Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Buscando o atractor

miércoles, 27 de mayo de 2015
A nosa sociedade, en contra do que poidan pensar prestixiosos sociólogos – e sinto moito esta arrogancia, que no me aconsella a miña escasa preparación na materia – politicamente antóllaseme algo así como un sistema caótico, no que cada elemento anda ao seu estilo e beneficio, simulando saber o mellor camiño para a defensa do ben común, cando o que ten moi claro é a do seu propio interese. Hai excepcións, claro; pero contan pouco na dinámica xeral, soterrada.

A teoría do caos logrou describir o que denominou “atractores” dun sistema dinámico caótico, entendidos como un punto ou un conxunto de elementos cara ós cales evoluciona o sistema, se lle dan tempo e non varían as condicións iniciais. Pero na sociedade penso que poden ser considerados como tales non só as persoas, senón tamén, e por suposto, as entidades sociais que elas mesmas constitúen, e, sen dúbida, os proxectos ideolóxicos.

En canto ás persoas, non convén esquecer que non somos o que somos, senón o que vamos acadando ser, porque a vida é un quefacer que supón responsabilidade e ten un camiño que recorrer dende o que somos ata o outro que nos propoñemos ser, e isto esixe que non a poidamos abandonar e que teñamos que saber a onde queremos ir, que desexamos acadar; pero esta esixencia prodúcese no seo da sociedade, como único ámbito fundamental da configuración da nosa personalidade, o que implica a necesidade de evitar convertela nun sistema caótico, esforzándose por organizala o mellor posible.

Por outra parte, as entidades que constituímos para articularnos na sociedade, deben ter fins e funcións concretas e claras para que acaden os seus obxectivos, e de ningunha maneira han de quedar ao servizo do interese particular dun ou doutro colectivo, primando sempre o interese xeral.

Sen embargo, non necesariamente todos os camiños que conducen a este fin han de ser recorridos sobre pisadas xa marcadas, o progreso histórico pode ofrecer outras vías e os fins tamén adecuarse a novas necesidades. Por tanto, os diferentes planeamentos, previamente sometidos a unha crítica contextualizada racionalmente, non deberían ser, sen máis, rexeitados, senón sometidos a unha ponderada reflexión.

Desta maneira, pode reconducirse a situación caótica de calquera sistema social, coadxuvando á dinámica propia destes sistemas cando están respondendo, cara a un “atractor”, con traxectorias converxentes, froito dun impulso auto–organizativo, que na sociedade, pola súa propia natureza, debe crear marcos e espazos de converxencia racionalizados.

Nisto, xustamente, consiste a procura dun “atractor” capaz de levar a diversidade ideolóxica e política a un horizonte aceptable en común. Pois ben; que probabilidades hai de que as nosas diversas formacións políticas se encamiñen por estas sendas da mellor organización para a defensa do interese xeral do país?.

Agora, despois de celebrarse as eleccións deste 24 de maio, estamos en condicións de reflexionar acerca dos resultados, que certamente non son outros que os que corresponden a este contexto de variabilidade política e alto nivel de indecisión, xerador dunha indiscutible incerteza.

Pero antes de volver aquí, quixera recordar o argumento da famosa novela do polaco Henryk Sienkiewicz, “Quo vadis, Domine?”: Ambientada no reinado de Nerón. Pedro sae de Roma para evitar que o asasinen, e encóntrase con Xesús, que precisamente, en dirección contraria, se dirixe a esta cidade, e Pedro, non pouco sorprendido, pregúntalle: “ A onde vas, Señor?” – “A Roma, para ser crucificado por segunda vez, xa que tu abandonas o meu rabaño”.

Os políticos, dunha ou doutra ideoloxía, seguramente é necesario que introduzan correccións nos seus camiños, precisamente para non abandonar o seu rabaño, que non é só o partidista deles, senón todos os cidadáns do seu país. Tal vez non sexa tarefa fácil; pero Xesús, na novela, da exemplo da súa disposición a ser sacrificado de novo: Unha sublime e exemplar actitude de responsabilidade!.

Volvendo á temática que deixamos apuntada, penso que é oportuno traerlles aquí unha recente análise, publicada, da Compañía Dail Software, levada a cabo polo equipo técnico da Universidade Politécnica de Madrid, dirixida por Jesús Cardeñosa, con “nova ferramenta informática”, sobre a linguaxe dos programas electorais das diversas formacións, nos que se descobren escasas orixinalidades e non poucos retrousos: Hai, segundo este estudo, 21 conceptos que se repiten.

Por estraño que pareza, EU é quen máis comparte o programa cos demais partidos, en 12 conceptos; PP, en 10; PSOE e Podemos,en 9; C`s, en 7, e UPyD, en 4. O termo máis usado polo PP é “servizos públicos” (18 veces) e Podemos (17). O máis repetido polo PSOE, con 28 veces, é “benestar para os cidadáns”. “Administración pública”, 5 veces por UPyD. “Comunidade autonómica”, 33 veces por EU, e “espazo público”, 11 veces por C`s.

Isto puidera dar algunha idea acerca da posibilidade de encontrar denominadores comúns para os futuros pactos. Se embargo, eu non son tan optimista, porque considero que as discrepancias semánticas teñen moito maior alcance que as expresións lingüísticas. Dito doutra maneira, os diferentes partidos, cos mesmas palabras, expresan diversos contidos. Un exemplo: Cando en EE.UU se fala da DEMOCRACIA, non se quere dicir o mesmo que cando se fala dela en Cuba: Este concepto varía en función ideolóxica. Cando Terencio, poeta cómico latino, utiliza o sintagma “bonus vir” (bo varón, ou bo marido) está referíndose ironicamente a un embusteiro, un pillo ou un “enleador”; pero cando Cicerón, o orador máis insigne que tivo Roma, utiliza o mesmo sintagma, incluso cambiando o lugar do adxectivo (vir bonus), está a referirse a un home de ben.

E é evidente que un home de ben tenas moi difíciles cun irónico esencial ou intencional. Polo tanto, se non hai sincera disposición para dar saída a esta situación política caótica, España queda á mercé das insensateces ocasionais, con independencia da verborrea que se empregue, e ofrecerá unha estrema debilidade para dar solución aos problemas estruturais que – non nós enganemos! – están solapados a espera da oportunidade para traelos á palestra, e tamén a algún que xa está en efervescencia, e a desafortunada crenza de que o tempo pode resolvelo vai quedando na incerteza de posibles decisións dimanantes dunha visión minúscula do Estado.

Estas augas, contra as que non se quixo poñer remedio oportunamente (en algún outro traballo xa desenrolamos este concepto), trae estes lodos, que, se houbera sorte e talento (e digo “talento”, entendido como aplicación adecuada da intelixencia), poderían ser a materia coa que se estruture unha nova forma de utilizar os poderes públicos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES