Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A hetedoroxia electoral

lunes, 04 de mayo de 2015
Os termos heterodoxo e ortodoxo foron e son usados habitualmente nos contextos relixiosos. Polo tanto, se sabemos ben como se empregaban aquí, é moito máis fácil entender en que sentido se están empregando noutros eidos. Están referidos principalmente as opinións e teorías ou doutrinas acerca de algo, e tamén a vida práctica. Dicimos dunha persoa que leva una vida heterodoxa cando se aparta do habitual, considerado como ortodoxo.

Non vamos agora explicar a súa etimoloxía grega, só dicir que, no ámbito relixioso, heterodoxo é aquel que profesa, ensina unha doutrina ou escribe unha opinión distinta das verdades que se consideran reveladas por Deus, que son as consideradas correctas, ortodoxas, recollidas nos libros sagrados ou definidas como dogmas pola autoridade competente.

Sen embargo, a simple lectura dos libros sagrados non parece que sexa suficiente para crer que conteñen a palabra de Deus. San Paulo non di que a fe ven da lectura, senón do oído: FIDES EX AUDITU. De aquí que haxa que escoitar a voz da Igrexa, depositaria das da ortodoxia no ámbito da fe. E no ámbito da convivencia o que nos di a razón e avala o sentido común.

Pero as cousas hoxe estanlles moito máis revoltas, porque a globalización e o progreso científico exercen unha influenza colosal en todas as culturas relixiosas e tamén nas outras. Trago a este lugar uns palabras, ao respecto, do filósofo, teólogo e sacerdote, Dr. D. Juan Antonio Estrada, que se formou nas universidades de Innsbruck, Múnich e Gregoriana de Roma, onde se doutorou en Teoloxía, e que escribiu nun traballo recente. Din así, traducidas ao galego: “Nunha época de crises de crenzas, non só a fe relixiosa, senón tamén o ateísmo resultan demasiado “fortes”. Prefírese ser non crente “por libre”, sen entrar nunha dinámica reactiva respecto da relixión que se rexeita”.

A min antóllanseme estes parágrafos, cando menos, adecuados para extrapolar algunha idea a toda esta barafunda política do presente ano electoral por excelencia, no que, por conseguinte, penso que debemos esperar un bombardeo de mitins, dun e doutro partido, cos candidatos abrazando o atril con aceno de seguridade e serenidade, e dándonos a coñecer as diversas solucións para os problemas locais e autonómicos dentro da súa ortodoxia ideolóxica.

Pero isto talvez suscite aos electores unha reflexión: A ortodoxia doutrinal das ideoloxías políticas ten moitos definidores e non hai unha soa liña de separación das actitudes heterodoxas. Polo tanto, os electores perden os escasos referentes que puideran ter, e sobre todo porque nos períodos electorais, pendentes dos votos, e, xa pouco definidas, as opinións ortodoxas, adecúanse ao auditorio “descafeinándoas” deliberadamente: Como exemplo “Podemos”.

Este partido, despois de sentar unhas liñas ideolóxicas apresuradamente, cada día vai facéndose máis cómplice do presunto sentir daqueles que espera os posibles votos. A “casta”, como tiven ocasión de escribir noutra colaboración, “encastounos” na ortodoxia allea, adoptando unha heterodoxia estratéxica, que, en canto tal, faise acredora a toda clase de cautelas.

Os partidos que teñen algún nivel de poder, nestes tempos electorais, son incapaces de romper coa heterodoxia implícita que comporta a reparación de infraestruturas que levan anos en mal estado ou atención aos servizos solicitados fai tempo: Por todos os recunchos do país, autonomías, provincias, municipios, os vehículos dos organismos públicos e das empresas pululan con evidente interese propagandístico. Un verdadeiro insulto á intelixencia dos cidadáns e unha teimuda manifestación das carencias propias!!!.

Os criterios dunha xestión pública ortodoxa quedan entre parénteses, ata que termina o período electoral, para dar paso ó tropel de servizos, posiblemente planificado en función das expectativas electorais de cada sitio. E repítense así os motivos do noso descrédito democrático e político.

Despois de visto o visto, o crédito dos políticos queda enturbado por unha serie de accións que estenden a irrealidade e o ilusorio individual sobre a problemática real da mesma realidade social, sen sequera pararse a considerar que hai millares e millares de persoas neste noso país que están fuxindo daqueles marcos políticos que encadraban xentes con sentimentos e ideas comúns, e hoxe están convertidos en albergues de oportunistas.

Permítanme plaxiar as palabras do Dr. Estrada, extrapolándoas a este contexto: “Nunha época de crises política, non só a fidelidade ideolóxica cernil, senón tamén o transfuguismo oportunista, resultan magoantes. Unha alta porcentaxe dos cidadáns prefire exercer a política “por libre”, evitando entrar nunha dinámica reactiva respecto das prácticas políticas que rexeita”.

E estes son os que escoitan, remoen e calan; pero actúan pola súa conta, apoiando a uns ou a outros, ou absténdose, porque hoxe a non crenza relixiosa e os escepticismo político lévase nos arcanos da conciencia de cadaquén, se salvamos o infantilismo dalgúns adultos e a impetuosa arrogancia de certos raparigos/as.

Pero isto non lles é ningunha achega que vostedes non coñezan. É, no mellor dos casos, un aviso a navegantes, pois xa nos escribiu D`Alembert que a guerra era a arte de destruír ós homes, e a política a arte de enganalos. E aquí en España, visto o visto, a política venlles a ser a condución dos asuntos públicos para o proveito dalgúns particulares.

Porque os partidos son inmunes a humildade necesaria que lles permitiría decatarse, dunha maldita vez, que nunca teñen toda a razón, precisamente porque son iso, PARTIDOS, e, en canto tales, como xa dixo Alexander Pope, adoitan ser a loucura de moitos en beneficio duns poucos, precisamente daqueles que na oposición están en contra de todo o que poñen en práctica cando están no poder. Velaquí as razóns da heterodoxia electoral.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES