Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ses tronzando os valos

miércoles, 17 de junio de 2015
“Tronzar os valos” é novo traballo de Ses que recunca en todo aquilo que a fai imprescindible para os seus seguidores. Ses é a voz dunha conciencia fundamental que nos convida a pensarnos, repensarnos e, sobre todo, indagar nunha realidade que nos está negando o sustento. O mundo parece feito para que calemos pero a conciencia persoal está feita para rachar o silencio. O silencio quizais é o peor valo que, día a día, nos impón a realidade. Por iso Ses dedica a vida a tronzar silencios con harmonías de música e palabras. Un oficio tan digno como imprescindible que a eleva aos altares eternos da memoria onde se tecen nomes como Suso Vaamonde, Víctor Jara, Facundo Cabral ou Chavela Vargas. Nomes insomnes e eternos que no seu tempo non foron valorados o suficiente.

Non sei se o caso de Ses está sendo valorado na súa xusta medida ou non, tampouco sei se esa xusta medida existe. O que si sei é que a música de Ses cóntase, para min, entre as imprescindibles. Como di neste novo traballo, Ses fai conciencia defendendo a ledicia, ao mellor como unha trincheira que diría Mario Benedetti pero, neste caso, a trincheira é imprescindible para un grupo de seguidores e seguidoras que, en cada concerto, énchense de azos para cantar e para loitar por ese mundo que ten que levar a medida de cada soño.

Convídanos este disco a soñar co paraíso no tema que lle dá título. Se soñamos a través do disco, penso eu que ese paraíso ten un fondo sabor a identidade, esa que Ses tan ben mamou da súa avoa Venera e que moitos que tivemos a sorte de medrar cos avós gardamos no fondo do ser como un recuncho de fantasía dende o que collemos forzas para seguir a vida.

Esta mestura de identidade e conciencia torna a Ses unha creadora incombustible que logra, en cada verso, a implicación emocional plena do oínte. Coido que quen poña este disco para relaxarse e esquecerse do mundo vai moi equivocado: este disco é un disco para pensar e erguerse na cordura de loitar por unha realidade a medida de todos, porque os valos que Ses quere tirar son os que nos separan dos arrabaldes sociais que nos queren esconder e que moitas veces permitimos que o fagan pola comodidade de non pensar no que nos rodea.

“Tronzar os valos” é un xeito de activismo social, unha nova reivindicación da poesía e da música como acción. Neste sentido, percibo a mesma intención que tan ben describiu Celaya cando dixo que quería “provocar nuevos actos”.

Dalgunha maneira, o disco de Ses lánzanos a buscar un xeito de actuar, non violento pero si radical que mellore aínda que sexa minimamente o noso entorno. Neste sentido, temos que buscar os nosos propios valos e buscar, tamén, o xeito de superalos e conquistar benestar colectivo que teza o mundo que merecemos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES