xeral, viven moi lonxe e é máis doado teorizar e exacerbar pasións vindicativas. Viven de mantras. E o pobo estamos nesa mesma dinámica de xeralizacións e slogans. Oxalá que nunca nos pille a soberbia nin nos colla a mesma porta o dedo. Daquela saberemos de que estamos a falar.

Por primeira vez esta Romaxe ten o don e a oportunidade de acoller aos nosos irmáns presos. Trátase de facer presente a realidade da prisións, das persoas presas e do mundo penitenciario diante de máis de mil persoas cristiáns e facer unha lectura crente da realidade. Todos temos preocupacións sociais e de fe. E hai en nós sede das benaventuranzas do Evanxeo: Estiven no cárcere, viñestes verme e preocupástesvos por min.

Tamén se trata de crear e espertar unha solidariedade cos que traballan no cárcere e queren facer o ben. Os funcionarios tamén queren ser apreciados e facer ben o seu traballo. Non sempre os tratamos ben nin con dignidade. Xa sei que hai fallos. En todos os estamentos.

Faleino co Educador, D. Dionisio, e alí estaban tamén outros educadores. Logo co Sr. Director. Despois con D. Manuel García Souto, o capelán e Delegado diocesano noso, e con outros colegas voluntarios da Pastoral Penitenciaria aos que tiven oportunidade de ver. A idea gustou e vai collendo forza. Tamén as saídas ao Camiño de Santiago están dando froito.

Agora estamos pendentes de que de Madrid autoricen a cousa, e esperamos que non haxa problemas.

Quixeramos que a saída fose mixta. Tamén para mulleres. Vai ser posíbel? Non o sei. Xa veremos

Logo para a comida, campestre, situaremos a cada un cunha familia de acollida. Quizá pola tarde lemos un pequeno manifesto.

Comunícovolo inicialmente. Niso quedamos nas xuntanzas. Se tendes algunha suxestión falade con D. Manuel, o Párroco de Teixeiro. Eu tamén recibo no mail, pero estou algo máis lonxe. Desexamos que sexa unha experiencia modélica, que xere alegría e confianza. para abrirmos máis posibilidades de futuro. Seguirei informando.

Hoxe un dos problemas máis difíciles está na acollida á saída ao cumprir a condena total. Despois de tantos anos a desorientación é máxima. Como atopar alguén que che non torza a cara? Sen esa axudiña non é doado saír adiante. Xa veremos ata onde se pode chegar. Non se trata de forzar nada. Todo natural. Pero tampouco ocultar. Esta é unha idea que temos de saber transmitir. Todo é importante. “Non temos nas nosas mans as solucións para os problemas do mundo. Pero fronte aos problemas do mundo temos as nosas mans. E cando o Señor da historia chegue, ha mirar para as as nosas mans” (M. Menapace).

Unha aperta

Xaquín Campo Freire.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES