Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eloxio da lentitude

viernes, 20 de febrero de 2015
Parade o planeta que quero baixar, berra a mocidade irada. Parade este planeta que xira atolado coa pucha de CO2 camiño de nada.

Somos unha minoría que come e consume a esgalla, que bebe petróleo e queima moito carbón. Convertemos en velocidade o que a natureza decantou en millóns de anos. Baleiramos de peixes os mares a ritmo maior do que poden reproducirse. A cerna dura e quente de millóns de árbores acaba convertida en papeis que alfombran as rúas.

Todo vai máis rápido que a capacidade de asimilalo. A vertixe da velocidade é virus letal que adurmiña a unha porcentaxe salientable da mocidade. Viven demasiado acelerados. Velaquí a sociedade que creamos para eles. Esta é a nosa herdanza envelenada.

Unha boa pedagoxía sería a de baixar unha velocidade neste ritmo infernal. É dicir, camiñar máis a modo pola vida, falar máis pausado pensando o que temos que dicir. Ver menos televisión e ler máis libros porque iso significa tempo para reflexionar, para atopar respostas. Non paga a pena correr se non sabemos onde imos, se non temos tempo para apreciar a forma das nubes, a textura da cortiza das árbores, a cor e a quentura da palabra da xente.

Axeonllámonos diante dos altares da velocidade, adorando a deuses que rouban o tempo humano, é dicir, corpos e almas. Nesta nova relixión pasa a vida coma un lóstrego que impide degustar as cousas. Non podemos deternos nun parágrafo, nun verso para ulir o pelo da persoa amada. Non temos tempo para falar cos fillos, para gastalo nas conversas que nos recordan a nosa estatura humana. Fáltanos a paciencia artesá para as cousas ben feitas, para cociñar con lentitude os sabores da casa. Nin sequera temos unhas migallas de tempo para asistir ao milagre gratuíto da posta do sol, do voo das nubes, da música da auga. Hai que baixar do coche, camiñar polas beirarrúas para nos decatar dos rostros da xente, dos sorrisos e das enrugas da fermosa xuventude, da fermosa vellez.

Si, a vida bótase enriba de nós disparada a queimarroupa. A censura moderna, sibilina e diabólica, non consiste en furtar información senón en amoreala nunha mestura de imaxes e palabras cambiantes. Onte pertence a un pasado remoto.

Enganchados á vertixe de internet e ao bombardeo de imaxes apodérase de nós a síndrome do mando a distancia que domestica a realidade conformándoa ao noso capricho. Mesturamos mortes e pizzas, violacións de nenas nixerianas e a Xove Orchestra de Galicia, aventuras idiotas con idiotas que inventan aventuras, destrucións apocalípticas e praias nudistas, a guerra eterna de Siria e cancións adolescentes, mercados e Cristiano Ronaldo, información meteorolóxica e bonecas preñadas. Quen pode organizar ese crebacabezas?

Hai que parar, hai que ensinar aos nenos, aos rapaces, a camiñar paseniñamente para chegar máis lonxe, para que un día poidan tocar coa punta dos dedos as puntas das estrelas. Para que non teñamos que apearnos deste pequeno planeta que non hai moito estaba pintado da cor verde da vida e da cor azul da auga, onde os eternos e pausados ritmos da vida xamais obedecerán a tolemia do mando a distancia, onde a intelixencia estea na lentitude e a estupidez na velocidade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES