Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba (Lugo): O Rego e o Cotarón

martes, 09 de mayo de 2006
Vaise abrir unha rúa entre o Auditorio Carmen Estévez e a estrada a Ferrol, que posibilitará o desenvolvemento dunha zona vilalbesa ata agora arredada do progreso, que coincide á perfección coa miña xeografía do lecer infantil.

No lugar do Auditorio estaban o Cine Parroquial e os locais de Acción Católica. Xusto ó lado íase cara a Pena de Miguel, lugar do río totalmente prohibido pola súa peligrosidade, hoxe domesticada pola praia fluvial.

Un pouco máis adiante, estaba o Rego dos Cochos, lavadoiro que o concello construíra quizais a comezos dos anos cincuenta nunha vagoada onde chegaban as escorrentías da fonte da Porta de Cima.

No Rego concentrábanse as lavandeiras da Porta de Cima e levaban con elas ós nenos. O Rego foi o noso parque infantil.

Perdida a súa función hai tempo, o Rego ven de desaparecer polas obras desta nova vía. Non mereceu a máis mínima consideración, xa que estaba feito con ladrillo e non tiña utilidade.

Logo estaba o Cotarón. Os seus altibaixos facían deste pequeno territorio o lugar ideal para xogar a policías, ó escondite, sestear, e ata para ler en paz mentras o sol da tarde ía caendo.

Ós tres lugares accedíase por separado, pero entreles había como un cordón umbilical, que permitía ir dun ó outro, por camiños entre fincas particulares nos que os nenos viamos mundos incógnitos que merecían descubridores especiais que soubesen valorar as súas fermosuras.

Desde o acceso á Pena de Miguel ó Rego, só había que salvar un pequeno pasadoiro, camiñar entre terras de labor, e chegar bordeando un pequeno precipicio e baixando unha estreita congostra chea de pedras.

Do Rego dos Cochos ó Cotarón, onde se ía tende-la roupa. A miña memoria establece na distancia que se ía por lindeiros de fincas e prados ata aquel lugar sen lei nin límites, onde as empresas depositaban o lixo industrial máis variado. Aqueles residuos -madeiros, ferros, cristais…- eran o complemento directo perfecto daqueles paupérrimos xogos.

Tamén o Cotarón desaparece baixo a noa vía. É o progreso, que impón a súa Lei.
Parece increíble que tanta vida e tantas lembranzas caiban en só 400 metros de lonxitude e 14 de ancho, os que terá esa nova rúa que vai dinamizar a zona e ennobrecer o contorno do Auditorio.

Esta rúa vai permitir facer peatonal a miña Porta de Cima, ancha daquela e estreita hoxe pola que hai quen se permite facer carreiras de coches; e vai permitir que Vilalba se expanda nunha zona na que ata agora parecía prohibido ese progreso que vai unido á construcción de edificios.

As casas que daban á zona da que falo estaban de cara á Porta de Cima e de costas ó río. Vilalba viviu de costas ó río durante moitos anos, nunha antinatural postura que agora se vai resolver, porque ningún pobo pode renunciar a unha bendición como a corrente fluvial que nos rodea desde Os Freires ó Rañego, pasando pola Madanela, outro lugar de fermosas lembranzas infantís.

Tárdame camiñar pola nova vía que será de circunvalación á vez que atallo e factor de desenvolvemento. Que sepultará infinidade de vellas lembranzas, asfaltadas pola uniformidade dun presente de pedra que seguro permitirá lembranzas novas para os nenos de agora nun lonxano mañá.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES