Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Á meta chégase igual

lunes, 23 de marzo de 2015
Por unha banda, doulle toda a razón ós responsables dun restaurante estremeño cando mesturan a comida co sexo, dous praceres que ascenden ós ceos. Pero por outra beira, quítolles esa mesma razón cando declaran que unha comida sen viño é coma o sexo virtual, non é o mesmo. Certo, non é o mesmo; se non bebes viño tes que beber auga e se non hai nin sexo virtual non che queda outra que mollar a man.

Non bebo viño, mais prometo ante este escrito que con algunhas comidas, metaforicamente, subo ós ceos, gozo coma se tivera un orgasmo. Chégame con dicir un bo cocido ou, simplemente, un repoliño. Iso é gloria bendita!

Tamén me chega calquera verdura; un caldiño de grelos, un caldiño de verzas do país ou brancas. De rapaz non comía a potaxe de chícharos que facía a miña nai nun prato normal; botábamos nunha bandexa grande… e repetía! Ata o señor Luis de Bouzas, o carpinteiro, unha vez que nos andaba na casa ó verme comelos, díxolles os meus pais que podían deixarme ir polo mundo adiante, que era de bo bico. E non digo nada dunha boa empanada con moita cebola. Acompáñoa con auga.

Cada vez que digo que co polbo bebo auga, algúns engurran o fociño coma se fora un crime. Tamén aseguro que co cefalópodo tamén xanto coma os anxos. O sexo máis un bo xantar; deixádeme de lerias con bebidas de tal ou cal clase. O camiño non será o mesmo, pero á meta (á éxtase) chégase igual.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES