Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dourada Medianía

sábado, 30 de mayo de 2015
Mercedes Leobalde (A Coruña, 1967) é licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, o que lle asegura o coñecemento razoable da nosa tradición Dourada Medianíaliteraria e dos recursos gramático-retóricos básicos para a escrita. Tamén axuda ao feito que se tivese desempeñado no pasado como docente e, na actualidade, como tradutora, o que facilita o traballo coas palabras e a súa ductilidade. Por tanto, tales condicións fan dela unha frecuentadora da ferramenta dende o anco do expresivo-creativo que posibilita a produción en condicións de aceptable corrección.

Outra cousa é a capacidade para sorprender literariamente cunha voz propia, cun selo na escritura que identifique unha obra cunha man. Aí é onde a Mercedes Leobalde aínda lle resta un longo camiño por andar, a xulgar polo recente Funambulistas, distinguido co Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole (estou seguro de que o xurado escolmou o mellor entre o que se lle presentou) e publicado por Xerais.

Funambulistas é un volume de historias breves nas que predomina o minirrelato. As narracións teñen só ocasionalmente que ver entre si, polo que a multiplicidade de tramas e situacións é a tónica. Hai, porén, unha certa tendencia á primeira persoa, á confesión protagónica, e á temporalización actual ou próxima aos nosos días. Polo demais, a variedade de propostas é doadamente comprobable.

“O monxe en plena crise espiritual, o náufrago no medio do océano, a muller maltratada que reúne forzas para se rebelar” ou “a nai adolescente, o home con tendencias suicidas, a enferma terminal disposta a espremer os seus últimos meses de vida” son os orixinais argumentos que dende o texto de contracuberta do libro se nos advirte podemos ler neste volume. É máis, fáisenos ver tamén alí unha reflexión que nin sequera os máis sabios orientais de hai dous mil anos conseguirían desentrañar: “Que é vivir se non camiñar pola corda frouxa?”. Seica aí está o xermolo do propio título. Un título, remata o cuarto de cuberta, co que “Mercedes Leobalde móstrase como unha hábil narradora para descifrar os camiños da vida”.

Hábil, si. Pero resulta que a creación non é unha fontanería da escrita. Non abonda con dispoñer, unha tras doutra, secuencias gramaticalmente correctas, nin describir seguindo un libro de tópicos, nin presentar un argumentario tan previsible que nas tres primeiras liñas xa é posible saber como acabarán moitas das situacións e de que maneira e por que. A vida é moito máis complexa que o maniqueísmo do branco e negro, que as situacións de resolución efecto-causa, que o efectismo gasto dun título aparentemente ocorrente que pretende causar novidade no engastado cunha historia de remate imprevisto que, xustamente nese preanuncio antitético, está xa defuntada, o que non sería problema se, dende o estético, a proposta subise a aposta, procurase romper o teito de dourada medianía polo que transitan estas páxinas.

Nada novo achega Mercedes Leobalde neste Funambulistas que Xerais suma á colección Narrativa. Non hai aquí ren que non fose contado, con máis ambición e esplendor, por moitos outros e en ben diversos lugares. Mais é indubidable que a autora ten a ferramenta, ten o material e ten a vontade. Posúe, por tanto, o necesario para que futuras propostas alcancen unha excelencia que desta volta non soubo ofrecernos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES