Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poemas de Iago Santalla

miércoles, 25 de febrero de 2015
Iago Santalla, veciño meu nestas fonduras de “Opinión” en Galicia Digital, convídame a asistir á lectura dos seus poemas que se vai facer Poemas de Iago Santallaeste xoves,26, ás oito do serán, na Asociación cultural do Agra do Orzán (Entrepeñas,38), onde -apadriñado por Mero- darase vida aos seus poemas fortes, calurosos, firmes, ergueitos.

A verdade é que o primeiro que souben de Iago Santalla foi a súa heróica lectura de poemas propios no cabodano de Manuel María, no cemiterio de Outeiro de Rei. Alí, coa fraxilidade física e a robustez anímica que o caracteriza, cada ano recita traballosa e entusiasticamente un poema dedicado ao creador da Terra Chá.

Despois de escoitalo por primeira vez, foron moitos os amigos que me falaron deste rapaz de Portomarín que naceu con parálise cerebral e cun esforzo sen límites chegou a ser Diplomado en Educación Social, Mestre en Servizos Culturais, Doutorando en Humanidades, e Experto/Mestre internacional de coaching. É engañoso o seu aspecto; non vos fiedes do que vos poida decir a vista nunha primeira ollada. Descubrídevos!. Estades diante dun xigante.

Que como chegou a onde está?. Pois non sei cando lle deu por pensar que a persoa ten unhas potencialidades que só ela mesma é capaz de coutar, e entón nacéu a súa teoría de “o ilímite”. Non temos límites os humanos, segundo Iago, e el é a proba vivinte. Os límites, son cousa nosa, e cada quen establece os que lle son más doados, para non facer, non saber, non intentar…

Se alguén me preguntase: “E como son os seus poemas?”… Eu tería que decir: “Impredecibles”. Pero rotundos. Velaquí un, “pequeniño”, para facer boca:

HOXE QUERO SER INCENDIARIO
Hoxe quero ser incendiario
para morrer no lume do teu peito.
Quero surcarte ata o fondo do teu mar,
racharche as cadeas e xurarche a liberdade.
Hoxe quero ser incendiario,
botar fóra este verso xurdido do amor,
para berrarlle ao mundo a ledicia
de que hoxe nacerá en ti unha muller ceibe.

O tema preferido nos artigos que semanalmente publica en Galicia Digital Iago Santalla é, precisamente, o do “ilímite”, o da superación persoal, o da loita polos dereitos dos máis indefensos, o da igualdade das persoas… e os temas culturais e sociais. E busca e atopa os libros máis simbólicos, os discos máis valentes, as iniciativas máis orixinais, os feitos que de ordinario pasan desapercibidos e, retirados da faramalla que a diario nos invade, postos negro sobre blanco nun breve e vibrante artigo, móstranse como pezas mestras dunha infraestructura sociopersoal, que evidencian a claridade de ideas dos promotores, a mirada fonda do pescudador de novas diferentes, e a sinxela exposición para ser entendido polos que saben entender.

Son trinta e dous anos dun espírito libre que se sae dun corpo con problemas para cantar á Patria e os patriotas, á Terra e ás súas xentes, á Muller e ó Amor.

ONTE MULLER
Onte muller
entre nós floreceu a palabra
como unha onda de liberdade
multiplicada en mil caraveis
criados na suor da nosa fronte
que nos facía na cara un río de estrelas
que desembocaba nese bico.
Onte muller, con mil alentos
sucamos a primavera
nun barco de seda
cara o mar dos teus peitos
e puxémola no teu sorriso
para ser xuntos unha historia
de auga fresca amornecida.
Onte muller desapareciches nas humidades
das ilusións da miña cama
que soñaban cubrirche
o espido deste frío
e espertaron baleiras
soas sen nada
que indicara o camiño
á orografía dos teus peitos.
Onte muller
vencín a realidade
e púxena do revés.

Non poido estar nesa lectura dos poemas de Iago Santalla, guiada por Ricardo Seixo, apadriñada por Mero (Baldomero Iglesias Dobarrio, o de Fuxan os Ventos e A Quenlla), que acabará (ou empezará) por poñerlle música a algún poema de Iago para convertilo en canción e cantalo na Quenlla con Mini, a dúo, ou con Chus, Teresa e Iria… e coa música deMijail, Marina, Manolo, Saxa e Omeljan, para situar os poemas nas ondas de tódolos que escoltamos música da Terra sentindo que algo interior nos eleva a ceos reservados para os que entendemos que a música é moito máis ca unha das artes fermosas.

Non poido estar nesa lectura, e ben que o sinto. E agardo estar noutra próxima. E mesmo agardo -pido, esixo!- poder ler públicamente algún dos seus poemas. É unha ilusión que eu teño, aínda que nunca poida compararse á ilusion que canta Iago Santalla.

CANTIGA PARA UNHA ILUSIÓN
Teño unha pomba voando nas ás do teu peito
teño unha raiola de ledicia no corazón
teño gravadas as voltas do teu xeito
nunha leira de flores contra a sen razón.
Teño un doente sen dor
teño un Deus que fuxiu de min
teño o medo que me deu o noso señor
a piques de esmorecer nas beiras no teu carmín.
Teño un ceo de vida aberto
teño un caravel para a túa man
teño un paraíso no deserto
nun oasis que medra á luz do teu verán.
Teño o porvir na palma
teño o futuro porfiando na testa
teño un mar ondeando contra a calma
porque é o teu orgasmo a miña festa.
Teño gravadas as voltas do teu peito
teño unha leira de flores no corazón
teño unha pomba voando nas ás do teu xeito
cunha raiola de ledicia contra a sen razón.

Se fose calquera rapaz de trinta e dous anos que loita por facerse camiño nesta Galicia difícil do comezo do século XXI, eu diría: “¡Ánimo, Iago!”. Como é quen é, remato confesando,”Iago, amigo, que envexa teño da túa forza, das túas ánsias, do teu ilímite!”. Pero quero crer que non se trata de envexa senon, pura e simplemente, de admiración. Apertas, amigo.
Poemas de Iago Santalla
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES