Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ao revés

lunes, 18 de mayo de 2015
Cando no se sabe ou non se teñen elementos necesarios para definir un concepto positivamente, faise negativamente, é dicir, en vez de dicir que é o conceptuado, dise o que non é: Os anxos son IN–mortais (NON– mortais), IN – corporais, IN–sensibles, etc. Un pouco ao revés do que debe facerse. Pois ben; un profesor da Universidade Internacional de Catalunya, Don Xavier Escribano, fai unha lectura clave fenomenalóxica do filme “Der Himmel über Berlin” (O Ceo sobre Berlín), de Wim Wenders, nunha prestixiosa revista de filosofía. Eu, gardando todas as distancias necesarias de ese profesor, vou facela en clave ilusoria, imaxinativa, ideal, transcendental, etc. En fin, non sei moi ben como dicilo; pero, en todo caso, ao revés, en dirección oposta. Paso a explicárllelo.

Wim Wenders é un filósofo alemán, que, ademais, estudou algo de medicina e graduouse na Escola de Cine e Televisión de Munich, e en 1.987, escribiu “Der Himmel über Berlin” (O Ceo sobre Berlín), e de esta obra fixo unha interpretación da encarnación do anxo Damiel, que cansado de contemplar dende o ceo de Berlín a esta cidade e ós seus habitantes, como mero rexistrador dos acontecementos, despois de algún tempo, decide converterse, encarnarse, nun ser humano.
Quere experimentar dende dentro a condición humana, posto que como anxo non pode superar o límite que o separa deses seres que ve sobre solo berlinés, e non lle basta con exercer as facultades anxélicas que lle permiten reconfortar aos seres humanos nas súas tribulacións e tristezas, dándolles fortaleza e esperanza.

Damiel non ten límites espaciais nin temporais, porque está instalado na eternidade; pero non pode, sen embargo, gozar dos límites que afectan ao home, nin pode tocalos, porque é incorpóreo, e sente un grande desexo de transcenderse fora de si mesmo para entrar no mundo espazo–temporal que habitan os homes. E desta maneira o filme ofrécenos a posibilidade de seguir o proceso dun ser intanxible, invisible, inaudible, espiritual, para chegar a ser un animal terrestre, “alguén que pode entrar plenamente en contacto co mundo, consigo mesmo e cos demais”, como di o profesor X. Escribano.

Ben. A min ocorréuseme inverter o proceso e imaxinarme o home empeñándose en abandonar o seu estado natural, o contacto con ese espazo limitado e o medio dos avatares da súa vida terrestre, converténdose, idealmente, con ilusión e extrema idealización, nun ser anxélico, capaz de traerlles aos seus semellantes, na súa fantasía, remedios para a tristeza e os desgustos da vida e de ofrecerlles solucións eficaces para os seus numerosos problemas.

Pero neste proceso ao revés o home encóntrase con algunhas dificultades, aínda que o seu desexo de transcenderse e abandonar o estado natural non é menos intenso que o do anxo Damiel en encarnarse nel. Curioso: o anxo quere experimentar as vivencias desa vida limitada do home, desexa ver e contemplar os eventos SENDO VISTO, a vez, mentres que o home desexa ver SEN SER VISTO; quere oír dende a proximidade, e ser oído, mentres que o home prefire oír sen ser oído, e como non é inmaterial, válese de mediacións; quere experimentar o tacto dende a proximidade inmediata, e o home que aspira a anxelical fuxe do contacto; o anxo desexa reducir a distancia para acadar a proximidade, mentres o home elude a proximidade e instálase na distancia, faise distante.

Despois de todo isto, eu, como o xastre que fai un traxe e logo vai a procura dun cliente que lle estea á medida, púxenme a buscar algún exemplo desas persoas ilusas e certamente quedei asombrado de que hai delas moitas clases, sen incluírme, claro, e tanto nunha dirección como na outra.

Entre os políticos temos exemplares valiosos, tristemente valiosos, porque non me digan que o espectáculo que están dándonos neste período pre- e electoral, é de pena. Acaso non é ilusorio pensar que sen cambiar en absoluto os métodos o pobo vai facer outra cousa que botarse a rir, sen crerlles nada?. Que ilusión, que idealismo, que auto–transcendencia...!!!. Pero se estamos no século XXI, señores. É tal a afección a fuxir da realidade que nin os máis xoves son capaces de manterse nela. Din os nosos paisanos que están nas nubes, no ceo, claro, precisamente cando o anxo Damiel descende a terra.

Pero hai outros sectores da sociedade que tamén dan e deron abondosos exemplares destes idealistas transcendentes, e se non pregúntenllo o admirable Papa Francisco, que está a brazo partido para corrixir a situación. E que casualidade...!. O anxo Damiel decide acompañalo aquí abaixo, ou encarnouse na persoa do Papa?. Pois algo misterioso debe haber aquí, porque cando toma contacto un político con el ata promete volver a rezar. Ironicamente...?. Quen sabe, porque os arcanos do home sonlles inescrutables.

O Papa Francisco parece que comprendeu moi ben aquilo de Andre Maurois, que a realidade está aló detrás da ilusión, e, sen embargo, os políticos aínda non se decataron de que a ilusión é unha agradable aberración da esperanza.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES