Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (VIII)

jueves, 09 de julio de 2015
Fronte ós que ven a cultura e a relixión como irreconciliables ou só ven na igrexa ancestrais escurantismos, téñolle escoitado a non poucas persoas de setenta, oitenta e máis anos que se sabían ler e escribir e as catro regras fora grazas ó cura da parroquia. Xentes bastante máis novas puideron preparar algunhas oposicións ou obter certificados de estudos primarios e graduados escolares tamén grazas a clases nocturnas impartidas desinteresadamente por cregos.

Non queremos nin podemos esquecer o esforzo heroico de moitos mestres rurais, pola promoción dos seus alumnos ou de mozos das parroquias a onde foran destinados. Aínda está pendente o recoñecemento debido á súa entrega xenerosa. Que esta lembranza sexa unha mínima mostra de gratitude.

Antes de que se puxesen en marcha os teleclubs rurais aló pola década dos 60 xa algunhas casas de curas foran lugares nos que a veciñanza se xuntaba primeiro pra escoitar a radio e despois pra ver a televisión. Desas xuntanzas, que non eran consideradas ilegais, saíron non poucas iniciativas.

Os teleclubs, e falo sobre todo da provincia de Lugo que é a que mellor coñezo, tiveron en moitos casos como monitores, xestores e animadores a curas, a algúns mestres e tamén a un número considerable de veciños sen estudos especiais que vivín no rural e do rural e que tiñan certa capacidade de liderazgo.

Aínda que os teleclubs naceron pra ver a televisión colectivamente, cando aínda non lles era doado ás familias o acceso a un televisor particular, e aínda que detrás podía haber a intención de adoutrinamento mediante os ben controlados telediarios, o seu labor non foi unicamente o de xuntarse para ver televisión, senón que arredor deles fóronse organizando semanas culturais, cursos do PPO, cursiños de Extensión Agraria e Planteis de mozos. Ó mesmo tempo, entendo que serviron de lugares de reunión dos veciños nos que se ían tomando acordos organizativos. Tamén é verdade que non estaban de todo exentos do control gobernativo e que a Garda Civil a miudo irumpía neles, sobre todo en algúns e axiña cursaba noticia de posibles irregularidades.

Luís Cordeiro que fora Asesor provincial de Teleclubs, con apertura de miras, deixa detrás de si un traballo neste campo que aínda non foi valorado como merece. Quixo contar con cregos dinámicos e dinamizadores, poñendo a cara ante o Sr. Gobernador en máis dunha ocasión en defensa de algúns que se meteron e o meteron nalgún fregado, vervigacia: este servidor.

Poden contarse por centos os pequenos e grandes museos, as asociacións culturais, os grupos de gaiteiros, rondallas, corais, coros e orfeóns, grupos de teatro de afeccionados, (e non por iso faltos de calidade artística), detrás dos que estivo ou está algún cura. Cada vez menos, por sorte ou por desgraza.

No eido da recuperación de costumes, tradicións, cantares, bailes, refráns e ditos populares tamén lle debe moito a cultura galega a boa parte do clero ou a persoas vinculadas activamente á vida relixiosa parroquial. É curioso que fose un crego da diocese de Vigo, Feliciano Trigo, o que máis se significou na recuperación da linguaxe dos canteiros; ou que fose outro crego, Xesús Mato, de Lugo un dos creadores de “Fuxan os ventos” e outro, Ramón Díaz Raña, un dos que xestou o grupo “Saraibas” e o movemento “Cantareliña”. Mención especial merecen os irmás Nicanor e Isaac Rielo Carballo.

Falando de linguas, e non xa da dos canteiros, hai que entoar un ou varios “mea culpa” polo moi pouco uso do galego na liturxia. Entre o clero, na súa maioría procendente de fogares galegofalantes déronse pasos moi curtos en relación cos que se tiñan que ter dado por razóns culturais e mesmamente evanxélicas e en consonancia coas recomendacións do Concilio Vaticano II referentes ó uso de linguas vernáculas e ás conclusións do Concilio Pastoral de Galicia e, mesmo, con pastorais conxuntas e individuais moi claras de bispos de Galicia, non sempre galegos. Mágoa que a maioría deles na práctica tampouco se significasen precisamente polo uso da nosa lingua e a tomasen como unha cuestión máis ou menos folclórica. Dóenme as reticencias de moitos eclesiásticos á hora de utilizar con normalidade o galego na liturxia. Son moitas e moi variadas as causas conforme ó detallado análise que se fixo na comisión que tratou esta temática pró Plan de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia.

Aínda que a maioría dos curas rurais usamos o galego a diario con normalidade nas conversas cos veciños, detrás do altar pásanse ó castelán. Debeu ser ben fonda, eficaz e duradeira a operación de doma e castración.

A min paréceme que, ó usar linguas distintas no adro da igrexa e detrás do altar, trócase, aínda que sexa inconscientemente, este en fronteira de separación e deixa de ser mesa de comuñón. O caso é que a experiencia tamén nos dá que moitos galegofalantes prefiren a misa en castelán. Non sei se é por non aprender de novo as respostas, se porque seguen pensando que falar castelán está mellor ca falar galego, e pra Deus o mellor, se porque se lles fai raro un galego requintado diferente ó que falan habitualmente. O que sei é que normalmente é necesaria unha labor de catequización previa pra empezar a usar na liturxia a nosa lingua, senón pode verse como unha imposición. É frecuente esta acusación de imposición referíndose ó galego e, en cambio non se ve como imposición o castelán. Tería graza se non fose cousa moi seria.

Non paga moito a pena pararse na aberta oposición dos que afirman: “Yo soy tan gallego como el primero, pero no me da la gana de hablarlo”. Son minoritarios, me parece, os casos coma os de aquela señora que me dixo unha vez: “Así que usted es de los curas que usan el gallego en misa, pues conmigo no cuente”. Eu, que a veces non teño moitas agardas, respondinlle: “Non se preocupe, señora. Clientas coma vostede sóbranme”. Ai, pero mediou unha filla profesora nun instituto encravado ben, ben no rural e espetoume: “Un respeto para una serñora mayor”. Entón eu revestinme dunha dignidade sacerdotal na que non creo e repliqueille: “Un respeto para un ministro del Señor”. E deu resultado a resposta pra taparlles a boca, pero non pra convertelas á causa.

Aclaro: o de non crer nesa dignidade ministerial venme do temor a que se son eu o ministro que administre a misericordia de Deus, vai apañado el, van apañados os outros a ata penso que vou apañado eu.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES