Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (VI)

jueves, 25 de junio de 2015
As electrificacións e reelectrificacións rurais poderían contar abondosas historias mesmo de postas en marcha de minicentrais como a que propulsou o inventeiro de Manolo Rodríguez, tamén coñecido por “Manolo do bolo” a raíz de andar carrexando pan e queixo para os que andaban facendo unha pista. Este Manolo, que non hai tantos anos se significou na loita conta a coitelada que suporía a autovía no val do Neira se non ía como paso elevado, foi poñendo en marcha centraliñas artesanais, rudimentarias, pola zona de Fonsagrada, aproveitando muíños vellos de xestións comunitaria. Nalgúns casos tivo que soster verdadeiras liortas, cos revendedores que revendían un subministro que non daban.

Outros dos problemas que con motivos das electrificacións xurdía a cotío era conseguir os permisos de pasos. Diso tamén eu sei algo e de cómo nunha semana me braquexou o pelo todo por mor de xestións e enfrontamentos deste tipo. Na cesión de pasos para as liñas eléctricas ou de teléfonos, os máis difíciles sempre foron algúns que, saíndo da aldea, promocionaran á capital, e non querían caer na conta de que se outros non cedesen os paso tampouco eles terían luz na cidade. Casos houbo tamén de cregos, coma Leo, que, metidos a electricistas, ían facendo gratis as instalacións polas casas.

Algo semellante aconteceu coa instalación de teléfonos públicos e privados, ata que chegaron estes teléfonos rurais inalámbricos que foron un verdadeiro adianto a pesares do seu deficiente funcionamento.

Tamén o clero sabe algo de traídas de augas e de fontaneiría gratuíta para a instalación nas casas.

Foron abondosas as visitas a zonas máis desenvolvidas que xa tiñan feita a concentración parcelaria e a feiras-exposicións de maquinaria agrícola para impulsar as novas técnicas ou crear cooperativas de consumo e de produción e mesmo pequenos talleres. É elocuente o caso do cura de Goberno, Sánchez Pillado, que aló polo 1960 mercou un tractor de segunda man que manexaba un veciño para servizo e aprendizaxe dous outros veciños. Tampouco faltou quen dixese que o cura mercara aquel vello tractor para facerse rico á conta del. Vaia por Díos. Non o debeu conseguir, que de Goberno foise pobre e o maquinista axiña tivo que buscar outro traballo!

No impulso da Concentración Parcelaria tamén estivemos e estamos implicados moitos curas e cristiáns comprometidos, aínda que non faltaron tampouco exemplares de venerables e cutres clérigos, que con uñas e dentes e en nome de Deus se opuxeron cando a concentración afectaba ás súas propias terras.

Cambiando moito de tema, pero sen perder a relación, tamén hai pola nosa xeografía sementados centros de inseminación artificial de vacún, hoxe en desuso, que foron postos en marcha grazas á xestión dos curas, coa dobre finalidade de aforrarlles longos desprazamentos ós veciños para levaren as súas vacas ó touro, e de mellorar as especies tanto de gando de carne coma de leite. A algúns ”becerretes”, con nome de home ou muller, disque non lles pareceu nada ben esa iniciativa dos curas, porque os mandaba ao paro ou a unha regulación de emprego. Mira que andar un cura metido nesas cochinadas!

Moitas das vivendas rehabilitadas nas nosas aldeas débense á animación de cregos e ó seu asesoramento desde o desexo de buscar unhas máis dignas condicións de vida para os seus veciños.

Xa nos tempos en que os “habaneros” mandaban diñeiro para crear colexios en Galicia, houbo cregos comisionados que se puxeron á fronte da súa construción como é o caso da Liga Santaballesa preto de Vilalba e moitos locais de escolas rurais de tempos máis recentes construíronse grazas a cregos que as promoveron. O mesmo teremos que dicir de locais para centros parroquiais, sociais, ou teleclubs.

O que nunca se pode perder e vista é que os cregos, que non freaban por sistema ou por desidia, impulsábamos, animábamos, traballábamos, pero nin suplantábamos nin puido facerse case nada sen a colaboración dos parroquianos e a veces de algunhas institucións.

Neste campo das edificacións de carácter social tamén haberá que referendar a mellora das igrexas e capelas que poden saber de longas horas de insomnios e desvelos dos cregos responsables das mesmas, que, por máis que se diga que a igrexa é do cura, aínda non coñecín a ningún que a levase consigo ó cambiar de parroquia. Con poucos medios, e ás veces con moita xenerosidade dos veciños, vimos contribuíndo á conservación dun patrimonio cultural ó que moitos se chaman como os seus titores, pero para o que se destinan moitas normas e poucos recursos.

Conseguir axudas económicas para os arranxos de templos ou obras comunitarias supón, moi a miúdo, para o cura que se implica a sensación de venderse un chisquiño a algúns dos que manexan cartos de todos e os distribúen como favores individuais aos adeptos non conflitivos, ou, cando menos, aprender a ser cautos á hora de criticar malas xestións políticas, e nos últimos tempos, sentirse vixiados e mesmo denunciados por algún “número” chulesco e prepotente do SEPRONA, ou por algúns membros de asociacións chamadas ecoloxistas, máis proclives a saír nos medios de comunicación ca a arrimar o ombro, cando non se agachan tras do covarde anonimato á hora de formular denoncias.

No capítulo de gratitudes non podo esquecer aquel concelleiro que se achegou a unha capela que estabamos reahbilitando e cando na porta vin que facía un conato de santiguamento en redondo e unha semixenuflexión díxenlle: “Tranquilo. Non temos Santísimo”. El, nun encomiable alarde de cooperación co vencindario, tranquilizoume dicindo: “Como que non tedes santísimo? Mañá dígollo eu ó presidente da Deputación e mándavos dous!”. A miña resposta foi: “Non. É mellor non deberlle obrigación ao presidente. Xa haberá tempo a cansalo. A ver se prá inauguración nos podemos facer con un prestado, aínda que sexa de segunda man”.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES