Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lingua galega minorada

martes, 19 de mayo de 2015
Estase a falar da delicada situación da nosa lingua galega, a única propia de Galicia. Danse nesta problemática diversas dimensións que se entrecruzan e non resulta doado deslindar unhas das outras. Compoñentes políticos, sociais e individuais inciden nun ou noutro sentido sobre as posturas que as persoas adoptan fronte a tan importante cuestión.

As leis e disposicións que emanan do poder político son neste tema de gran relevancia, como o demostra a historia pasada e recente desta lingua. Unha lingua remata por non se utilizar cando son só as clases inferiores, non as detentoras do poder político ou económico, as que fan uso dela. Isto é en gran medida o que está a pasar en Galicia. Pois a ninguén lle comprace ser visto como un perdedor ou inferior. Mais é aquí xustamente onde pode entrar en acción unha calidade de xorne cultural moi presente na historia e no comportamento dos galegos: a súa ben coñecida capacidade de resistencia. Isto ten xa, porén, moito que ver coa dimensión estritamente individual das persoas, por máis que estas vivan mergulladas en inevitábeis contextos sociais.

Apoiándonos, pois, ben nestas dúas pernas (a política e a individual), poderémonos botar a andar e avantar. Facéndoo cunha soa delas, coxearemos sen remedio e remataremos deitados, cansos e eivados á beira do camiño.Hai poucos días déronme a nova de que morrera un vello párroco que levaba moitos anos atendendo os seus fregueses nunha parroquia rural da Terra de Montes, moi preto de onde el mesmo nacera, e alá me fun ó seu funeral e enterro. Supuña eu, si, que alí se xuntarían moitos curas, compañeiros e amigos do finado, mais non contaba con que o acto estaría presidido polo propio bispo da diocese. A cerimonia foi solemne e ben levada. Só faltou un pequeno detalle, pois a pobre e minorada lingua galega só se atreveu a asomar a cabeza no escaso medio minuto que durou a oración do “Noso Pai”. O resto ocupouno a lingua imperial.

Cando volvín para a casa, notei que unha das pernas (a política, oficial ou xerárquica) comezaba a renguear, mais na outra (a da resistencia e do compromiso) fervíame o sangue. Vin pensando que o ocorrido só podía ter unha explicación. A da crise na que estamos, que nos obriga a aforrar. Así polo menos nolo explica, nunha das súas lúcidas viñetas xornalísticas Xaquín Marín: “Os galegos somos tan aforradores que temos lingua propia e nin a usamos”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES