Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

... pois ten razón!

sábado, 21 de febrero de 2015
Coma calquera persoa atenta ó acontecer cotián desta sociedade nosa levo seguindo con atención a evolución do fenómeno "Podemos" dende o mesmo día das eleccións europeas, no que a inmensa maioría do electorado nos deitamos sabendo que, no arco político, acababa de nacer unha nova formación.

Igual ca se fose unha volta ciclista das de tres semanas, téñome mantido ó tanto das escapadas en plena ascensión, dos lostregazos en abano -aproveitando, tanto o vento en contra, coma a favor- e mesmo das "cronos" individuais -tic tac, tic tac...- non exentas de tópicos de relumbrón malia teren sido inventados por outros. Incluso teño reparado nalgunha que outra "paxara" por falta de bebidas isotónicas ou por non teren valorado -por inexperiencia- ben a lonxitude e crueza dalgunhas etapas. E, ¡como non!, dalgún que outro pinchazo ou reventón de rodas que lle teñen feito ralentizar momentaneamente a marcha, ben por que houbese algunha que outra pedriña casual de arestas sobre o firme ou porque alguén deixase caer, con mala baba, unha presa de tacholas na estrada.

O dito, dende aquela xornada dominical na que sucedeu tan volcánica eclosión, seguindo día a día o contido de xornais, emisoras de radio, diarios dixitais e televisións, téñome asombrado tamén con cómo a unha parte destacada da sociedade española, socioloxicamente ben formada -polo que apuntan as enquisas- seica, así como un número significativo de medios de comunicación non lle dá vertixe fiar o seu futuro ó discurso teórico dunha ducia de profesores universitarios ben posicionados nas tertulias televisivas, coma se fosen o mesías e os doce apóstolos do século XXI predicando a palabra verdadeira, sen pararse a pensar minimamente en que gobernar un país precisa dunha rede territorial consolidada, cohesionada e perfectamente coordinada que non se confecciona cunha mínima garantía de éxito, nin nun ano nin en dous. Pensemos, senón no que lle aconteceu a Felipe González cando de súpeto se viu nun despacho da Moncloa repartindo nomes e apelidos para este ministerio, para aquela dirección xeral, para estoutro goberno civil ou mesmo para calquera xefatura territorial de 52 provincias repartidas polos catro puntos cardinais do longo e largo territorio español.

Pois ben, seguindo todo isto, leo agora que os partidos políticos tradicionais -PSOE e PP- esixen que o que din mentor intelectual do proxecto -un tal Juan Carlos Monedero- dimita porque seica defraudou a Facenda, mentres el se defende dicindo ser "un cidadán de a pé" que non ten de qué dimitir, cousa que me leva e pensar: "... Pois nisto ten razón!

Outra leria será cando se presente para algún cargo en concreto e haxa que meter o papeliño na urna. Entón, será o momento -creo- no que os verdadeiros donos do seu futuro seremos todos e cada un de nós.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES