Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suxeito ou suxeitado...?

jueves, 25 de junio de 2015
Cando menos, esta pregunta non dubiden que algún sentido debe ter, pois o mesmo Ortega dicía que a nosa vida cotiá enfróntase a unha alternativa: Ou vivir e pensar do que vive e pensa a xente ou vivir e pensar reflexivamente, esforzándose a comprender o propio vivir. Xurde, pois, a pregunta de si vivimos como suxeitos da nosa opinión ou como suxeitados á opinión dos demais.

Nesta nosa sociedade alardeamos moito de ter opinións propias e ata orixinais; pero a verdade penso que está no outro costado: Plaxiamos as opinións alleas ata o extremo de manexalas como propias de tanto usalas, é dicir, estamos máis suxeitados a elas que somos suxeitos das propias. E así pensa tamén Michel Foucault, cando escribe que pode proclamarse a soberanía do home sobre o seu mundo e a súas cousas; pero isto non é verdade, é unha falacia: O HOME MÁIS QUE SUXEITO É UN SUXEITADO, UN SOMETIDO, como así o expresaría Manuel Maceiras.

Lembro aquí, ademais, as achegas dunha ilustre filósofa e socióloga húngara, de orixe xudeu, Ágnes Heller, que conta cun feixe de experiencias da Segunda Guerra Mundial: Seu pai foi deportado ó campo de concentración nazi de Auschwitz, onde morreu, e, por tanto, non é nada allea ó Holocausto.

Esta intelectual publicou unha obra, “Sociología de la vida cotidiana”, na que estuda a vida cotiá como un fenómeno social, un perderse como suxeitos que obxectivan as súas capacidades, que se exteriorizan, incorporándose á corrente histórica, o mesmo tempo que se independizan deles, o sobre as que perden o seu control, unha maneira de devir suxeitos suxeitados.

Este modo de vivir o cotián abre a posibilidade dunha existencia vivida na alienación, vivida máis no alleo que no propio, porque todo un acervo de experiencias propias foxen, como di Maceiras, “ó anonimato da inercia irreflexiva”. E penso que, aínda que neste espazo temos todos un lugar, son os políticos quen levan a voz cantante. Digamos algo ao respecto.

Criticamos insistentemente o funcionamento das institucións socio–políticas; pero isto é bo, posto que os cidadáns temos perspectivas propias ou configuradas nas diferentes correntes de opinións sociais, e o lóxico é que queiramos que sexan obxecto de contraste. Penso que existen abondo razóns de fondo para que sexa así. Consideremos algunhas.

Hai dúas evidencias indiscutibles: Que estamos abertos ao mundo, as cousas, e que sentimos a necesidade de ser socorridos, por iso estamos tamén abertos os nosos semellantes, ós OUTROS. É dicir, estamos vertidos os demais, e non precisamente dunha maneira sinxelamente vivencial ou egoísta, senón estruturalmente, por razón da nosa realidade persoal, non por impulsos unicamente bióticos. Esta versión ós OUTROS é, pois, constitutiva desa nosa realidade, dotada da correspondente liberdade; pero, ademais, é a causa “esixitiva” da convivencia, do necesario establecemento dunha certa vinculación entre os homes / as mulleres como persoas.

Velaquí porque somos vinculables e vinculados, SUXEITOS SUXEITADOS. E isto lévanos a unha conclusión e a unha esixencia metodolóxica: Debemos concluír que non todo o que hai en nosoutros é só individual, senón tamén algo máis que nos supera, e que para articular o propia individualidade co que nos “supera”, no seo da sociedade, necesitamos un método, un instrumento, un camiño a seguir, que obriga a optar entre unhas poucas ofertas.

A opción en España, dende hai cerca de corenta anos, centrouse no sistema democrático, que, se funciona, permite unha mellor coordinación das opinións propias coas dos OUTROS; pero a democracia para que funcione hai que practicala cunha MENTALIDADE adecuada, xa que este sistema para que sirva como un bo método de xestión socio–política as persoas teñen que sentirse identificados con el, manifestándoo en todo momento mediante actitudes non amañadas, senón froito da mesma estrutura persoal, desa mesma mentalidade.

E isto é así porque na sociedade non hai un espírito que pense e aconselle decisións: Só hai a constancia do que se pensou, con acerto ou non, pola cidadanía (relevante?), e por MENTALIDADE creo que debe entenderse un modo de vida que nos afecta en cada momento histórico, coa que nos encontramos, que, con outros factores externos, matizan o COMO desta necesaria condición, en canto membros dunha sociedade, de suxeitos SUXEITADOS.

Este COMO é decisivo, porque estar suxeito a unha mentalidade forxada na sociedade en canto tal, no é o mesmo que estalo a unha mentalidade de grupo. Xustamente por isto, cando a mentalidade social está dispersa e carece dun nivel de concomitancia que permita definila, córrese o perigo de que a unidade nacional tamén se disperse en tendencias desintegradoras e deixe de ser un substrato no que encarreirar as perspectivas propias da subxectividade, lexítimas, pero vinculables.

Sumemos a todo isto que as decisións principais nun sistema democrático, necesariamente han de ser tomadas cuantitativamente por maiorías que non garanten o acerto das mesmas: Xa dicía o Padre Feijóo, o ourensá D. Bieito, que “ a suma de ignorantes non daba por resultado un sabio”, que ven ser o mesmo que dicir cunha suma de infinitos sumandos “cero”, xamais dan unha cifra “significativa”.

Pero as opinións dos cidadáns – evitemos tamén a esaxeración...! – son “significativas” , o problema está no signo, positivo ou negativo, que se lles poida asignar en función do interese nacional, porque teñen unha compoñente cualitativa que pode estar vinculada a unha mentalidade de grupo, ou manipulada en interese propio.

Por suposto, podemos ofrecerlles algúns exemplos recentes, dos extremos do espazo político en España: D. Guillermo Zapata, no exercicio do seu “humor negro”; D. Mariano Rajoy, nos seus afeites e aplicacións ulteriores dunha cosmética irrelevante; D. Arturo Mas, selando as toupeiras en Cataluña, con quites de arrogancia retadora; Dona Rita Mestre, facendo alarde dunha mentalidade de catarses inquisitorial propia do primeiro terzo do século XX, en España, e un etcétera dabondo rico en exemplos.
Suxeitos ou suxeitados...?. Vostedes verán.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES