Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (III)

jueves, 04 de junio de 2015
Nesta serie iniciada nos dous primeiros capítulos xa publicados, paréceme que, para entendernos mellor, cabe tratar de dar resposta á pregunta: Que é ser cura?

A miúdo escoitábase, máis do que se escoita: Os curas na sancristía. Os curas teñen que implicarse na sociedade e na política. Os curas non deben meterse en política. Por qué non se han meter os curas en política se é un servizo máis á sociedade? Ós curas non lles deixan militar na política, pero o Papa de Roma é xefe de estado. Señor cura, vostede diga as misas, que o de facer camiños é cousa miña, como alcalde que son. Xa o sei, alcalde, xa o sei, pero eu podo aconsellarche algo para que non sexan sempre os teus simpatizantes os beneficiados ...

Ante a pregunta de que é ser un cura? Supoño que a resposta máis galega e axeitada sería: Pois por un lado xa ves e por outro, que queres que che diga?
As respostas a esta pregunta son múltiples e variadas. Desde un corvo a un padre espiritual. Desde un chupón a un servidor. Desde un parásito a un revolucionario social. Cada un, coma en todo, responderá desde as súas experiencias, desde a súa afectividade, desde os seus coñecementos, desde a súa ignorancia, desde a obxectividade, desde a indiferenza ou mesmo desde a xenreira.

Eu, que mesmamente tamén son cura, non sabería dar unha única resposta nin quizabes dea hoxe a mesma resposta que podería dar hai corenta anos; pero iso tamén lles pasa ós casados, e casadas, me parece, se se lles pregunta que é o matrimonio ou ser pais?

Entre o moito que se tén escrito sobre a vocación, misión e función do sacerdote e sobre a natureza do ministerio sacerdotal eu persoalmente conténtome con pouco. Chégame co que se di na Carta ós Hebreos, referido ó sacerdote, que non é exactamente o mesmo ca cura, porque cura é un sacerdote que está ó coidado dunhas comunidades e podería selo, e xa hai experiencias diso, algunha persoa sen ser sacerdote. Di a Carta:

“Todo sacerdote escóllese entre os homes e constitúese sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificos polos pecados. É capaz de tratar con indulxencia ós ignorantes e ós descarriados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios pecados. Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus”.

Cando se escribíu esta chamada Carta ós Hebreos, dirixida a cristiáns que procedían do xudaísmo aló entre os anos 60 e 70 despois de Cristo, sería impensable que se dixese que se escolle o sacerdote de entre os homes e mulleres, dada a ínfima valoración da muller. Por desgraza, para moitos, non para todos, segue sendo impensable aínda hoxe. Claro que tamén os partidos políticos nun alarde de xenerosidade déronlles á mulleres o 40 por cento de participación nas listas electorais. E, logo, non poden ter o cen por cen? Non pode haber unha lista toda de mulleres?

O corozo da cuestión estará en como se entende o da relación con Deus, ou que é o que fai referencia a Deus; pero en calquera lectura completa do Evanxeo, a Deus atopámolo nos demais, especialmente nos máis pobres. Por iso somos moitos os que cremos que ningún camiño leva directamente a Deus, sobre todo neste disperso mundo rural da nosa retorta Galicia. Os camiños que levan a Deus son coma as nosas vellas corredoiras ou novas estradas secundarias, cheos de voltas e reviravoltas para pasaren por diante das casas dos veciños.

Non todos o entenden así nin sempre se entendeu así. Un venerable sacerdote díxome xa hai ben anos que a razón de ser dun sacerdote estaba xustificada pola misa de cada día e polo rezo do breviario. Xa daquela, sendo eu un pipioliño, respondinlle que entendía que celebrar a fracción do Pan que alimenta á comunidade e animar á comunidade a compartir os diversos “pans” pode xustificar unha vida; pero que non pode servir de desculpa para non encher de dedicación a Deus e á comunidade polo menos o mesmo tempo de traballo que se lle pide a un obreiro normal. El repondeume que eu era aínda era moi novo e que xa irías aprendendo. O problema debe ser máis de fondo, prque agora vou máis vello do que era el daquela e aínda non aprendín

De novo pode haber discrepancias no xeito de entender a dedicación a Deus e ós demais, xa que, mentres que algúns poden entender que rezar é perder o tempo, outros pensamos que orar polos que teñen menos tempo a facelo e polo mundo en xeral non é un desperdicio e tamén que da oración privada sae a forza, tanto para poder apertar agarimosamente a man dun moribundo a calquera hora do día ou da noite, como para denunciar inxustizas e loitar pola xustiza, como para crear fraternidade entre os mozos ensaiando unha obra de teatro, como tamén para impulsar calquera actividade encamiñada a levar adiante canto sexa nobre, honroso e bo para os homes e mulleres de aquí e de agora. Tamén Xesús, modelo para todo cristián e para algúns non cristián, e, polo mesmo para calquera sacerdote, buscou forza na oración para acariñar a nenos e vellos, para ser comprensivo e perdoar, para tocar ó leproso e comer con xente de mal vivir, para dar de comer ós famentos, para superar medos, para comprometerse e arriscarse ata morrer por non deixar de amar.

Unha vez que na parroquia de Samartiño de Goberno, onde nacín e teño o privilexio de vivir, se fixo un magosto pola noite no campo da festa o mesmo día de San Martiño, 11 de novembro, algén me pedíu que subise ó palco facer rir un chisquiño ós veciño. Subín (xa contaba con facelo) e conseguín que nos rísemos xuntos os que xuntos temos chorado. Cando baixei do palco a tamén veciña e amiga da infancia, Florentina de Cal, colleume polo brazo e díxome: José Manuel, vaia que te sentiches tan cura agora coma mañán dicindo a misa. Haberá quen se escandalice, pero a miña resposta foi: Si. Gústame que o adiviñases.

Pois, non son eu só a entender as cousas deste xeito, que tamén Xesús cumpría coa súa misión tanto repartindo pan no descampado coma bendicíndoo no Cenáculo.
Unha das definicións de cura que se ten usado moito é a de: Ministro del Señor, pero cando ma repetiu con moito retintín un seglar, -doutor en non sei cantas cousas, que se sentía moi superior a min por ser el membro numerario dunha certa Obra de élite-, para rebaterme algo do que dicía eu, respondinlle sen pensalo moito e con certa mala uva : Eu non son nin quero ministro de nada. Primeiro, porque entre os ministros hai moito corrupto e segundo, porque pobre do Señor se tén que depender de min para administrarlle a súa misericordia e os seus dons. Despois, aquel señor doutor en non sei cantas cousas dábame a súa tarxeta, pero non lla quixen, porque eu non tiña, para devolverlle o favor, ningunha miña, nas que só poño cura rural.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES