Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Papa con fe no home

viernes, 08 de mayo de 2015
Na canción ‘Preguntitas para Dios’, Atahualpa Yupanqui pregunta a Deus por que non cre no home. Por iso é tan novidosa e atraínte, para crentes e ateos, a figura deste papa Francisco que tamén cre no home. Ata resulta curioso que fora o primeiro en escoller o nome de Francisco de Asís, que recorda a humildade, a comuñón coa natureza e a pobreza.

Na Curia, nas altas xerarquías eclesiais, un silencio expectante acompaña as declaracións e os xestos de quen non quere unha mitra con ouro e pedras preciosas, capa de armiño ou tronos con tiara. De quen é capaz de contestar aos xornalistas de pé, nun avión, ao longo dunha hora. Ou que as primeiras viaxes foran para abrazar aos excluidos que xa non collen no cemiterio de Lampedusa ou a Cerdeña, boa mostra do diabólico sistema económico explota ao home e degrada ao planeta.

Este papa incómodo, coa linguaxe intelixible da humanidade e a contundencia evanxélica tan molesta para os xerarcas, non come coas autoridades senón que senta na mesa cos pobres e abraza a inmigrantes con infinita tenrura.

Ninguén sabe ata onde chegará a revolución profética deste home que denuncia a globalización da indiferencia, que escoita o berro dos que choran, que sente vergoña e denuncia en voz alta o capitalismo salvaxe que aplasta aos inocentes.

No xornal italiano, La Reppublica, coa linguaxe do pobo que todo o mundo entende e non co barallete vaticano de quen non quere mancharse, di cousas como estas:
“Algúns dos males máis graves son a soidade dos vellos e a falta de traballo da mocidade. Aplastados polo presente, sen traballo nin esperanza, como poden os máis novos crer no futuro, construír un proxecto, crear unha familia? O liberalismo salvaxe converte aos fortes en máis fortes, aos febles en máis febles e a os excluidos en máis excluidos. É necesaria a intervención do Estado para corrixir as desigualdades máis intolerables”.

Palabras e xestos rebelan que o papa Bergoglio coñece o significado da palabra evanxeo, en grego ‘boa noticia’ para os necesitados de boas noticias. A lista deles é tan interminable que resulta raro que todos estes colectivos sexan invisibles para a igrexa oficial, tan militante noutras causas.

Suponse que aqueles teólogos que abogaron pola causa do home, talvez agora sexan escoitados. Prohibidos, silenciados ou sospeitosos por ter unha visión progresista como Hans Küng, Chenu, Ives Congar, Karl Rahner, Schillebeeckx, Leonardo Boff, Ernesto Cardenal, Gustavo Gutiérrez, Ellacuría, Benjamín Forcano, Jon Sobrino, Pagola, Juan José Tamayo. A lista é tan ampla que a través dela resoa a terrible sentenza do escritor franco-libanés Amin Maalouf: “A miúdo penso que as relixións son un invento dos homes para ocultar o verdadeiro rostro de Deus”.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES