Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un exemplo de compromiso

viernes, 27 de febrero de 2015
Mentres xanto, o informativo territorial da televisión infórmame de que a Fiscalía Xeral do Estado acababa de propoñer, para o seu nomeamento por parte do Goberno, a un novo Fiscal Xefe de Galicia.

Esta circunstancia -aínda que a proposta da Fiscalía Xeral seica non é vinculante para o acordo final do Goberno- lévame a pensar que a traxectoria do ourensán do Carballiño, Carlos Varela, á fronte da Fiscalía galega tocou ó seu fin, cando menos polo de agora, pois aínda é unha persoa con capacidade vital para poder recuncar, xa que logo, formación, seriedade, coherencia, ponderación e outros moitos valores inherentes a tan alta responsabilidade da carreira xudicial tenos máis que demostrados.

De tódolos xeitos e dado que nin é obxecto desta columna, nin eu mesmo estou cualificado para analizar a súa traxectoria profesional (aínda que ás hemerotecas me remito), si que me gustaría salientar, do seu paso pola xefatura da Fiscalía, unha circunstancia persoal que no contexto do debate sobre a utilización do noso idioma que de cando en vez se reaviva no seo de diversos estratos político-educativos-sociais que me dá a sensación de que non saben viviren doutro xeito ca coa pistola do idioma permanentemente cargada na cartucheira -ó estilo dos cowboys de Marcial Lafuente Estefanía-, debería levar á reflexión de moitos. Tanto destes que camiñan coa man en garda para, por menos dunha til ou dunha coma, botar a man á canana, coma daqueloutros ós que o idioma -o noso idioma- non lles inspira absolutamente nada e fan uso del cunha hipócrita liturxia que, como pouco, provoca náuseas.

Por iso digo que o seu traballo de semente diaria debería ser colocado sobre peana, como exemplo de que exercer un compromiso íntegro e natural, sen estridencias nin arroutadas, coa fala é o mellor favor que lle podemos facer cada un de nós ó idioma.

E digo que debería ser colocada sobre peana porque non hai manifesto mellor redactado posible, nin máis multitudinaria manifestación na Praza da Quintana cá que, unidade por unidade, individuo por individuo, sumamos a cotío ó exercermos, coa única arma da nosa palabra, o noso compromiso para que o idioma deixe de ser de vez unha arma arroxadiza e volva ser o que nunca debeu deixar de ser nunha sociedade dotada do privilexio de contar con fala propia -non emprestada- para comunicarse e interpretar, a través da voz, o mundo que a rodea.

Neste sentido, Carlos Varela, ó longo destes dez anos non fixo outra cousa ca verter chuvia miúda sobre unha leira -coma a da xudicatura- noutrora erma de idioma, demostrando así que, se cada un de nós regaramos a conciencia a nosa propia leira, a terra toda acabaría dando herba. E herba sana.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES