Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As Catedrais, ou como destruir un patrimonio

viernes, 03 de julio de 2015
'Quot capita, tot sententiae', tantas opinións como cabezas. E esta miña é unha delas. O patrimonio natural mais importante de Ribadeo, a praia de Augas Santas, agora chamada das Catedrais, convertida nun grave problema. Xestores públicos con opinións encontradas e posturas opostas. A convivencia política entre as institucións, quebrantada. A paz cidadá entre diversos colectivos, afectada. Todos opinan, todos saben como amañar a desfeita. Pro as solucións que uns propoñen, rexéitanas os outros.

Os intereses políticos, e aínda os persoais, privan sobre os xenerais. Os representantes políticos, dos que algúns padecen tortículis de tanto mirar pra Santiago, condicionados pola obediencia debida ó seu propio partido. Os partidos, condicionados polo seu primeiro obxectivo: a conquista do voto. Os comerciantes, mediatizados polos seus intereses económicos. Os técnicos profesionais, como os que deseñaron a autovía do Cantábrico polo Fiouco dende os seus despachos, descoñecedores da realidade. E os movementos ecoloxistas independentes, con acusada sensibilidade cara á conservación da naturaza e ós valores sostibles do patrimonio natural, cultural e social, ausentes. Entes como Adega, Mariña Patrimonio ou a mesma Universidade, etc., non están invitados a xogar nesta partida.

Hoxe temos un espazo natural convertido nun problema. Un problema que hai anos non había. Por que xurdiu? Quen o xerou? Canso de ver esta praia esquecida e baleira, o político correspondente, cegado pola ambición política, tivo unha idea: pregoar ó mundo a súa beleza pra atraer ás masas. E, ano tras ano, fiados naquilo que Pablo, o tardiota, recomendaba a Timoteo: "...predica a palabra, insiste a tempo e a destempo, opotuna e inoportunamente..." viaxaron a Fitur a predicar os seus encantos e belezas, potenciando o seu aspecto turístico económico sobre o cultural e científico.

E a xente, que non oe en balde, non tardou en inundar esta praia ata a saturación. E así rematou. Convertida nun espazo sobresaturado e desnortado. Claro, a idea era atraente. Converter a praia nun mercado turístico pra potenciar o comercio e a hostalaría da súa vila. E funcionou. O alcalde de turno convertíase así en modelo de xestión ejemplar, coa conseguinte colleita de votos. A vila medraba. Era a galiña dos ovos de ouro. Pro agora chegou a saturación e non saben que facer con tanta xente. O futuro da praia está en perigo. Non saben onde meter a xente nin como conter a marea de vándalos, que sempre os hai.

Precísanse solucións a este problema. E atopan algunhas. Pro, como sempre, van en dirección oposta. Transportes públicos, aparcadoiros, estación de ferrocarril, aumentar a publicidade… É dicir, facilitar cada vez máis medios pra que as masas poidan achegarse máis doadamente a ese emporio de beleza. E, claro, así a masa crítica aumenta. Elixiron o camiño axeitado pra matar a galiña dos ovos de ouro. Pretenden acadar a sostibilidade e a conservación da praia traendo máis xente! É iso posible? Alguén mo explica?

Pretender atraer ás masas para enriquecer a economía de Ribadeo e, ó mesmo tempo, tratar de conservar intocable a beleza natural desta praia son obxectivos incompatibles. Mondoñedo ten a súa Cova do Rei Cintolo. Necesitada esta Cidade, como ningunha outra, de promover unha sá economía, sequera de subsistencia, non sucumbiu á tentación de vender a súa primoxenitura por un prato de lentellas. Regulou as visitas á cova tendo en conta, primeiramente, a súa capacidade de admisión e a conservación deste famoso tesouro natural. A súa incidencia económica é secundaria.

Chegados a este estado do problema, no que nin as institucións se poñen de acordo, nin as solucións ata agora ofrecidas teñen futuro, imponse a cordura. Un órgano independente, composto por persoas libres de condicionamentos interesados, que potencie a topografía orixinal do ámbito, reducindo ou suprimindo o impacto dos modernos equipamentos e infraestruturas instaladas alí, como o restaurante, os roteiros de madeira, etc., podería ser a mellor solución de cara á conservación e viabilidade, agora e de cara ó futuro, deste monumento da natureza. É dicir, devolvela ó seu estado primitivo, pois a experiencia demostra que onde o home pon a man, a natureza acaba case sempre destruída.
Rodríguez Díaz, José María
Rodríguez Díaz, José María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES