Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A luz de Rosalía

jueves, 02 de julio de 2015
Os grandes escritores precisan sempre de brillantes eséxetas. Rosalía de Castro, grande entre as grandes, ten na profesora e investigadora María A luz de RosalíaPilar García Negro (Lugo, 1953) unha das súas máis destacadas analistas, incansable divulgadora das excelencias da súa obra, da fondura do seu ideario, da complexidade do seu vivir. A ela debemos a edición Rosalía de Castro. El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas (2006), a monografía O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010) ou o recente Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro (2013).

A esta nómina de estudos rosalianos imprescindibles engade agora a ensaísta lucense a coordinación do volume colectivo No tempo de «Follas novas». Unha viaxe pola literatura universal, moi interesante achega que se incorpora ao catálogo de Alvarellos Editora.

Unha vintena de estudosos asedian a escrita dun tempo -as décadas que van dos sesenta aos noventa do XIX e aínda o ronsel dos primeiros anos do XX- para ofrecer unha proposta de lectura do máis suxestiva: pequenos ensaios de literatura comparada nos que, en paralelo ou partindo da obra de Rosalía, se pon en relación esta coa produción doutros grandes das letras da época.

Deste xeito, Marica Campo contrapón lecturas de Camilo Castelo Branco e Rosalía e xemelga esta última con Jacint Verdaguer; Teresa Barro fai que a Cantora do Sar dialogue con Frances Harper; Kathleen N. March conéctaa con Harriet Beecher Stowe; Xosé Luís Axeitos con Alphonse Daudet; María Jesús Lorenzo Modia con George Eliot; Elvira Sanz Gómez con Henrik Ibsen; a propia García Negro, axudada nos oficios de tradución por Eduardo Álvarez, vencéllana a Guy de Maupassant; Carmen Fernández Pérez-Sanjulián preséntaa a carón de Eça de Queirós; novamente García Negro vincúlaa a Leopoldo Alas ‘Clarín’ e a Emilia Pardo Bazán; Celia María A luz de RosalíaArmas García faina próxima a Marchesa Colombi; Anxo Angueira paralelízalle os pasos con Arthur Rimbaud; Xoán Ignacio Taibo dispona con Liev Tolstoi; Andrés Pociña e Aurora López fana parente autorial de José Martí; Carlos Callón vea en Júlia Lopes de Almeida; Pilar Pallarés lembra a súa identidade con Emily Dickinson; Luís Cochón escribe sobre Christina Rossetti e ela; Francisco Rodríguez reflexiona sobre a ideoloxía rosaliana e a de Oscar Wilde e, como epílogo, Carlos Negro recorda as homenaxes poéticas de Manuel Curros Enríquez á autora de Cantares gallegos.

A este amplo e esforzado retablo de traballos sobre literatura comparada -que van acompañados da reprodución e/ou tradución dos textos que se poñen en relación- súmase aínda a moi ampla escolma de poemas comentados de Follas novas coa que García Negro adorna a soleira deste volume, análise de case unha trintena de composicións e dos seus peritextos que amosa, máis unha vez, a acuidade coa que é quen de desvelar os significados profundos da escrita rosaliana a profesora da UDC.

Como en toda obra colectiva hai colaboracións de moi diverso xorne e, se ben algunha dela toma o texto como pretexto ata o punto de case esquecer o referente rosaliano e algunha outra concreta gasta unha prosa pedante e insufrible que debía ter evitado, o certo é que o conxunto loce a gran nivel e acaba por resultar un atractivo vitral de escolas e voces literarias nas que figuran algunhas das mellores plumas occidentais a carón de quen é tamén, por dereito propio, unha escritora universal: Rosalía de Castro.

Excelente labor o de María Pilar García Negro tanto na faceta de editora do volume coma na de ensaísta no mesmo, cualificativo que pode moi ben estenderse ao xeral dos traballos que no libro se integran, un exemplo de que a luz da literatura rosaliana pode, e debe, ollarse no resplandor dos seus iguais, os máis fulgurantes astros das letras de toda parte.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES