Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cousas de curas e fregueses (II)

jueves, 28 de mayo de 2015
Xa que esta miña aportación naceu para un Congreso de Emigración permítaseme empezar cunha palabriña sobre a relación da Igrexa e do clero co mundo dos emigrantes ou coa tamén chamada Galicia Exterior.

Nesta Galicia, secularmente Emigrante, a Igrexa tratou de cumprir con máis ou menos acerto e con máis ou menos entrega con seu cometido. Proba diso é a instauración do Día das Migracións como medio de concienciación deste problema e de axuda económica a algúns emigrantes ou inmigrantes máis desvalidos, pastorais de denuncia comprometida dalgúns bispos, especialmente de Don Miguel Araújo, e o envío de capeláns ás nacións nas que había meirande presenza de emigrantes galegos. Nisto non se pode silenciar o interese de bispos europeos que reclamaron ós bispos españois o envío destes capeláns. Na década dos sesenta e setenta había máis de cen curas españois por Europa adiante para prestar axuda de todo tipo ós milleiros de españois emigrados.

Estes capeláns non se limitaron a ofrecer “auxilios espirituais”, senón que foron ó mesmo tempo verdadeiros asistentes sociais como o fomos tamén moitos cregos galegos, sen cobrar por selo. Aínda hoxe temos que facer moitas veces un traballo de suplencia social e realizar algunhas xestións que algúns outros, non todos, cobran por facer e non fan, ou fan mal feitas.

Os Consulados de España no estranxeiro chegaron a crear Asesorías Laborais á
vista do labor que viñan desenvolvendo os capeláns de emigrantes.

Manolo Mejuto, un dos capeláns de emigrantes da diocese de Mondoñedo-Ferrol, en Nimes na década dos sesenta, contoume que un día tras doutro ó erguerse tiñan, tanto el coma os seus compañeiros nas distintas localidades, longas ringleiras de emigrantes arredor da casa agardando a que se lles axudase a xestionar algún contrato de traballo na construción ou na agricultura para obter logo certificados de residencia e acceder posteriormente a un traballo fixo. Nestas capelanías houbo que crear oficinas de tradución oficial para arranxar papeis e non se lle preguntaba a ninguén polas crenzas ou prácticas relixiosas.

As tardes había que dedicalas principalmente a buscar vivendas para os que ían
chegando e moitas veces a axudar a empapelar ou tapar buratos de carboeiras nas que se acubillaban algúns dos nosos emigrantes fuxindo dos chupasangues espallados polo mundo, cos que tantos medos se lles teñen metido ós nenos, pero que se cebaban e ceban- máis nos grandes.

A axuda tamén se estendeu a refuxiados políticos e a xestións diante de varios
ministerios, especialmente o do Exército, mesmo para que estes refuxiados puidesen asistir ó enterro do pai ou da nai ou para escamotear papeis comprometedores.

Estes capeláns vían como ían mellorando a súa situación económica a maior parte dos emigrados e como ó mesmo tempo ían cambiando a súa fala galega coa que saíran da súa terra pola fala castelá que daquela, (e aínda agora), estaba máis asociada cos ricos e cultos ca cos pobres e ignorantes. Mentres tanto os capeláns vivían á conta de trinta e catro mil pesetas ó trimestre que proviñan do Instituto de Emigración, do soldo base dos curas das dioceses de acollida e dun complemento pequeno polo cargo que exercían.

Non tódolos emigrantes viron compensados os seus esforzos e as súas privacións
do mesmo xeito, pero moitos dos que saíron sen nada, hoxe teñen negocios, pisos e terras e algúns, ata se converteron en explotadores tiranos de portugueses, africanos ou hispanoamericanas e mesmo doutros galegos. ¡Canto poden cambiar os cartos ás persoas!

Pero o labor de moitos curas en relación coa emigración non se centrou só nin principalmente na atención a esa Galicia Exterior, senón que se desenvolveu primeiramente, con máis ou menos atino e con máis ou menos entrega, na Galicia Territorial, tentando potenciar as nosas posibilidades, especialmente no rural e nas pequenas vilas, coa fin de que cadora tivésemos que ser menos emigrantes os galegos. Xa se sabe que non fomos os curas nin a Igrexa os únicos nin os principais impulsores do progreso, pero tampouco pode esquecerse o seu esforzo nunha mirada obxectiva e sosegada á nosa historia sobre todo dos últimos cincuenta anos.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES