Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (e X)

jueves, 30 de julio de 2015
Para rematar referireime ó campo relixioso, que, por ser o máis específico do clero, tamén é o máis coñecido, aínda que non sempre o máis valorado nin o máis facilmente cuantificable.

Calquera obra de carácter material ten uns efectos visibles inmediatos; por exemplo: un labrego ponse a arar e ve como queda transformada detrás de si unha leira, do mesmo xeito, pode comprobar se o trigo está ben ou mal granado e se vén a maduro no seu tempo. Se se pon a facer unha casa, sabe cando empeza e vai vendo cando acaba; pero os efectos no terreo espiritual non son tan visibles habitualmente; porque só Deus sabe o que hai en cada corazón e por que hai o que hai. Por iso é frecuente atopar nos curas unha certa sensación de frustración ó facer revisión da súa vida; por non ver plasmados en feitos concretos aqueles ideais que se ensinaron e predicaron. É descorazonador, poñamos por caso, constatar que, despois de dedicar moitas horas á formación cristiá dos nenos e mozos, son moitos os que chegados a certa idade foxen das igrexas, e algún parece que fai un gran favor dándo resposta aos bos días. Outros nin responden.

A función específica de todo sacerdote no campo espiritual é o anuncio do Evanxeo, a celebración dos Sacramentos e ser guieiro, (dende o servizo, non dende o poder), das comunidades cristiás en unión co Bispo da diocese e da Igrexa.

O mesmo Xesús comparou o Anuncio do Evanxeo, que é Palabra de Deus, cunha sementeira. Pero conforme á mesma parábola do sementador, quen pode pesar a cantidade de “gra” que caeu no camiño, en terreo pedregoso, entre silvas, ou en terra boa? ¿Quen pode determinar en que momento pode comezar a dar froito esa “gra” sementada. A miúdo dísenos ós sacerdotes que sementemos sen desmaiar e que xa Deus dirá, cando o froito vén a maduro. Está ben; pero iso non nos exime de comprobar que sementamos como é debido, con convicción, creatividade, esperanza e ilusión nin de que revisemos se a semente é auténtica ou pasmada. Á hora de sentirnos frustrados pola falta dos bos resultados que desexeariamos, tampouco deberemos esquecer que os “cambios climáticos” que se palpan no ambiente tamén afectan.

En canto á celebración dos Sacramentos, que crean e manteñen ó pobo de Deus e ás comunidades cristiás, quen pode medir a cantidade de graza que descorre por cada canle sacramental dende a fonte limpa? ¿Quen pode estar completamente seguro de celebralos nas condicións axeitadas, ou garantir as debidas disposicións dos destinatarios para que nada desa graza se perda?

E no que se refire á guía ou orientación das comunidades cristiás para que sexan verdadeiras comunidades humanas vinculadas polo amor e a caridade, tampouco resulta doado medir os logros; pero quizabes veña ó caso traer a conto unhas declaracións dun que foi Alcalde de Castro de Rei. para o programa “Pueblo de Dios” da TVE: “Estou seguro de que as parroquias deste Concello sen os curas serían moito máis pobres. Non mas imaxino sen eles. O malo é que os curas van sendo un ben escaso”.

Non quixera esquecer nin que esquecésemos o pano de fondo deste traballo. O clero pode ser impulsor, (ás veces tamén temos sido freo agarrotante); pero á hora das realizacións, son fundamentais e imprescindibles os demais cristiáns comprometidos, e no mundo rural, no que as parroquias son demarcacións de carácter relixioso e civil tan intimamente vinculados, tamén son imprescindibles os veciños de boa vontade, sexan ou non practicantes relixiosos.

Cada cristián tén tamén o seu cometido na comunidade. Ningunha comunidade ou asociación debe ser coma unha corrida de touros: “Eu pago a miña cota, vexo a corrida desde a barreira e que toureen os outros”.

Cristiáns comprometidos coa súa fe e coa transformación da sociedade tamén hai máis dos que habitualmente se pensa, pero pasan máis desapercibidos. Sempre o ben é menos noticia ca o mal.

As distintas formas de entender a relixiosidade son condicionantes da actitude dos membros da Igrexa, desde o papa ata calquera cristián de base. Hai quen entende esa relación como algo individual e privado que non afecta á súa vida diaria e quen atopa nela, na relación, forza para transformarse a si mesmo e para colaborar á transformación do mundo. O que Xesús nos ensina é isto último, logo, na medida en que os curas rurais impulsemos a mellora do noso mundo non estamos facendo nada fóra do que é a nosa misión. Non estamos para axudar a salvar só almas. O que conta é a persoa no seu conxunto.

Non é facilmente cuantificable o labor que cualificamos como más espiritual dun cura. Canto vale media hora cun velliño ou unha velliña? Canto unha palabra de ánimo? Canto axudarlle a alguén, independentemente da idade, a desculpabilizarse? Canto axudar a enterrar en relativa calma a alguén cuxa morte é especialmente desgarradora? Canto axudar a arranxar os papeis dun divorcio ou dunha separación? Se quixéramos valoralo en cartos preguntémoslles a veterinarios, médicos, avogados, e mesmamente a señores alcaldos e alcaldas, edilos e edilas con dedicación total ou parcial e portas abertas para colocaren parentes. Vaia carreira!

Recalco, para acabar: Non é tanto o que se foi facendo como para que debamos darnos por satisfeitos coma se non houbese máis para onde ir. Quizabes para moitos a primeira reflexión sexa: “Canto se puido que aínda non se fixo!”.

Certamente que podería terse feito moito máis, sobre todo se a muller tivese recoñecida unha maior capacidade de decisión tanto na sociedade civil coma na eclesiástica. -Ten a súan graza iso de darlles benevolamente o corenta por cento de participación- Canta xenerosidade! Pero así e todo menos do cincuenta, e na Igrexa nin o vinte e cinco. Aínda así, coido que sería ben curioso e quizabes sorprendente comprobar cantas realizacións firmadas por homes, entre eles eclesiásticos, foron enxendradas no corazón das femias e sutilmente transplantadas a cabezas executoras de varóns. E non digo iso porque crea na frase: “Detrás dun gran home sempre hai unha gran muller”. Máis ben creo que para facer dun homiño un gran home abonda cunha muller mediana. Como creo que para facer do noso país un gran país, abonda con axudarlle a ser ela mesma a esta Galicia, muller e meiga -non bruxa, que tampouco é o mesmo enmeigar ca embruxar- capaz de enfeitizar ó mesmísimo Señor Santiago, que por algo quixo vir e repousar para sempre entre nós.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES