Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O clímax do ano

jueves, 18 de junio de 2015
Vivimos tan a presa, moitas veces ás arroutadas, que non sentimos nin valoramos o leito no que nos deron a oportunidade de poder vivir, cadaquén facendo o noso propio camiño dende a liberdade que escollemos. Non podemos ser alleos á demostración de agarimo coa que nos agasalla o astro sol nestes días, ata os paxaros aprecian os distintos grados de intensidade da súa luz dende o abrente correspondendolle agradecidos cos seus cantos, e as plantas abrollan con ledicia gracias ao seu calor, o mesmo que as praias de cereais se deixan dourar polas súas caricias, ás veces arroladas pola música do vento que os peitea para celebrar esta festa da natureza.

As criaturas foron aprendendo que cada tempo ten a súa lentura e que non podemos precipitar nin as sementeiras nin a seitura, e agradecen cos seus froitos a xenerosidade da Nai Terra. E aínda que o dito popular proclama que nada novo hai baixo o sol, a sabedoría dos seres que podemos soñar e crear temos a posibilidade de enxergar novos ronseis gracias á súa enerxía, non foi doutro xeito que os nosos antepasados do neolítico, as e os primeiros labregos, observando os biorritmos do sol e da lúa, aprenderon cal era o momento propicio para sementar e cando non era tarde para que as xeadas non malograsen o froito granado.

Son os mesmos que foron deseñando un calendario no que alternaban os labores e as festas, emporiso no solsticio brincamos de ledicia, e o cristianismo captou que era o momento para facer memoria de Xoán Bautista, un profeta que rexeitou os camiños trillados da relixión caduca do seu pobo, e anunciou que os tempos novos xa chegaran, o ”Sol da Xustiza”. Mentres o sol siga facendo o seu camiño, nós tampouco podemos caer na rutina nin na insensibilidade na que se pecharan as e os proxenitores deste profeta, e temos que celebrar os milagres da natureza que son un galano para o noso acontecer cotidian, porén acaen festas coma a do Paseo do Rañego, porque os ríos foron os primeiros camiños para as viaxes reais e artísticas, e seguindo o seu curso sempre ímos a bon porto, ou a que cadra co solsticio de outono en Irimia no nacemento do Miño que rega toda Galicia, un dos santuarios máis simbólicos do país, ou a “Festa da Fala” no San Alberte coa que podemos cantar a súa paisaxe prodixiosa e a memoria que recolle a nosa arte e historia.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES