Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nai África, mater dolorosa

viernes, 01 de mayo de 2015
Nas barrancas de Olduvai os primeiros ósos humanos son de pedra. Nai África contempla abraiada os traballos dos paleontólogos que desenterran coidadosamente os restos dos seus primeiros fillos. E terían a pel escura? De certo que o seu sangue percorrería os camiños das veas e dos soños. Terían músculos, e medos, e tenrura. Hai millóns de anos.

Esta terra fértil foi o embigo de onde partiron todas as corredoiras para ocupar o pequeno planeta azul da auga e verde da vida. Nai África pensa que daquela ninguén dos seus fillos foi chamado inmigrante. Quizais porque neste planeta viaxeiro todos estamos de paso.
Nai África estudia o mapa do continente martirizado e contempla a cuadrícula marcada con tiraliñas que divide os países. En Europa as fronteiras están cheas de reviravoltas: en cada curva unha batalla, un pobo, unha loita pola identidade. As fronteiras rectas de África romperon culturas, racharon con pobos, dividiron en parcelas a historia común, sementando un futuro de conflictos interminables.

Nai África ten a pel negra. Recorda agora o primeiro día no que vira homes brancos. E como foron acollidos cos brazos abertos, cos ollos e o corazón de par en par. A hospitalidade co forasteiro foi un valor que se mantivo sempre. En troques, os civilizados homes brancos trouxeron a súa relixión, as súas falas. Tamén enfermidades descoñecidas e a súa inmensa cobiza. Esa sede insaciable de riquezas xamais quedou satisfeita, nin co ouro nin cos diamantes, nin coas madeiras nobres nin cos minerais, nin cos homes e mulleres novas.
Conta e reconta Nai África os fillos perdidos. Xamais na historia da Humanidade houbo unha hecatombe humana semellante. Calculan os que saben que entre os séculos XVI e XIX máis de 10 millóns de homes e mulleres foron arrincados das súas comunidades para seren escravizados en Europa e en América. Habería que multiplicar varias veces esa cifra para chegar ó xenocidio real: tantos e tantas que quedaron no camiño das guerras e dos traslados.

Rindo a gargalladas imaxina se a historia tivera sido ó revés: Europa en taparrabos e as pateras arribando ás costas senegalesas.

Pero Nai África ten o ventre fértil e profundo. Pare fillas e fillos coa mesma forza que agora lle ferven dores e bágoas. As guerras idiotas (Darfur, Somalia, Sierra Leona, Liberia, Angola, Chad, Burundi...), as desfeitas ecolóxicas (véase a película “La pesadilla de Darwin”), os deuses que negan a chuvia, as pragas bíblicas da fame e da langosta, impiden a moitos nenos dar o primeiro paso, a moitas nenas barballar a primeira palabra.

A desfeita, a miseria, a corrupción, as guerras implacables destrozan inmensos países riquísimos como Zaire ou Nixeria, pero seguen a enriquecer a depredadores estranxeiros que xamais se chamaron inmigrantes. Chámanse multinacionais e falan inglés e francés, ruso, chino e tamén español.

Velliña e enrugada Nai África xa non ten bágoas para chorar polos mortos recentes. Os ósos de pedra están agora cubertos de pel e músculos, de ollos e fame, de pelo e soños, de medos e mans valeiras. Acubíllanse xuntos no fondo dun ‘cayuco’ implorando a misericordia dos deuses sombríos do Atlántico, agora, cando a lexendaria hospitalidade africana ten portas de arame de espiño en Europa.

A barranca de Olduvai chámase Estreito de Xibraltar onde paleontólogos disfrazados de gardas civís descobren cada día xacementos de ósos humanos aínda vestidos de carne e pel humana. E da inmorrente esperanza dos derrotados.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES