Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (IX)

jueves, 23 de julio de 2015
Hai quince días remataba a colaboración oitaba cunhas pinceladas sobre o escaso uso do galego na liturxia, tamén no mundo rural, e tocaba, xunto a atrancos do clero, algunhas dificultades de aceptación por parte de sectores da sociedade galega, incluso con abundantes galegofalantes nas conversas de cada día.

O día 25 de xullo deste ano celebraranse os cincuenta anos da primeira misa dita en galego con motivo da misa de Rosalía. Non quero botar un caldeiro de auga fría sobre tal celebración. Tamén me uno á alegría dese día; pero lamento que o uso da nosa lingua na liturxia non teña avanzado máis e mesmo a veces se reduza a unha cuestión meramente folclórica e excepcional para diferenciar un día de festa.

Non falta, mesmo entre cregos, quen asocia o uso do galego a ideais nacionalistas e separatistas e ós separatistas co BNG e ó BNG cos comunistas, e ós comunistas co demo. En consecuencia… “no se puede apoiar al demo!”.

Outros poden analizar estas cuestións con meirande rigor; pero a análise que fixo a comisión á que se lle encomendou esta temática para a elaboración do Plan de Normalización Lingüística aprobado no mes de setembro do 2004 por todos os grupos con representación no Parlamento Galego é rigorosa e bastante completa.
Mágoa que aquel plan recén nacido, apadriñado por Presidentes de Xuntas, despois de ser mostrado con grande alborozo a parentes e amigos, volvese para a incubadora e alí siga durmindo un longuísimo letargo. Teño medo a que cando esperte xa non recoñeza nin sexa recoñecido pola sociedade.

Pido desculpas a algún posible lector que non estea moito por cuestións pastorais, pero o que vou dicir tamén está encamiñado a cregos aínda non convencidos das razóns para usarmos o galego con normalidade na nosa función en comunidades galegofalantes.

A mensaxe de Xesús, como toda mensaxe, debe transmitirse na lingua máis propia de quen a recibe por razón de coherencia e eficacia. Á hora de evanxelizar hai que coidar moito dúas fidelidades: Unha, a fidelidade ó Evanxeo, as ensinanzas de palabra e de obra de Xesús; outra, a fidelidade ó destinatario ou ás persoas a quen se dirixe. Non se me ocorrería en Tanzania predicar en galego, salvo para algún grupiño desta orixe se o houbese, pola mesma razón non me acae en Samartiño de Goberno dicir: “Apareció por el templo una anciana de nombre Ana”. O que me acae é dicir: “Apareceu polo templo unha velliña que se chamaba Ana”. O cambio é ben pequeno, pero ancianas en Samartiño non hai ningunha e, en cambio, velliñas hai moitas. Para que me entendan ben unha lección de convivencia ou de moral, tampouco diría: “No se le deben golpear a nadie las vértebras lumbares con una retama, porque puede ser pecado”. Non, o que me acae é dicir: “Moito coidadiño con zorregarlle a ninguén xasteirazos nos cadrís, que, ademais de derrealo, pode ser pecado”.

Non esquezamos que Xesús nin utilizou a lingua do culto, o hebreo, nin a dos cultos e poderosos, o grego ou o latín. Falou en arameo que era a lingua do pobo. El fala de que “As ovellas deben coñecer ó pastor pola voz”, e de que “O pastor debe coñecer a voz das ovellas”. E cando di voz coido que se deberá entender palabra.

Non quero deixarme levar e botarme do rego, así que volvendo a el direi que a ringleira de cregos con nome propio entre os investigadores e recuperadores das nosas manifestacións culturais e mesmo de creadores de cultura é moi considerable.

Coido que ningún outro colectivo da sociedade galega pode exhibir unha lista de nomes tan completa e variada e cunha entrega tan desinteresada, aínda que non sempre eses nomes figuren en enciclopedias nin dicionarios onomásticos.

Dispoño dunha lista non pequena, pero ante o temor de alongarme moito, e de que se me poida acusar con verdade de ignorancia da totalidade non citarei a ningún en particular. Só me atrevo a recomendar a lectura do libro sobre Nicanor Rielo editado pola Asociación Xermolos de Guitiriz co crego Alfonso Blanco á fronte e de achegarse tamén á inxente obra de Isaac, irmán de Nicanor.

Neste campo das publicacións, ós diferentes libros que teñen como autores a eclesiásticos: curas en activo, sacerdotes que por imperativo legal non poden exercer, en moitos casos por non poñérenlle a tempo cancelas ó corazón, frades e monxas galegos, haberá que engadir publicacións e revistas como Encrucillada, Irimia, Boa Nova, Badal, as folliñas do Padre Seixas, os materiais de catequese e outras, coas que se poderá estar ou non de acordo na liña ou nos contidos, pero que están aí como mostras de enculturación da fe ou do esforzo por casar a fe coa cultura do país, de aquí e de agora.

Houbo tempos en que se contou coa colaboración de Política Lingüística cando neste organismo esmorecente había persoas con apertura de miras coma Manolo Regueiro Tenreiro, seguido por Pablo González Moreiras e ao seu carón Xosé Antón Pombo e vai parando de contar. Despois axiña veu a crise. Cal crise?.

Sinto o desexo de citar, ademais dos xa citados, a grupos musicais e de teatro promovidos por curas. Grupos de moita calidade que fixeron pasado e que aínda fan presente; pero tampouco vou dar nomes.

Só unha anécdota. Trátase da afirmación dun dos compoñentes dun grupo de teatro formado fundamentalmente por mozas e mozos do rural que con motivo dunha conferencia sobre animación cultural no mundo rural, que tamén daba un cura na Escola Central de Capacitación Agraria, dixo moi convencido e emocionado: “Se non fose polo grupo de teatro ó que pertenzo é polo ben que nos sentimos xuntos, xa tería emigrado. Sei que terei que facelo, pero mentres poida hei resistir.” Emigrou efectivamente. Retornou pero non para vivir na casa que deixara, senón a uns cen quilómetros e segue pertencendo a aquel mesmo grupo, o que significa unha carreiriña dun can cada vez que ten que desprazarse para asistir a ensaios e representacións.

Consciente de que queda moito por dicir, sinto presa por rematar este apartado pero non sen antes facer referencia ó labor cultural senlleiro de dúas institución nacidas no seo da igrexa en Galicia e con dous curas como creadores: “Preescolar na Casa” de Antonio Gandoi e o seu equipo” e “La Ciudad de los Muchachos” do xenial e inconformista Padre Silva que morreu sen sucesión. Prescolar na casa tamén finou como tal. Todo se acaba ou acaban con todo?.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES