Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non é arte, que é física

lunes, 16 de marzo de 2015
Teño diante miña unha vella fotocopia do libro do Santuario do Cristal que hai xa ben anos me permitiu fotocopiar don Adolfo e no que o seu antecesor do ano 1827 (cen anos despois do episodio da aparición do cristal) a man e de xeito literal, reproduciu a "Historia de la milagrossíssima ymagen de Nuestra Señora del Christal que se venera en la villa de Villanueva de los Ynfantes, Obispado de Orense y Reyno de Galicia, según consta de lo que escrivió el Reverendissimo Juan de Villafañe, de la distingida Compañía de Jesús en su Compendio Histórico de los principales Santurarios de España".

Reproduzo eu -tamén de forma literal- as palabras escritas polo decimonónico crego vilanovés, co fin de me facer eco aquí da segunda gran preocupación que, trala conmoción inicial polo asasinato de don Adolfo, empeza a interiorizar a veciñanza de Vilanova dos Infantes e por extensión a de tódalas Terras de Celanova, como é a da asunción colectiva da posible desaparición da pequena imaxe vítrea da denominada Virxe do Cristal.

Ó fío desta incógnita, polo de agora non desvelada, tense levantado unha mediática polvareda sobre o seu posible valor económico -ou, mellor dito, monetario-, así como sobre a súa maior ou menor importancia artística ou histórica -como obra de arte-, arredor das cales nos tres últimos días teño contemplado algunhas estampas que penso que precisan algunha reflexión.

Dende a banalidade informativa máis absoluta protagonizada polo que eu chamaría xornalismo paracaidista con ínfulas de estrelato mediático -porque "informan para toda España"- e que se lanzaron á captura dun torvo arremedo da peza real que un veciño gardaba na súa casa (porque -xa o di o tópico-, o que conta é a imaxe e se non é verdadeira facemos que o sexa e outra cousa bolboreta) coma se fosen voitres sobrevoando a prea, ata cuantificacións económicas insultantemente irrisorias para os devotos sentimentos de centos e centos de veciños destas miñas terras xerminais, unha das cuestións que máis redacción están xerando é a posta en cuestión da pequena peza vítrea como obra de arte, repetindo ata a saciedade a compasivamente reparadora cantiga de que aínda que o seu valor como tal é mínimo, a súa importancia radica na súa devoción popular.

Pois ben, perante isto, como contrapunto, creo procedente dicir que ó referirse ó fermoso obxecto -é dicir, o pequechiño cilindro de vidro- que polo de agora alguén anónimo ten no seu anónimo e sanguento poder (ou que don Adolfo tan ben tiña escondido que polo de agora ninguén deu con el) como obra de arte (capacidade humana encamiñada a crear beleza), cométese un craso erro de concepto, porque arte é unha talla de madeira ben esculpida, unha cerámica ben modelada ou un retrato ben pintado por alguén. Pero isto -é dicir, a pequena imaxe vítrea- é física da materia que polo de agora non deu explicado ninguén.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES