Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O xogo dos espellos

jueves, 02 de abril de 2015
Descoñezo -a esta hora da tarde na que me sento a escribir- se o proxecto "Ourense en común" atopou o camiño a seguir para poder chegar con pé firme ás eleccións do próximo 24 de maio na capital.

Non sei, arestora, se os representantes de Podemos xa están ou non fóra do proxecto, tal como anunciaron na prensa. Como tampouco estou ó tanto de se Compromiso por Galicia decidiu ou non baixarse do autobús electoral, logo da moción ó liderazgo que lle fixeron o resto o resto do grupo por iso que chaman "acarrexo" e que, por moito que semelle sorprendente, eu aínda non sei moi ben qué significa.

Dirá vostede, entón -con certa lóxica, cabe sinalar de paso- que cómo me atrevo a escribir sobre isto se teño diante miña tales e tan significativas dúbidas que non me deixan ver o bosque. E se cadra ha ter razón, aínda que na miña defensa debo dicir, tamén, que a reflexión -que non crítica- que pretendo facer dende a miña postura de observador con xanela propia, non ten tanto que ver con unha ou outra casuística -é dicir, non tenta reparar nestas ou naquelas árbores concretas-, canto sobre o bosque no seu conxunto. O bosque dun proxecto popular que levo seguido dende os seus xermolos con simpatía. E non porque eu me sinta asembleísta de principios (que, se quere que lle diga a verdade, non o son dende os tempos de mocidade, nos que fun testemuña de cómo as asembleas eran tan manipulables como calquera outra fórmula de toma de acordos compartidos), malia que no ámbito da teoría saiba que é o sistema máis democrático posible. Senón porque coñezo a uns cantos dos seus impulsores e creo sinceramente na súa bonhomía, na súa xuventude, na súa formación e nas súas ganas de traballar por un Ourense de futuro en positivo, que é a única fórmula -ó meu ver- que nos sacará -ós da capital e ó resto da xeografía- desta situación de marasmo antropolóxico no que dende hai décadas moramos instalados.
E a reflexión vai, precisamente, por esa vía asemblearia que escolleron e que lles está dando tantas dores de cabeza.

É certo -reafírmome niso- que o sistema asembleario é o máis democrático de todos. E, neste sentido, é plausible que ó trataren de presentarlle propostas alternativas á veciñanza o fagan con fórmulas que os partidos tradicionais xamais exploraron.

Ora ben, o gran problema do asembleísmo -cousa que están comprobando- é o risco de caer nun interminable xogo de espellos ó que xamais se lle dá visto o fin e que acaba por transformar o sistema nun labirinto que os atrapa a todos, organizando asemblea tras asemblea para decidiren fórmulas internas, que non fan outra cousa ca transmitirlle á veciñanza a propia ingobernabilidade do sistema.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES