Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Berlanga no río Rato

lunes, 01 de junio de 2015
Ocurríu o anterior fin de semana en Lugo. Anda Luis Berlanga de paseo polo río Rato. Saúdao alguén. Falan das súas películas. E botan unhas risas coas secuencias máis abracadabrantes de ‘El verdugo’ ou de ‘Bienvenido mr. Marshall’.

Intrigado, pregunta Berlanga polos ferraganchos, as estacas cravadas na herba, polas quilométricas liñas de plásticos que afean e crucifican a paisaxe primixenia. É cousa de ver e non crer. Ao parecer trátase dunha proba deportiva. Proba deportiva? Máis semella invasión de bárbaros despistados. Ou de vándalos impunes.

A xente que aproveita esta xoia ecolóxica veciña da cidade, bota as mans á cabeza ante o ataque descerebrado a un ecosistema tan fráxil coma a deste regato xa tan maltratado, herdanza de todos que está a usurpar unha minoría. E iso que din que se trata dunha zona protexida, catalogada como Reserva da Biosfera.

Quen, pregunta Berlanga tecendo fíos dun posible guión, concedeu permisos para que decenas de bípedes comandados por Atila galopasen polo cauce do Rato, meteran alí neumáticos, cravasen estacas e ferraganchos no corazón verde da herba, agredendo a beleza do contorno?

Hordas asilvestradas danaron, contan os xornais, amplas zonas de pradaría xusto cando rebenta a vida na primavera. Matóns con vehículos motorizados circularon por onde debería está prohibido para pasmo e terror de parrulos que andaban termando da familia, quentando os ovos nos niños á espera dos fillos.

Ruídos, malos fumes, velocidade, estragos nunha zona de máxima protección natural. Mentres colonias de ras en perigo de extinción, renegaban da condición anfibia para escapar monte arriba.

Case ten bosquexado Berlanga o guión cando alguén avisa da presenza dun gamo ferido enfrontándose sen cornos á burocracia e a infinitos servizos públicos.

Cóntanlle o que está a pasar. Alguén avisou á policía local. Que se presenta e manda aviso á Protectora de Animais. Que entende que, por se tratar de un animal salvaxe, quen debería intervir é o Servizo da Natureza de O Veral.

Xa hai amoreados un feixe de servizos ao redor do ferido que non entende nada. Porque os do Servizo da Natureza néganse a intervir nun terreo da Deputación. Que volve requerir aos de O Veral. Que delegan na Deputación, obrigada agora a chamar aos servizos veterinarios da granxa Gaioso Castro. Que non descartan chamar ás tropas do hospital veterinario Rof Codina. Falta por intervir a Unidade Militar de Emerxencias.

A mobilización é enorme xunto ao animal ferido que brama: Que alguén faga algo!
Onde vai que se deitou o sol! Berlanga foise tamén, que non son horas. Leva no peto da imaxinación material abondo para dúas películas. Mentres alguén lle explica ao gamo a etimoloxía franco-grega da palabra burocracia.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES