Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moto

viernes, 17 de julio de 2015
Dedicado a todos os que van en moto.

Os que me coñecen un pouco saben que sempre fun un moteiro co que todo eso significa. Hai quen define isto de rodar polas estradas en moto como unha filosofía de vida, coma un xeito de peculiar comportamento que so os afeccionados á moto entenden e practican. Como Motocon tantas cousas, eu creo que a afección a usa-la moto como medio de transporte hai que situala na absoluta normalidade. Os moteiros non son xente estraña, son xente moi normal que goza montando nesa cabalgadura de ferro que é a súa compañeira de aventuras; pero se isto é verdade, non é menos certo que forman, formamos, un colectivo coas nosas peculiaridades, como por exemplo a solidariedade (quizais baseada na afinidade) que o moteiro amosa na estrada e que ten o seu preámbulo nese saúdo espontáneo de levantar un pouco a man esquerda do guiador cando te cruzas con outro colega, e xa non digamos cando tes algún problema, pois axiña aparecerá alguén noutra moto disposto a botarche unha man. Son pautas de comportamento que non están escritas, pero que forman parte do código de conduta dun moteiro que se prece.

A moto converteuse hoxe nun transporte de pracer: a maioría dos que subimos a ela o facemos por devoción, non por obriga. Na maior parte dos casos cando collemos a moto, deixamos que o camiño nos leve na busca de estradas onde prevalezan as curvas, que soen ser as rutas onde un goza máis da condución tombando o xusto para trazar o rumbo correcto, sentindo o ruído do vento no teu casco e a sensación de liberdade que se experimenta circulando ao aire libre. Logo tal vez demos cun lugar onde parar, tirar unhas fotos ou, sentados nunha terraza dun bar á beira da estrada, tomar un refrixerio e seguir despois rodando cara a onde a moto nos leve, sen presa, sen agonio por bater récords. Ese é o gozo que eu experimento cando subo na miña moto, pero entendo tamén que outros o vexan doutra maneira; coma unha forma de ir ao límite, coma unha escusa para segregar adrenalina, en suma coma un factor de risco co que algúns se senten máis realizados. E eu discrepo disto porque as estradas polas que todos circulamos non son circuítos de velocidade e porque os que pretenden ir dominando a máquina non son Marc Márquez nin Jorge Lorenzo aínda que algún si o crea polo simple feito de ter carné (curiosamente Márquez aínda non o ten). E o que é peor; non so poñen en perigo a súa integridade, que son moi donos, senón que arriscan a dos demais e a iso si que non teñen dereito. Por iso eu formo parte dese colectivo que considera á moto coma unha maneira relaxante de viaxar, de estar en contacto máis directo coa natureza, de ve-lo traxecto coma un paseo e non coma unha distancia que hai que percorrer no menor tempo posible. Nunca fun un lanzado subido na moto, pero recoñezo que xa corrín máis do que corro. Logo dun longo período de tempo afastado dela, porque con nenos pequenos un está cheo de condicionantes, retomei a miña afección e séntome ledo, e por que non dicilo, rexuvenecido cando Rosy e máis eu poñemos os cascos, subimos a nosa moto e facémonos a seguinte pregunta: a onde imos? E na meirande parte das veces obtemos a mesma resposta: a onde a moto nos leve.

Outrora temos baixado a Andalucía, algunha vez no mes de agosto padecendo temperaturas tórridas (tremendo!), pero éramos máis novos. Agora os nosos paseos en moto son moito máis repousados, correndo un pouco cando se pode e coa man dereita controlando a aceleración xusta, como é recomendable. É tempo de gozar coa moto. Boas e felices rutas, compañeiros!! Ah: e moito sentidiño.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES