Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O bébedo de Talavera

lunes, 09 de marzo de 2015
Cando me predispuña a escribir esta columna sobre outro tema ben diferente -que quedará para outro día-, leo na rede unhas declaracións da moza agredida en Barcelona por un "niñato (síntoo, pero non fun quen de atopar ningunha palabra en galego que represente o mesmo concepto) de provincias" que se sentiu cosmopolita -ou tribo urbana- ó pisar o asfalto das Ramblas sobre uns patíns de cubiños de xeo de trinta e pico graos e decidiu pasar á posteridade das falcatruadas rompéndolle a crisma a traizón a unha persoa, que é a forma máis rastreira de vexar a alguén... Repito -porque alonguei de máis o parágrafo-, cando me predispuña a escribir sobre outro asunto, lin as declaracións da moza nas que agradecía a solidariedade colectiva e pedía que se respectase o seu anonimato, e considerei procedente facer causa de tan "desgraciado incidente" -utilizo palabras da propia agredida- para reflexionar, sen perfumes moralistas, sobre a sociedade que realmente estamos construíndo.

É certo que ó ver o vídeo da conta atrás do covarde lanzamento de tan tristemente alcohólica ignominia, non se ve alí a ningún islamista zurdo coa navalla sobre o pescozo de ningún xornalista occidental, nin ningún coitado mexicano pendurado dunha corda sobre unha ponte calquera de calquera localidade chicana, nin sequera ningún refén espido coas mans atadas á res en ningún pendello de calquera bosque da fronteira ruso-ucraniana. Isto todo é certo.

Como tamén é ben certo que en base a esas referencias tan cotiáns no día a día dos nosos telexornais, haberá xente que ó ler estas liñas -se as le- me tache de esaxerado e diga para si aquilo de: "¡Home!, o do rapaz de Talavera non estivo nada ben, pero tampouco matou a Manolete", que é -digo de paso- unha muleta que xa fede porque o único que pretende é revitalizar e quitarlle ferro ás cousas.

Loxicamente, descoñezo a condena que lle caerá ó rapaz cando a xustiza fale. E do mesmo xeito que descoñezo isto (non pido para el a cadea perpetua), tamén supoño que unha vez rematou o seu traballo a destilería que se activa no interior de cada quen logo da primeira cabezada e o tipo se viu reproducido ata a saciedade en foros, redes sociais e revistas matinais, vespertinas e nocturnas de televisión, ha de estar abondo arrepentido. Pero nin iso, nin a afortunadamente levedade das lesións que puido sufrir a rapaza, lle resta a máis mínima faísca de gravidade a un incidente que non deixa de ser, senón, reflexo diáfano da relatividade -ou, mellor dito, do relativismo- social no que moramos e que ten un bo espello na política. Pense, senón, en cantos políticos non serían quen de faceren o mesmo có bébedo de Talavera con algún contrincante se puideran "cazalo" por detrás nunha esquina a soas, e o acto non tivera transcendencia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES