Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sinais de vida nunha prórroga

jueves, 14 de mayo de 2015
Por razóns de saúde, ou máis ben de falta dela, levo un tempo caladiño. Xa polo mes de marzo fóronseme complicando as cousas ata que no mes de abril pensei que chegara ó final das miñas andainas por esta terra.

Só pra responder a algunhas preguntas que tamén eu me fixen direi que parece que o motivo destas complicacións non foi ningunha reprodución do cancro de larinxe do que fun operado, aínda que esa operación puido agravar algo as dificultades, especialmente respiratorias, que xa tiña. A primeiros de abril estaba “despachado” a petición propia e tiña case todo disposto prá derradeira viaxe.

Digo case todo, porque todo, todo ben disposto a min que son bastante desordenado non me é doado telo. Coa intervención da familia, de amigos e sobre todo dalgúns facultativos competentes concedéuseme unha prórroga e aquí estou outra vez, aínda que moi limitado polo momento.

çConto isto sen ningún afán morboso, simplemente por dar razón do meu silencio, non porque pense que son cas único nin un enfermo máis importante ca ningún outro. Dios me libre de pensar tal cousa, que ben sei de situacións moito máis dramáticas!

Neste tempo de silencio meu falouse de min en distintos medios moito máis do que eu quixera ou puidera merecer. Esas “faladurías” viñeron motivadas porque, coincidindo co meu empeoramento saíu ese libro “Cerna de Carballo” no que un bo número de amigas e amigos falan de min, manifestando o seu agarimo e excepcionais doses de imaxinación.

Sen deixar de mostrarme agradecido ós promotores, non podo calar que mo impuxeron contra a miña vontade os teimudos argalleiros Xulio Xiz e Alfonso Blanco da Irmandade Manuel María e da Asociación Xermolos. Como chegou a ir pra diante sen o meu beneplácito é moi longo e nada fácil de explicar, pero polo medio tamén anda o non saber plantarme e dicir redondamente non a uns amigos de vello que obraban de boa fe.

Ante a “imposibilidade” de parar o proxecto puxen como condición, quizabes pra enganarme a min mesmo e implicarme un pouco, que, se deixaba algún beneficio a súa venda. sería prá Asociación Española contra o Cancro (AECC). Así os que colaboran no libro, os que o promoven e os que poidan mercalo, non o farán tanto pra subirme a min a un inmerecido altar canto pra axudar a que outras tarden algo máis tempo en iren apousar a diante do altar.

Con relación ó libro eu teño que dicir que cando o lin descubrín en cada páxina como non son e como debería ter sido. Pero cada un dos colaboradores, tanto os que falan en nome propio coma os que o fan en representación dalgún colectivo, fano tan ben que a min daríame moito gusto lelo se o protagonista non fose eu. Menten, logo, os que colaboran? Só faltaría que aínda por riba os acusase de mentireiros! De ningunha maneira! O que ocorre é que, simplemente, non din verdade. Pásalles o mesmo ca miña nai, en paz está, que, sendo eu escuchimizado como fun sempre, tanto que cando nacín parecía de restreba e iso que era primeirizo, ela, non obstante, chamábame guapiño e miña xoíña. Non mentía. Víame así porque me miraba só cos ollos do corazón. Pois, por iso.

Outra das razóns polas que ese libro di moi ben como non son é porque só se fala de virtudes, dalgunhas que teño e doutras que me colgan, pero non se fala de vicios ou defectos. “Cerna de Carballo” ten por unhas catrocentas vinte páxinas. Eu pola miña conta estou escribindo outro “Samo ou sámago de Carballo” sobre os meus defectos e vou pola páxina oitocentos corenta e aínda me falta máis da metade.

En “Cerna de Carballo” colaboran directamente ou en representación de grupos por unhas duascentas amigas e amigos. Non dubido de que o son todos os que están, pero non están todos os que son. Cun bo número dos que colaboran xa tiñan falado cando me deron por feito o proxecto. Xa postos, eu aportei tamén algúns nomes e outros ofrecéronse eles mesmos ó saberen o que andaban artillando. Agradezo moito ás e ós que están e pido desculpas ós que non están. Nisto pasa coma nas vodas que ás veces non se convida ós que xa teñen feito de antemán o regalo.

Preguntan algúns por que non houbo algunha presentación e se a vai haber. Non a houbo ata agora porque a este Carballo, que xa tiña algunha abelloca na súa cerna caeulle ultimamente una chispa que acabou de fenderlla, pero aínda non secou de todo e, se cadra, pró tempo ata volve a dar algunha landra. Se me obrigan e Deus quere e me vou poñendo en condicións, probablemente haxa algunha, “por imperativo legal” aínda que me custe o sacrificio de ter que ruborizarme e probablemente ceibar algunha bágoa diante do público, desexando que o acto acabe o antes posible pra deixar de atormentarme constatando o bo que puiden ser e non fun.

Pra rematar, pido perdón dunha maneira especial ós meus irmáns curas que loitaron e fixeron e fan moito máis ca min sen tanto bombo e a miúdo ninguén lle lo recoñece. Repito algo que teño moi asimilado e dito con plena convicción noutras ocasións: Por andar desde hai tempo en distintos medios de comunicación e subirme a escenarios e facer “prodixios” con truco poida que eu teña máis escaparate ca moitos, pero todo o que teño está nuns poucos metros cadrados de escaparate. Non hai almacén. En cambio outros, curas e non curas, case non teñen escaparate, se acaso un ventanuco, pero entrade na tenda e no almacén e veredes naves enteiras repretas de humildosa riqueza e variedade!

Citei antes a Alfonso Blanco. Quero reiterarlle a miña gratitude e a miña admiración. Os case incribles percances de que foi vítima hai pouco tempo e a súa reacción dános a talla dun xigante Goliat en corpo de feble David.

Acabo coa palabra GRACIAS e coa aclaración de que o mal que hai en min débese principalmente a min mesmo e, en cambio, o ben que pode haber débese a outros que o sementaros. En primeiro lugar a quen é a un mesmo tempo Semente e Sementador.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES