Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (IV)

jueves, 11 de junio de 2015
O franquismo tivo en cada cura un pequeno gobernadorciño, sen soldo, ao que se lle pedían informes sobre os seus parroquianos, pero ao mesmo tempo tamén os curas estabamos baixo sospeita sobre todo nos últimos anos do franquismo nos que houbo conflitos tamén con algúns bispos.

Ese foi o caso, entre outros, do que fora nomeado para bispo de Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Araujo, que xa cando a súa ordenación como bispo tivo problemas cos folletos da celebración por recollérense neles textos bíblicos que falaban dunha terra crucificada e non gustaron ós policías liturxistas que unha vez máis querían reducir ó silencio ós vellos e novos profetas e por iso “secuestraron” os folletiños. Tampouco a este Bispo galego de natureza, de exercicio, de militancia e de interese pola inculturación da fe, lle faltaron aldraxes, anónimos, nin pintadas cada vez que firmaba como súa algunha homilía comprometida dos seus cregos, coma aquela dos lutuosos incidentes da ponte das Pías en Ferrol, ou cando publicaba algunha pastoral, como a do uso da lingua galega na liturxia, sen as bendicións, máis ou menos explícitas, da censura gobernamental nin de algúns cregos doutra liña, pero influentes.

Claro que as pintadas de daquela tiñan un color un tris diferente ó de pintadas máis recentes; pero os que somos daltónicos vemos case iguais todas as cores. Sobre todo somos incapaces de diferenciar cores intolerantes de dereitas ou de esquerdas, tanto que sexan azuis coma vermellas.

Non foron poucos os curas que tiveron intervidos os teléfonos, controlada a correspondencia e que gozamos do honor de sermos merecentes da atención de comisarios de policía ou de comandantes de “puesto” da garda civil que seguían con moita atención, como bos clientes, as nosas homilías coa santa liberdade que as ordenanzas lles esixían e as súas luces lles permitían, para logo evacuar resumes do predicado, (evacuar é unha palabra que algúns asocian co retrete, pero ten un significado moito máis amplo, que ata os xuíces evacúan sentenzas en público). Cónstame que algúns resumes de homilías evacuados por aquel comandante de “puesto” chegaron a onde tiñan quer chegar. Menos mal que a autoridade competente non estaba moito por este tipo de literatura.

Podo citar entre os sacerdotes encadeados e torturados, ou baixo sospeita, a Chao Rego, Vicente Couce, Benigno de Montoxo, Anxo Currás, Ramón Díaz Raña, Manuel Mejuto, Ruíz de Cortázar, Vázquez Seijas e outros máis da zona de Ferrrol. A este respecto é ben interesante o recente libro de Rosa Cal: “Los curas contra Franco”, como é tamén o de Anxo Ferreiro Currás sobra as represalias aos curas bascos.

Estas finezas de control de movementos, actividades e homilías non estiveron restrinxidas á Cidade Departamental, senón que se deron por Galicia e toda España adiante, a pesar de estar nos alicerces de aquel estado e nas leis fundamentais do mesmo a condición de católico que, miraba con malos ollos, iso si, encíclicas de algún papa. Iso debe ser o que chama ser máis papista que o papa.

Nalgunha ocasión acompañou algún policía a algún sacerdote do Ferrol levar os sacramentos a un enfermo para comprobar “in situ” que o que lle daba ao moribundo era a Santa Forma e non unha folliña subversiva, ou que non estaban aproveitando a agonía dun paisano para unha xuntanza ilegal.

Había un sistema moi eficaz para descualificar diante dos seus fregueses e da sociedade en xeral a calquera crego da cidade ou do rural. Era o sistema de colgarlle o sambenito de “comunista” ou de “galleguista”. O simple uso do galego era motivo de sospeita, e con razón, porque poñía en perigo a uniformante unidade patria, xa que entre outras cousas era e é un medio moi eficaz de axudarlle ao pobo a valorarse e a sentir fachenda da súa peculiaridade identitaria que contribúe a facer máis auténtico o abano da mal chamada aldeas global. Iso de falar de Deus en galego, e sobre todo, de poñer a Deus a falar en galego, da moito pulo para reforzar a identidade mesma dun pobo que, no menosprezo da súa lingua, vese menosprezado en todo o seu conxunto. A historia fálanos dunha operación de doma e castración, que, polo menos por onde son eu e por San Caetano tamén, aínda non rematou.

Despois de ter participado na elaboración do Plan de Normalización lingüística, aprobado por unanimidade por todos os grupos no Parlamento Galego xa hai ben anos, e que, pola que imos, nunca será estreado, podo falar con algo máis de coñecemento de causa do reticentes que foron e aínda son moitos curas, fillos de labregos ou obreiros, a usar o galego na liturxia. As causas son múltiples e non é este o lugar de poñerse a analizalas, pero coido que esta historia algo ten que ver con crer que Deus é máis Deus dos ricos e estudados ca dos que van tirando sen poder tirar nada, valéndose como poden das catro regras e dunha lingua que algúns nin sequera falan cando cobran por falala. No que eu entendo non se nos pedirán contas das accións que deixemos en bancos nin dos títulos universitarios que teñamos, senón das acción e actitudes de amor ó próximo e de se prestamos algunha vez a voz ós que de por si non son escoitados por cualificalos por vetustos estereotipos como paletos integrais.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES