Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loa a Víctor Corral

martes, 05 de mayo de 2015
Cómpre agradecer ao concello de Begonte a decisión de facer fillos predilectos a Sergio Rábade e a Victor Corral, co que demostra unha especial sensibilidade para valorar as achegas de cada unha e cada un dos veciños. Recoñecendo a eles os dous está apreciando arestora todo o que facedes cada unha e cada un dos que compartides as vosas parroquias, dende a liberdade e creatividade de cadaquén, asumindo a diversidade da nosa cidadanía porque como estamos celebrando cada persoa é un mundo.

Coma dixo o autor cubano José Martí: “quen honra, honrase” a sí mesmo, que vos traducides con moita sabedoría: “é de ben nacidos, ser agradecidos”.

E falando de Cuba xa plantamos diante a xenealoxía de Victor Corral Castro que labrou con golpes de tenrura nun relevo de madeira, ao xeito dun retábulo dun dos altares nos que garda o lume sagrado dos seus devanceiros, e no que adiviñamos a súa avoa Rita, filla da emigración a esta illa, a matriarca que tanto influiu na familia, recollendoa Enrique Alvarellos na súa obra: “Mulleres destacadas de Galicia”.

Esta lembranza dá pé a suliñar como Víctor expresa na súa obra unha fonda paixón polas súas orixes familiares, marcadas pola emigración, pero como “as obras son amores”, imos centrarnos na súa creación, sen esquecer que estamos a encomiar a un veciño exemplar, sempre comprometido coa súa comunidade, endexamais un artista aillado no seu obradoiro, emporiso a súa casa é unha atalaia aberta ás praias dos ventos da Chaira e do mundo..

Nesta liña, tamén podemos falar do profesor Sergio Rábade, do que ven de interesarnos o mestre e amigo Antonio Calvo... E calquera de vós podiades contaxiarnos ao instante da inmensidade de Víctor Corral que fai camiño á nosa par, sen erguerse a ningunha moqueta, tripando o mesmo terrón, un filósofo da nosa idiosincrasia galega. Emporiso foi capaz de interpretar con tanta fidelidade o ser das e dos begontinos a través da súa arte, inmortalizando o voso xeito de convivir.

Polifacético, é o Leonardo da Vinci do noso país, un dos seus creadores preferidos: pintor, gaiteiro, canteiro, deseñador, poeta, ciclista..., e sobre todo ESCULTOR LABREGO, que co seu xeito contemplativo plasma na pedra, na madeira, en calquera material, as esencias da natureza. A súa creatividade inza na nai terra, ata tal punto que existe unha simbiose, unha comuñón total entre a súa tensión artistica e a natureza. Non fai máis ca dignificar a nosa paisaxe chairega cos seus recursos persoais.

Na súa contorna conviven o freixo, as frores, as pombas, a vaca, o animal totémico de Galicia, que segundo comentan algúns gandeiros é a vaca máis fermosa do país, o que nos remonta á súa infancia cando gravaba paxariños nos cornos e nos apeiros...
Naceu á vida e á arte lindando o gado da casa e debuxando os seus soños e arelas...

FIDELIDADE AS SÚAS ORIXES

A pesares da súa estadía en varias cidades e o seu traballo no mundo da emigración, endexamais rexeitou a súa orixe e as súas raíces, ata transmite na súa pel a cor do gran acariciado polo sol desta Terra Chá. Victor comunica aquelo que escibiu o seu amigo Manuel María de calquera de nosoutras e nosoutros: “Sabémonos un montonciño de arxila que sinte, ama, padece e soña. A nosa cor é a mesma que a do pan de centeo. Cantamos como a brisa na folla das abelairas, nas ponlas do robusto carballo ou dos piñeiros fungadores. As nosas bágoas de dor ou de alegría non se poden diferenciar da pinga de orballo emocionada sobor da rosa ruborosa ou tremelocindo na espiña feridora do toxal. En ocasiós as nosas palabras teñen o sabor do acibro brilador ou do amargo xaramago. Por fora semellamos un pouco ásperos e rudes como o codeso.

Cando sorrimos a nosa face lembra ao sol nacente iluminando o cume da montaña”.
Asemella que o poeta escribiu esta semblanza, despois dunha das súas multiples visitas ao Museo de Baamonde, onde Víctor bendí as súas pezas coa presenza no alto do Deus “sol da xustiza” ou o misterio dos astros…

Hoxe temos que agradecerlle que plasmase para sempre o patrimonio dos nosos devanceiros a través da súa obra, non só no recanto familiar da súa casa, tamén en espazos púbricos: prazas, vías de comunicación, mesmo nos xardíns do Parlamento galego. Temos vivido sesións intensas e emocionantes coa mocidade e as crianzas no seu obradoiro, nas que os máis novos aprenden con solpresa as esencias da cultura labrega que el interiorizou dende neno coma o seu espírito particular. E neste leito axuda a medrar as súas fillas e netas coa súa dona, mesmo comprometendose na formación das nenas e nenos a través da Anpa de Baamonde.

É tal a súa identificación coas raíces da paisaxe natal, que o Victor artista acada unha fusión total coas raíceiras das pudias e das árbores, arrincandolles as súas cores e o seu calor para compartilo cos demais. De feito lé nas pedras e na flora, comunicando as cantigas e os laios de todas as criaturas, mesmo salvandolles a vida, coma aconteceu co castiñeiro do adro de Baamonde... Buscando no interior de cada ser a súa trascendencia a nivel social e colectivo. Reivindicando a vida do castiñeiro milenario estaba garantindo o patrimonio herdado dos nosos devanceiros, e mesmo conquistando máis espazos de liberdade para o futuro de Baamonde, e polo tanto para a humanidade.

Era coñecedor da importancia para vosoutr@s do eixe simbólico da súa parroquia: a igrexa, o calvario, o adro... A obra máis antiga que acubilla con agarimo é o gravado infantil da igrexa románica nunha lousa, e despois colaboraría con decisión na súa restauración e conservación, apoiando a Chamoso Lamas, un dos valedores do patrimonio da Terra Chá, principiando coas excavacións do Castro de Viladonga. O vencello umbilical de Victor Corral coa nosa arte ía ser o románico que mamou ao pé da casa, emporiso nel o espírito domina sempre a materia.

Aquí está a chave para intuir a vontade de estilo da súa creación: o aprezo por cada criatura, sen cosificala nin siquera sometela ao seu obxectivo e criterio artistico, senon respectando a súa singularidade en comuñón co resto da natureza. No eido que está a labrar non hai fendas entre os prodixios que enxerga a Nai natureza e as criaturas froito do inxenio do artista. Todo convive nunha harmonía total, acreditando unha das crenzas das que se sinte máis orgulloso e rumboso: poder participar na obra da creación dun xeito tan senlleiro.

Emporiso estamos ante un autor clásico xa en vida. A súa obra transmite unha linguaxe universal que responde aos interrogantes das persoas de hoxe, que conservan na retina e no corazón os sentimentos que deitan as súas esculturas, pinturas, versos, etc. Así este recanto do mundo é un refrixerio agradecido no camiño a Santiago, e en moitas latitudes celebran cada día a súa obra, en museos de todos os continentes e tamén nas reproducións que espallaron por todas partes as edicións de catálogos e guias da súa obra, situando a Baamonde e Begonte no mapa do mundo.

Mesmo esa teima por traballar e definir os trazos que distinguen cada rostro, está a proclamar que a universalidade para Víctor radica nas diferencias de cadaquén, no seu compromiso por recoñecer e manter os sinais de identidade do seu pobo, dende os cimentos da casa que o canteiro foi erguendo segundo os patróns da arquitectura popular e demostrando a importancia da casa de cadaquén na nosa psicoloxía familiar.

Emporiso loita coa súa obra contra a fame no mundo, os malos tratos aos animais, as guerras, “Os que choran sen falar”..., clamando coa forza das fibras da madeira: !Basta xa!, un reflexo da súa ética persoal que o levou a comprometerse coas asociacións e colectivos da comarca para mellorar a calidade de vida das e dos veciños: a Asociación Protectora de Animais, a Cruz Vermella... A súa predilección polas pombas que o saudan co seu arrular ao raiar a alba, levarono a multiplicar a súa presencia en ducias de fogares, dende “A pomba da paz”, do Museo, tan pequena pero enérxica, coma feble é a paz, pero sempre fornecedora de saúde e boa convivencia.

Nada máis afastado dun almacén ou unha colleita de obras de arte. Tampouco é un museo ás costas da vida social, a súa Casa Museo é un manancial de vida, coma unha fervenza que irriga toda a contorna. É un facho aceso que humaniza dende o alto de Baamonde, coma as representacións de Deus ou do sol que señorean moitos dos seus relevos.

A súa mestra é a natureza, e a pesares de coñecer a arte europea e manifestar as súas predileccións por Miguel Anxo, da Vinci, Rodín, Gaudí, Asorey..., como autodidacta foi asimilando os segredos e tesouros das criaturas máis sinxelas da sua veciñanza, na liña da poesía chairega: Manuel María, Díaz Castro, os poetas da Escola Mindoniense, sabedor de que o mundo é máis pequeno sen elas..., cun sentido franciscano que difundíu coa súa imaxe do Santo de Asís, e sen despreciar recursos expresivos, esculpiuno como a Virxe do Rosario no interior dun tronco para remarcar aínda máis a querencia do santo pola natureza. E levado a outro terreo é capaz de crear obras de arte en miniatura, só perceptibles cunha lupa, coma o San Xurxo nunha fibra de buxo, que o obrigan a un longo proceso de execución, para demostrarnos que o grande conservase no máis pequeno.

Esta fraternidade que vive cada día provoca a súa ansia creadora, coa súa ollada ateigada de tenrura le na pedra ou na madeira o mundo que levan dentro, e ao instante sente a necesidade de infundirlle o soplo da recreación. Non marxina a ninguén, emporiso cando colabora con obras súas nunha paisaxe ou espazo publico concibe a súa presenza artistica coma unha achega amable no conxunto dos elementos naturais, endexamais coma unha imposición estética.

Neste sentido, tamén a súa poesía merece unha mención especial, pero estamos a glosar a súa arte total que non permite compartimentos estancos, aínda que é máis coñecido coma poeta da pedra, de feito, xa máis novo, achegouse a Castelao e Rosalía a traves do cincel, e todas as artes lle axudan para facer máis fermoso o mundo que recibiu, e que el escolleu coma destino da súa vida.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES