Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nikosianos pola inclusión

miércoles, 25 de febrero de 2015
Hai unha semana descubrín “El revés del tapiz de la locura”, un documental de Adriana Leira sobre a realidade das persoas que teñen diversidade funcional mental. Concretamente retrata a experiencia de Radio Nikosia “la radio para la concordia. Abajo las murallas”, onde un grupo de amigos salta cada mércores ás ondas do son dende Barcelona para contar e retratar as realidades vividas e sentidas.

Para empezar a falar dos nikosianos debo dicir que nas súas reflexións recoñecín as propias, o que me leva a repensar moito o concepto de “normalidade” chegando á conclusión que a súa construción excluínte resulta a miúdo hipócrita, absurda, cínica e denigrante. O certo é que a normalidade é unha percepción e unha construción social que limita proxectos de futuro e arreda os ollos colectivos do mosaico polifónico da humanidade. O certo é, tamén, que a normalidade é un xeito de impoñer socialmente un canon ríxido e inadaptable que non concibe un feito tan humano como a comprensión. Sobre estas certezas érguense os nikosianos para poñer claridade nas sombras e espallar verdades polo radio de acción das ondas. Neste sentido José Luís, redactor de radio Nikosia, afirma que o que máis lle gusta é a entrevista e cando teñen diante a alguén poderoso e teñen a oportunidade de “poner contra las cuerdas a quien nos lleva poniendo a nosotros toda la puta vida”.

Por outra parte o documental de Adriana lémbrame a exposición de Xosé Reigosa “Entre Marbella e Torremolinos” na que os internos de Castro falaban da súa realidade cunha lucidez que non existe na sociedade actual. Nos relatos dos enfermos mentais parece non existir a hipocrisía e quizais sexa isto o que os arreda dunha sociedade gravemente enferma de aparencia e canons. Eles debuxan sen medo unha realidade que colectivamente nin nos atrevemos a pronunciar e isto, cando menos, é unha actitude valente e exemplar que temos que dar a coñecer.

Radio Nikosia, como di a súa redactora Inca, é un conxunto de universos de libre pensadores que conflúen na palabra e nela descobren a gran milagre de compartir. Esta milagre ten poderes de curación e pon de manifesto que non se pode negar nin anular a esencia social do ser humano. Por iso, quizais, as doenzas da razón, do corazón e da alma precisen interdependencias humana como bálsamo.

Di Ángel Martínez que é necesario deconstruir acordos, dialogar e non illar. Entón, temos que escoitar a visión do mundo dos afectados xa que a miúdo, como di José Luis, “la sociedad es una voz esquizofrénica de exclusión”. Penso eu que a exclusión é xorda, cega e ten o medo como único amparo entón temos que rachar o prexuízo, dicir humanidade con ecos colectivos e ver en cada persoa todo o que pode ser impulsándoa o camiño. Velaí os alicerces da sociedade pola que loitamos sempre, pola única que vale a pena loitar.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES