Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Compostela das cantigas

viernes, 24 de abril de 2015
A nosa lírica tivo, dende as orixes, unha vocación internacional irrenunciable. Os trobadores do antigo Reino de Galicia crearon as súas A Compostela das cantigascantigas axudados por colegas doutros reinos que, fascinados pola perfección estética dos nosos poemas musicados, non quixeron deixar de compor naquela lingua común aos de aquén e alén o Miño, que era vehículo de expresión da máis refinada literatura europea da altura.

Pois ben, se un lugar funcionou como sancta sanctorum da produción desta escrita ese foi, con certeza, Compostela, non só por residir alí a corte do monarca e a sede do arcebispo (e, por tanto, todas as forzas vivas socioculturais que ambos os poderes arremuiñaban derredor), senón tamén por ser a meta das peregrinacións millenta que, principalmente polo Camiño Francés, traían ata a cidade os viaxeiros ávidos de traspasar o soarego do Pórtico da Gloria e saudar o Fillo do Trono.

Aquelas intemporais cantigas seguen hoxe, coma sempre, admirando o mundo orbe. Dá fe do que digo a recente publicación de O caminho poético de Santiago, a escolma de lírica galego-portuguesa que Yara Frateschi Vieira (profesora da Universidade Estadual de Campinas) e mais María Isabel Morán Cabanas e José Antonio Souto Cabo (docentes da Universidade de Santiago) publicaron baixo o prestixioso selo Cosac Naify en Sao Paulo, Brasil.

Ideada como unha antoloxía de divulgación para o lectorado culto e curioso, este O caminho poético de Santiago constitúe un acabado exemplo de como unha obra pode ser a un tempo de amena lectura para un público xeral e non necesariamente especializado sen renunciar ao máximo rigor científico. Frateschi Vieira, Morán Cabanas e Souto Cabo conseguen facer fácil o difícil e, sen sacrificar nin ao máis mínimo detalle canto ás últimas investigacións e pescudas trobadorescas, son quen de transmitir con acuidade e impecable pulso narrativo todo este complexo e cativador universo.

Antelogado por un moi útil ensaio contextualizador, o conxunto dos cincuenta e cinco textos asinados polos vinte e nove trobadores que aquí se reúne ten como nexo común Compostela, ben por ser esta a cidade de procedencia, residencia ou destino dos autores das cantigas, ben por aparecer a localidade (ou os seus arredores) amentada nelas, ben por estaren vencellados os compositores coa vella capital ou con familias nobres e/ou rexias desta e mesmo co Camiño de Santiago como vieiro de converxencia.

O resultado é unha crestomatía na que non faltan as voces maiores de Afonso Eanes do Cotom, Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joao Airas de Santiago, Nuno Fernandes Torneol, Pai Gomes Charinho, Pero Meogo, Dom Afonso X ou Dom Dinis, entre outros, que ven como tras das cantigas que se lles escolman os editores dispoñen un breve artigo explicativo que ilumina o sentido do texto ou textos antologados, pezas esexéticas que creo que, con xustiza, poden considerarse entre o melloriño da divulgación informada neste xénero.

O libro complétase cun glosario de voces que explican determinados termos do vello galego-portugués talvez máis opacas a un lector actual da área galego-lusófona; un mapa de Santiago coa localización dos lugares citados nas cantigas; un índice de topónimos referidos nestas; unha mostra de imaxes dos Cancioneiros medievais e unha moi actualizada e escolleita bibliografía final, amais dunha sucinta nota bioprofesional dos editores.

Nas mellores librerías de referencia galegas e tamén na web editorial (professor@cosacnaify.com.br) han poder facerse os interesados con este valioso O caminho poético de Santiago, editado con gusto e primor no material, testemuño probado de que a nosa voz, por onde quer, resoa.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES