Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A beleza e o atractivo da diversidade

miércoles, 25 de marzo de 2015
Hai moito tempo que procuro a beleza no cotiá. Ver máis alá do que a simple vista se manifesta para procurar un espazo de coñecemento mutuo onde nutrirse de experiencias vitais. Busco a beleza no día a día e atópome, de novo, con que fóra dos canons establecidos hai un universo onde o cotiá se volve excepcional dende unha perspectiva á que normalmente non chegamos.

Instalado nesta perspectiva os ollos envólvense en tenrura e máis alá das frivolidades da vida pública agroman posibilidades nesas persoas que parecen desherdadas das visións sensuais que a realidade nos ofrece.

Quen investiga un pouco sobre estes temas sabe que un futuro inclusivo só é posible sobre a base da naturalización da diferenza en todos os eidos da vida.

Aquí corríxome e afirmo que o que hai que naturalizar non é a diferenza senón a diversidade que se nos impón felizmente como unha característica inherente á propia vida. Tantos anos de ignorancia non serviron máis que para que agrome con máis forza e isto é o verdadeiro milagre da natureza. A conservación da diversidade garda todas as posibilidades de porvir da humanidade e nelas a forxa dun novo xeito de ser e estar no mundo. A diversidade é a verdadeira riqueza compartida e fomentala é sementar o futuro global da nosa especie.

Vén isto a conto porque vin en internet a historia de Winnie Brown, modelo con vitíligo á que lle custou moito lograr desenvolverse nesta profesión, chegando a converter esta discapacidade nun valor engadido para a mesma. Que Winnie chegara ás pasarelas da moda significa facer temblar e ir derrubando ese canon de beleza que nos ata a figuras estilizadas, en certa medida creadas artificialmente, que nada teñen que ver coa natureza que nos é propia. Estas figuras son flor dun día que se tratan de impoñer nun canon nocivo para a saúde que non debería ter a promoción que ten na vida pública.

Na semana da moda de Nova York tamén se presentou Jamie Brewer, que é a primeira modelo con síndrome de Down e, en España, temos a Raúl Rodriguez, tamén con síndrome de Down, intentando abrirse camiño no mundo da moda.

Son boas novas para os que levamos anos a loitar pola visión da diversidade. Sabíamos que había ollos naturalizadores que nos vían tal como somos e, por eles, seguimos loitando. Parece que estes ollos multiplícanse para que a diversidade funcional se expanda polas profesións que parecían máis afastadas. Polo tanto, temos que felicitalos e felicitarnos porque este avance social se produza e dea lugar a un canon de beleza inclusivo onde se debuxe a diversidade social que nos fai únicos e irrepetibles. Ogallá a carreira destes profesionais dea moito que falar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES