Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A urda estatal e social

viernes, 10 de abril de 2015
Existe un sentimento abondo xeneralizado en España, se non queremos agochalo perigosamente, de certa preocupación pola debilitación da urda estrutural do Estado e da sociedade civil, ámbitos de vida en común e solidariedade, que non teñen a súa defensa nos relatos de cantilenas, nin no cómodo recurso a diferir solucións esencialmente constitucionais, utilizando vías de decisións parciais con evidente morosidade e ineficacia.

A estrutura estatal de base xeofísica é constitutiva, non só constitucional, que tamén o é por virtude de aquela, sobre a que decidiu o pobo, ten compoñentes sentimentais, sedimentados con fortes vencellos históricos; culturais, acrisolados coas diversas manifestacións das peculiaridades autonómicas, e consuetudinarios, marcados pola variedade de modos de vida reflectidos nos sectores da economía, do folclore, da gastronomía, da arte, etc.

Todos estes elementos, articulados na estrutura institucional, forman unha urda que se ve, dende hai uns anos, ameazada por estrañas actitudes individuais e organizativas, con escasa ou nula sensibilidade estatal, lixeireza na vinculación social, incoherencia nos comportamentos e irresponsabilidades na acción política(...). As razóns que poden explicar todo isto son múltiples; pero hoxe debo limitarme a facer unha referencia breve a algunhas que teñen asentamento na sociedade civil, con indiscutibles impactos nas redes institucionais e estruturais.

A permisible ductilidade dos marcos políticos e a intromisión do poder en todas as esferas, cataliza a politización ata un grao no que o privado e o público interfírense en tal medida que os espazos para o propiamente privado quedan confundidos cos do estrito ámbito público, ábrense canles para a delincuencia con concesións partidistas e lévase á trivialidade o exercicio democrático do poder.

Por iso, esta nosa democracia en vez de desbotar os totalitarismos dálles unha disimulada versión propia ao través de dúas vías ben diferentes. Por unha parte, estendendo a todos os recunchos da sociedade un poder local, so pretexto de acercalo ós cidadáns; pero extremando o coidado de mantelo administrado mediante camuflada xestión partidista. Por outra parte, adoptando actitudes de indiferenza á hora de practicar correccións molestas ou pouco rendibles en perspectiva electoral, e sempre amparándose hipocritamente no manido razoamento de que “estamos nunha democracia”. Eu diría que, precisamente por isto, debe gobernarse para todos, evitando as arrogancias e disfuncións propias da inxustiza, que poñen en perigo a coherencia social.

Todo isto lévase a cabo, dunha maneira case subliminar, nos concellos, nos que as pelexas son de intereses, xa que as ideoloxías non contan nos ámbitos locais nada máis que para xustificar desavinzas persoais, familiares ou acerca de intereses particulares, que moi poucas veces coinciden cos xerais. E, sumando a mesma inflación lexislativa, xeradora dunha pintoresca variedade de criterios na xurisprudencia, fai que o cidadán se senta cada día máis inseguro contra os solapados totalitarismos que o asexan por todos os costados.

Por outra parte, a nosa sociedade xa non é esa sociedade de clases, á que fixo referencia Marx, é unha sociedade (se mo permiten sen reservas partidistas) de “castas”, porque a é de partidos, de sindicatos, de corporacións, de asociacións con obxectivos legalmente explícitos, para ocultar os implícitos, etc.

Velaquí por que na sociedade civil, á deriva pola ruptura das mallas e urdas sociais, emerxen, por todas partes, grupos de resposta a tantos desaguisados, ateigados de promesas e non sempre investidos de experiencia; pero que poñen remedio a este baleiro con bos recursos dialécticos, xa como incipientes partidos. Se hai verdadeiramente tantas solucións para os problemas como partidos, non deberíamos abrigar moitas esperanzas, senón dubidar que a tendencia á disgregación permita realizar opcións aceptables.

Supoño, ademais, que a ninguén se lle oculta que nunha sociedade destas características perigan o valores comúns, por iso tampouco se necesita esforzarse moito para manter a tese de que a urda moral adoece de consistencia, porque no balbordo democrático toda moral universal, e por suposto, con cheiro dogmático, sen descartar as lembranzas dos abusos “fundamentalistas”, acaba sendo substituída, en breve tempo, pola que se pode chamar “moral de virtudes cívicas”, sen alcance universalista, coa que se permiten xustificar as astucias que facilitan unha vida tributaria da ridícula ostentación, nun mundo que ten presa en enriquecerse e recrearse na contemplación do seu propio embigo, en sintonía co que transmiten os medios.

Non pode verse doutra maneira, sobre todo se lle poñemos nomes e adxectivos a algunhas desas “virtudes”, como a tolerancia, a mercé de quen a concede (lembren que oficialmente hoxe os gobernos reaccionan falándonos, nalgúns casos, da “tolerancia cero”, para sacar peito en todo aquilo que non remedian); o individualismo, pero sen canon; a promesa de veracidade, entendida con reserva mendaz; a lealdade, con restrición mental, etc.

Non necesita o lector que sigamos nesta liña para decatarse de que o relativismo moral, sen principios, ben pode por en perigo, tamén, a urda moral, que, por máis inri, carece dun nivel aceptable de consistencia, abatida pola casuística dos grupos, dos partidos, das seitas, das organizacións de poderes fácticos, etc.

A todo isto hai que incorporar as peculiares virtudes que introducen certos grupos: a que chaman lexítima ambición, necesaria paixón ou egoísmo estimulante; a moral dos que asignan recursos, confiren poder e privilexios, e as “virtudes” dos aparatos políticos que prescinden do deber e están sempre remisos a hora de respectar e recoñecer os dereitos.

Tampouco hai que esquecer a relevancia de certas tensións entre un modelo de sociedade de matiz personalista, que se corresponde cunha forma espuria e acomodaticia da que Ferdinand Tönnies chamou Gemeinschaft, e un modelo estruturado, organizativo, que este sociólogo alemán denominou Gesellschaft, e que se dilúe aquí en tímidos ensaios de oportunidade política; todo o cal xera un desacougo que debilita a urda social, e que por deficientemente indefinido non deixa de regatear a súa presenza no noso lar, nas mans dos empeños centrifugadores e segregacionistas.

Porque a loita entre a excesiva instrumentalización organizativa e a sociedade de espírito comunitario e accións intersubxectivas e solidarias, está aí no seo das sociedades, e a nosa non é unha excepción, coa agravante da debilitación da urda estrutural e social, polas razóns apuntadas, que non permite reducir a categorías nítidas certas actitudes e comportamentos, dimanantes dun desafortunado pasado e portadores de disimuladas estratexias no noso presente.
Produciría unha agradable sorpresa comprobar que eses tantos partidos, que temos en España, son capaces de imaxinar os instrumentos adecuados para a corrección sensata dos desaguisados, cun realismo que reforce a confianza dos electores, evitando convocalos para apoiar e pagar a ineficacia.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES