Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felipe Arias, o Mestre

martes, 24 de febrero de 2015
Si a alguén lle acae o recoñecemento de “Chairego de Honra” é a Felipe Arias Vilas que foi ata a súa recente xubilación, Director do Museo do Castro de Viladonga, despois dunha alongada traxectoria de servizo á nosa bisbarra, en distintas funcións. E dicimos que é mestre, porque endexamais exerceu simplemente coma funcionario, senón que foi descubrindo con lentura e paixón as nosas raíces, converténdose nun guieiro que alumea o noso leito.

Fronte a moitas e moitos que conciben o patrimonio coma unha finca particular ou un couto pechado coma si fosen os seus amos ou un cancerbeiro que impide o acceso aos segredos do noso pasado, illados do pobo que o enxendrou e lle dá sentido, Felipe pola contra, comunícanos todos os seus achados amosandonos as súas entranas e partillando a súa sabedoría.

Non só abreu de par en par as fenestras e as portas do museo, tamén nos acompaña polos seus corredores ateigados de historia e prehistoria. Mesmo cando exerceu de xestor do patrimonio en Compostela, non puxo lindes aos cidadáns para coñecer e investigar o que é de nós, máis ben daba pulo para seguir afondando dignamente nos tesouros que temos ao pé de nós, coas debidas condicións de conservación e respeto. Con esta arte e maña convertía ao pobo no garda máis esixente para valorar a herencia do común, porque non abonda con impor restriccións no patrimonio declarado, cómpre transformar cada veciño ou veciña no parente máis afervoado dos achados, e ata en xeradores de máis fondos na contorna de cadaquén, pois aínda hai moito por descubrir e declarar.

Consciente de que non se pode apreciar o que non se coñece, loita por converter as excavacións nun libro aberto das nosas raíces, transformando nalgo familiar o que estaba velado polo devir do tempo, liberandoo da desidia das administracións que están a pechalo no laberinto dos papeis. ç

Grazas a Felipe a Terra Chá conta cun dos centros máis senlleiros de aprendizaxe do noso pasado en todo o continente, que concibiu non coma un almacén de vestíxios, senón coma un obradoiro e escola para ensino de tod@s, emporiso o pasado sábado, no Castro de Viladonga, xuntámonos arredor del para demostrarlle a nosa admiración coma “Chairego de Honra”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES