Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Prazas e coches

miércoles, 08 de julio de 2015
Non sei se é a súa primeira iniciativa como alcalde. Nin tampouco sei se terminará por coallar, porque neste tipo de medidas tan doadas de manipular abonda con que alguén acenda un misto para que o lume alampe e despois nin os bombeiros voluntarios de todo Portugal sexan quen apagar o incendio social que irresponsablemente provocan aqueles que deixan caer o misto coma quen perde unha moeda polo peto furado sen se decatar.

Falo da nova que onte mesmo reproducía este xornal sobre a posible peatonalización vespertina e inicialmente temporal da Praza Maior de Viana do Bolo, que seica anunciou o alcalde daquel municipio por medio dun bando, co fin de que veciños e visitantes comecen a valorar as súas peculiaridades como espazo de ocio para os seres humanos -que foi para o que a humanidade inventou as prazas- e non como lugar de descanso solaz para os vehículos, que é para o que agora, salvo raras e honrosas excepcións, adoitamos utilizalas, nun exercicio de irracionalidade tal que nin sequera nos permitimos licencia para pensar -en contra do que acaba de facer o alcalde de Viana- sequera na mera posibilidade de mudar a tendencia e comprobar qué tal sería do outro xeito.

E porque isto é así dende que o coche é un apéndice máis do ser humano moderno, é polo que eu valoro con meirande intención a decisión tomada polo alcalde vianés. Por iso e pola prudencia coa que o fixo, pois tampouco se trata de chegar coma o cabalo de Atila e non deixar títere con cabeza nada máis empezar.

Non lonxe do seu propio municipio tivo a experiencia contraria e por cómo chegaron os ecos informativos ó meu entorno inmediato, a teimosía non é boa conselleira, non en van a algún alcalde teoricamente ben asentado fíxolle perder as eleccións, entre outras cousas, o feito de querer peatonalizar contra a razón -ou a sen razón, se cadra- da maioría posiblemente errada, pero maioría da "caste" comercial.

É certo -quén di o contrario- que os pobos, as vilas e as cidades téñense que adaptar ás xentes e ós costumes e necesidades que a evolución social xeran.

Por poñer un exemplo ben claro. Hoxe moitas cidades darían o que non teñen por contaren aínda coa muralla coa que contaron na súa etapa medieval, completamente pechada, tal e como lle acontece a Lugo, que foi quen de convertela en patrimonio mundial.

Pero tamén é certo que se os gobernantes daquela non abriran portas e derrubaran lenzos completos, moitas desas cidades hoxe non existirían porque non terían a capacidade de ensanche coa que si contaron ó abrirse -nunca mellor dito- "á modernidade".

Por iso é sempre bo procurar un punto de equilibrio que axude ós pobos a evolucionar. Un punto que o que pide agora, como ben alcanza a ver o alcalde de Viana, é recuperar as prazas para o home e que os coches procuren calquera outro lugar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES