Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Defender o futuro

jueves, 26 de marzo de 2015
Os grupos económicos e os políticos cómplices que dominan o mundo expropiáronnos, en pouco tempo, as conquistas sociais e os dereitos cívicos conseguidos nas últimas décadas, e que criamos consolidados e sen posibilidade de retroceso. Carlos Varela (ex-Fiscal Superior de Galicia) recordou nun discurso recente o principio de “prohibición de retroceso social”, que vulneran reiteradamente os nosos gobernantes. Porque hai unha estratexia global, deseñada nos foros onde cociñan o falso dogma neoliberal -ideoloxía clasista que pretenden presentar como evidencia científica-, e hai actores locais (na política e na economía especulativa) que aplican estas receitas sen pudor, mesmo sabendo o grave dano e o enorme sufrimento que provocan a moitas persoas.

A xente común temos que organizarnos e defendernos para construír un futuro máis xusto e igualitario que o que están deseñando os facinorosos que dominan o planeta. O que sucedeu nos últimos anos no noso país -e noutras xeografías próximas-, non foi consecuencia dun tsunami -ou calquera outro fenómeno imparable da natureza-. A crise foi provocada pola feroz e implacable avaricia dos codiciosos que se apoderaron do mundo. Eles son -banqueiros, inversionistas, especuladores, xogadores do casino universal-, os causantes da crise, quen agora seguen lucrándose da mesma (xogando coa débeda pública, movendo segundo lles conveña a “prima de risco”, desvalixando as caixas de reserva de diñeiro público).

A complicidade obscena dos intereses financeiros cos políticos no poder está producindo un empobrecemento xeneralizado, unha desesperanza crecente que afecta cada vez a máis persoas. A mocidade ten unha importante tarefa por diante. O movemento 15-M supuxo un revulsivo para moita xente -nova e non tan nova- desencantada da vella política e dos políticos corruptos. A indignación expresada naquel momento callou en movementos sectoriales moi activos (preferentistas, plataformas contra os desafiuzamentos, as mareas da educación e a sanidade, etc), e en grupos políticos que recollen cada vez máis apoio da cidadanía.

Hai cada vez máis conciencia de que as políticas impostas empobreceron as nosas vidas e ensombrecen o futuro. Cada vez é máis visible o muro que están levantando entre os que manexan o mundo e os que son cada vez máis pobres, cada vez é máis evidente a crecente desigualdade social que nos conduce a un mundo de señores e servos. Hai unha preocupación crecente pola contorna e polo coidado da saúde do planeta; hai grupos que reflexionan e actúan para procurar a soberanía alimentaria e a sustentabilidade da nosa vida futura; hai mozos que plantexan o retorno ao medio rural e outros que reflexionan sobre o peak oil, un futuro -próximo- sen petroleo (Véspera de nada ). Cada vez hai máis persoas que perciben a necesidade de implicarse na acción social, xa que as políticas dominantes prexudican a nosa vida e a dos nosos descendentes. Toda esta enerxía hai que unificala para construír unha alternativa forte, que free o dominio actual das forzas da cobiza dedicadas ao saqueo.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES