Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tempo dos soños rotos

viernes, 24 de julio de 2015
Ábrese o día cunha saraiba de malas noticias que rompen soños do día anterior. Hai quen pensa que, se a información é un negocio onde non é posible a verdade, a solución é apagar a radio, pechar o xornal. Ou mergullármonos no de sempre, panem et circenses. Como escapar a este estado de alarma e fuxir do medo? Como imos vivir, e sobre todo, como han vivir os fillos? O progreso non é camiño ascendente sen fin: xa non se trata de vivir mellor, senón de vivir ben.

As vacas gordas pasaron. A época de consumo compulsivo rematou. A resaca invita á reflexión. Coa globalización centos de millóns de persoas foron invitados á mesa pero xamais poderán sentar nela, recordaba E. Galeano. Apretar o cinturón é doloroso nunha civilización obesa pero a agulla imantada de futuro sinala un mundo máis xusto e máis san, con menos coches e autovías. Máis limpo, con menos lixo e plástico. Sen tanto deterxente e velenos químicos. Con máis árbores e menos cemento. Con menos carne e máis froita. Con máis palabras e menos ruído nunha ecoloxía do silencio. Un mundo con menos desigualdades.
Neste caixón de xastre poucos atópanse cómodos. O estado de benestar para todos e para sempre rematou. O feroz individualismo do credo neoliberal tecido de ganancia, competitividade e egocentrismo é inviable e vai xerar ruptura social ata que agrome unha etapa austera e convivial. Non hai salvavidas individuais e só poderemos camiñar cara ao futuro collidos da man.

Os rapaces son os máis damnificados. Terán que esquecer, pagando dura peaxe, o mundo feliz da esmorga consumista. Saben que non hai motivos para ser feliz cando ao redor as condicións de vida da maioría se deterioran. Cargados de másteres e títulos universitarios apenas chegarán a mileuristas. Polas súas veas corren torrentes de utopía e sobre os soños rotos terán que construír unha nova sociedade.

Dos cartos tan pouco hospitalarios, dos mercados tan crueis, pouco podemos esperar. Como aceptar vivir así, onde externalizar, globalizar, flexibilizar, desregular, son da familia de escravizar? Os gobernos falan cada semana de recortes inevitables que sempre son poucos. Tanta tecnoloxía, tanta rede social para retroceder ao pasado? Os novos paradigmas de traballo e benestar son modelos cercanos á escravitude, mentres que as conquistas da democracia, dignidade e dereitos humanos son arrasados polo tsunami da crise. O mundo dos cartos defende a prioridade do egoísmo e a cobiza sobre a fraternidade. Velaí o apartheid sanitario que se tenta implantar, mentres que os gobernos dedican o que non temos para rescatar a culpables que deberían estar no cárcere.
Quizais sexa tempo de que os soños rotos se transformen en soños novos. Ou simplemente, ter dereito a soñar.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES