Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

... pois non o entendo

jueves, 23 de abril de 2015
Leo na primeira páxina do xornal de hoxe -onte para vostede, benquerido lector-, que ó longo dos 365 días do ano o censo da provincia de Ourense perdeu a nada despreciable cifra de 4.394 habitantes. É dicir, unha ducia -desprezando os decimais- de habitantes diarios. Ou, expresándoo en termos un pouco máis globais, foi como se a provincia perdese a toda a poboación dun dos 92 concellos. E non precisamente dos pequenos.

Loxicamente, por máis que do que esteamos a falar sexa de aritmética pura e dura, no sentido das sumas ou restas que se fan para sacar a media entre os que nacen e morren, entre os que veñen e os que van e entre os que se quedan e non se quedan. Ou, se vostede quere, de cifras estatísticas, o certo é que por tras de cada un deses números hai unha chea de nomes e apelidos, cada quen coa súa historia persoal, familiar e colectiva. Cada quen coa súa xeira.

En definitiva, unha traxedia, loxicamente non tan dolorosa coma as que masivamente acontecen nas augas frías do Mediterráneo. Pero, unha traxedia, á fin e ó cabo, porque non deixa de ser traxedia que unha colectividade toda -e cando digo toda, non me refiro só a Ourense, senón a Galicia enteira- decida inmolarse por inacción e ninguén decida dar un puñetazo na mesa para espertarnos e comezarmos a invertir a tendencia -porque nalgún intre haberá que empezar-, e deixármonos de lamentos colectivos e de arrebolarnos uns a outros co rabo da sacha das culpas, que nunca tiveron amo nin dono porque, como ben di o refrán, son moi feas.

Non vou botar eu máis contas das que aquí van resumidas porque as contas están feitas e refeitas, publicadas e republicadas, e, ademais, os que vivimos na aldea non precisamos negras estatísticas, porque moramos permanentemente nelas.

Por iso, cada vez entendo menos o que nos pasa. E non só en Ourense ou en Galicia enteira. Senón tamén no resto de España e nunha Europa que demograficamente se desangra, sen que trate de poñerlle remedio a esa tendencia, mentres África morre, primeiro de sede no deserto para chegar á costa, e logo afogada nun mar Mediterráneo que acabará sendo tamén a fosa das nosas europeas conciencias.

Definitivamente non o entendo. Non entendo como ata hai nada as vacas no podían dar máis de dez litros por teto, mentres os nenos morren de fame en África. De fame ou de nada. Porque para saber o que é a fame como concepto, se cadra primeiro terían que sentir saciedade nos seus corpos escuálidos.

Como tampouco entendo que Galicia, Castela, Asturias, Extremadura e media Europa, nos esteamos convertendo paseniñamente nun inhabitable ermo mentres África morre -repito- afogada.

Será certo que aínda ninguén deu coa variña máxica?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES