Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os retos do sistema educativo español tralo período Wert

sábado, 18 de julio de 2015
“Fai falla un cambio educativo xa”, así de claro se manifestaba fai poucas semanas César Bona, mestre seleccionado entre os 50 mellores do mundo, nunha entrevista concedida a un xornal galego. O certo é que a opinión deste extraordinario mestre, cuxo talento e vocación pola ensinanza son exemplares e están contribuindo notablemente a estimular o interese da sociedade polo ámbito educativo, parece reflexar o sentir dunha parte moi importante do sector educativo que reclama un xiro copernicano nas políticas de xestión educativa levadas a cabo tanto no noso país como na nosa comunidade autónoma. Así, os case catro anos que José Ignacio Wert estivo á fronte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte caracterizáronse por ser o período da nosa democracia no que a sociedade, e en especial os colectivos relacionados co ámbito educativo, amosaron un maior desencanto e en ocasións indignación coas políticas promovidas dende o Ministerio de Educación. Sen dúbida a aprobación da enésima reforma educativa, a LOMCE, pese á oposición de asociacións de profesores, pais e sindicatos foi a gota que colmou o vaso consolidando o profundo distanciamento entre o goberno e a sociedade.

Este enfrontamento entre cidadanía e goberno representa a pugna entre dúas tendencias opostas: o progreso fronte a involución. Aínda que poida resultar paradóxico, esta circunstancia recorda bastante o acontecido na España do século XVIII, brillantemente descrita por Pérez-Reverte na súa última novela Hombres buenos, na que narra a aventura de dous académicos da RAE que poñen rumbo a París na búsqueda da prohibida “Encyclopédie”, símbolo da razón e das luces, e que na súa viaxe deberán facer fronte ós obstáculos que a España máis cerril e ignorante se encargará de porlles no camiño. Aquela España de contrastes aseméllase bastante á actual, especialmente no que ó sector educativo se refire, con dúas correntes de considerable forza loitando ambas por facerse paso e evitar o avance da postura oposta.

Existe por unha parte a corrente dos homes bos, que aglutina a unha parte importante do profesorado, así como a familias e axentes sociais que, sendo conscientes das serias deficiencias das que o noso sistema educativo adolece, apostan por unha revolución pedagóxica que nos permita dar resposta ás demandas da sociedade actual. Esta corrente, ó igual que facían os partidarios do progreso na España do XVIII, sustenta a súa postura no pensamento crítico e nas ideas que expertos en educación como Howard Gardner, Daniel Goleman ou Ken Robinson viñeron proñendo nos últimos anos. Pero, como diciamos anteriormente, no noso país está presente tamén a corrente oposta, representada na súa maior parte polo Ministerio de Educación e no caso de Galicia pola Consellería de Educación, que en lugar de escoitar o que intelectuais, profesores e familias teñen que aportar, prefiren mirar para outro lado mantendo a súa postura tradicional, a que reduce a educación a cifras, datos e porcentaxes. Esta postura pechada recorda á de aqueles que no XVIII se opuxeron á entrada das novas ideas procedentes do outro lado dos Pirineos e censuraron todo aquilo que simbolizaba razón, coñecemento e progreso. Aqueles que, como os sectores máis conservadores da Igrexa Católica, vían na “Encyclopédie” e nas ideas de Voltaire, Rousseau ou Montesquieu unha ameaza ó réxime establecido.
Ante este panorama consola saber que todavía existen homes bos, homes como César Bona e tantos outros mestres, pais e cidadáns honestos que loitan por converter un sistema educativo mediocre nun sistema xusto, de calidade e para todos. Só o tempo nos dirá se os bos gañan finalmente a partida. Iso significará que teremos gañado todos.
Riera, Martiño
Riera, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES