Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un século de escritoras

viernes, 13 de marzo de 2015
Ás veces non se ve o que non se quere ver e outras vese en oblicuo, que é a maneira máis avesa de ollar, imperdoable se se trata dunha Un século de escritorasobservación científica, que debe aplicar óculo obxectivo ao obxecto de estudo.

Como en máis ocasións do que sería desexable se procedeu así, durante moito tempo mantívose a falsa impresión de que, quitado o último medio século, o noso pasado literario estaba orfo de voces literarias femininas e que, alén de Rosalía de Castro (como creadora en galego e castelán) ou Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal (en castelán), pouco máis se podía sinalar respecto da escrita de muller en Galicia no XIX.

Por fortuna, nos últimos lustros os traballos referenciais de María del Carmen Simón Palmer, Carmen Blanco e Aurora Marco, principalmente, foron arredándonos desa cegueira na que tantos vivían instalados, demostrando que as voces femininas eran un continente en boa medida silenciado que cumpría tirar do esquecemento.

Nesta mesma liña avanza, con notorios progresos, Escritoras na Galicia do século XIX, dicionario coordinado por Carlos Andrés González Paz e Un século de escritoraspublicado como monografía dos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto Padre Sarmiento de Compostela.

Grazas a este moi meritorio esforzo do que participaron Antón M. Pazos, Rosario Valdés Blanco-Rajoy, Ángel María Arcay Barral, José Manuel Vila Fungueiriño, Aurora Marco, Carlos García Cortés, Carmen Blanco García, Celia Pereira Porto, Kirsty J. Hooper, Laura Blanco de la Barrera e María de los Ángeles Ayala Aracil temos hoxe un repertorio de máis de cento e medio de entradas nas que se detalla a biobibliografía de autoras que produciron a súa obra en galego e/ou castelán durante o XIX. Convén aclarar que se incluíron tanto as galegas de nacenza coma as da adopción, igual aquelas que foron descendentes de galegos na diáspora coma aqueloutras que, sendo foráneas, (re)produciron escrita de seu nos medios nosos. Mesmo se incorporaron os pseudónimos femininos de autores masculinos que publicaron obra substantiva con tal nome literario.

O resultado é unha obra na que, como se anuncia nas páxinas preliminares, se considerou “crucial a revisión dos contidos aparentemente establecidos”, polo que se someteron as fontes a “unha nova relectura, sobre todo á prensa nacional e rexional, xeral e especializada, que forneceu -entre outros avances- novas autoras até agora esquecidas entre as poirentas páxinas dos xornais e revistas e, respecto de escritoras coñecidas, novos datos biobibliográficos, incluídas obras ignotas e inéditas”.

Non me parece pouco froito, nin menor, este valioso Escritoras na Galicia do século XIX, manual de consulta que con seguranza se agradecerá entre os estudosos da materia, pois moita investigación agochan as súas entradas, ben documentadas e cheas de datos de sumo interese para reconstruír vidas e traxectorias. Máis que xusto, pois, o recoñecemento para o equipo redactor, o seu coordinador Carlos Andrés González Paz, o director do proxecto que o anima Antón M. Pazos e o responsable último de dar acubillo no seo do Instituto Padre Sarmiento a tan necesaria liña de investigación, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES