Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras náufragas

viernes, 22 de mayo de 2015
A crise na que se atopa a lingua galega, creación e expresión de todo un pobo, merece desde logo a atención e preocupación de cantos se decatan, aínda que sexa minimamente, da transcendental importancia da súa conservación e utilización.

Ámbalas dúas cousas –conservación e utilización- condiciónanse mutuamente. Pois de pouco vale, se non é para simple lecer de historiadores e eruditos, unha lingua que só se poida atopar en vellos libros ou na lembranza esmorecente da xente maior que vai morrendo. Conservaríase, mais como algo pasado, como algo morto.

Unha lingua non utilizada é unha lingua morta, por moi fermosos que sexan os monumentos mortuorios que os estudosos poidan erguer sobre ela na súa lembranza. Pois ben, falando de xente maior (pertenzo a tal gremio), velaquí xustamente onde hai urxencias que atender.

O outro día veume de súpeto á chencha, non sei por que, unha palabra de só tres letras, para min esquecida, que se me iluminou vivamenteno ceo da miña conciencia coma estreliña agachada durante non sei canto tempo. A palabra era “rau!”. Divos algo esta palabriña? A min si. Con ela veumede socato á conciencia o que miña nai se apresuraba a dicirme, sendo eu cativo, para me indicarpor exemplo que había que bulir para saír axiña a non sei onde: ‘Ala! Ponte xa a chaquetiña, e rau!’. Esta interxección final significaba que había que proceder con celeridade. Nese sentido a oín e seguramente utilicei tamén eu mesmo en anos pretéritos. Axiña descubrín, porén, que esa diminuta palabra estaba a punto de naufragar se o seu berro de axuda non tivese chegado oportunamente ós meus ouvidos. Porque ela, que eu saiba, non figura en ningún dicionario galego, nin sequera nos máis antigos.

A palabra foi e aínda é, felizmente, utilizada en diversos lugares, tal como axiña o puiden comprobar grazas a informacións recibidas. Pois, a teor delas, “rau!” utilízase non só no meu Sabucedo natal (concello da Estrada), senón tamén no concello de Vila de Cruces, en Augas Santas (Cotobade), en Cambados e incluso en terras ourensás de Xunqueira de Ambía.

Neste intre a palabriña está felizmente “salvada”, figurando na lista de ‘Palabras con memoria’ (palabra.con.memoria@aelg.org), a intelixente iniciativa da “Asociación de Escritores en Lingua Galega” (A.E.L.G.).

Que estas liñas poidan servir para que novos xenerosos socorristas de palabras náufragas a punto de afogaren informen debidamente sobre elas, contribuíndo así a fortalecer a nosa lingua.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES